Unha nova entrada deste xoves na RG.
TAL DIA COMA HOXE
Resulta que, tal dia coma hoxe, fai uns cantos anos, ocorréuseme dar unha volta por este mundo; precisamente, o mesmo dia en que o meu pai, fixera o seu camiño de volta.
Atopábame no medio dunha aburrida eternidade; sempre igual, dias sen noites, pan a fartar, sempre claridade e felicidade. Todo era inmensamente marabilloso e monótono; xentes encantadoras, malia que, case todos, desexabamos experimentar algo novo e desigual.
A lista dos enrolados pa viaxar a este mundo, era descomunal. A única condición que impoñían, era que, na nova morada, tiñas que ter un comportamento medianamente decoroso con tódolos viaxeiros contemporáneos teus.
Ninguén coñecía nin a data de saída , nin a de chegada , nin o que estaba a agardar na outra banda; nin sequera, se aquel peregrino do máis ala, íase a adaptar ben ou mal, co triunfo ou o fracaso que puidera ter, ou o que lle estaba a agardar naquel fermoso bolo de cristal, que tanto brillaba no medio da inmensidade.
Os que ían retornando da viaxe, estaban a contar historias, tanto de xente ruín e miserable, que aproveitaban a boa fe dos outros pa enriquecerse eles e triunfar; coma tamén de outros, que estaban a falar da boa xente que entregaba as vidas, pa que os seus iguais puideran afrontar mellor a meirande parte dos atrancos, sabedores coma estaban de que, algún dia, tiñan que retornar, e de que nunca mais volverían a viaxar.
Todos eles, traian a conciencia do ben e do mal, malia que, a moitos, pouco ou nada lles importaba, con tal de lograr o seu obxectivo de conquistalo mundo por riba de todo. Avasalar aos seus semellantes, con actitudes pouco éticas, mais propias de animais sen alma, que de criaturas celestes.
A min, por aquel entón, déranme a escoller a ruta a seguir; e, sen dubidalo, quixen voar pola cima daquelas estrelas da vía de leite, que, antano, outros peregrinos marcaran na bóveda celestial.
O meu desasosego e a miña curiosidade, íame levar ata as terras do Apóstolo, que tantas batallas tiña contado da súa experiencia por aqueles fermosos lugares.
Decidido, cheguei ata o mesmo fin do mundo; xa nada mais adiante podía andar, sen atopar os atrancos dos mares:“ Non máis ala “, malia que, coa miña barquiña, algún día, tamén eu desexaba escudriñar.
Atravesei o éter, coma unha estrela fugaz; e, encarei os pasos cara este mundo real, onde, o espírito, case que non conta, coma tiña que contar.
Ateigado estaba o meu camiño de estrelas, de bólidos e de cometas, que cruzaban errantes o espazo, sen saber a onde irían parar.
Atopei a moitos que ían e viñan polas mesmas rutas da eternidade; e, tamén, con algún que outro tolo, que, dende a terra, pretendía inutilmente traspasa-lo espazo sideral.
Finalmente, aterrei nun lugar recóndito e perdido, acurrunchado no mapa, e ao que poucos lograran chegar.
O coche de Pombo, envorcou o meu fardo envolvido de fachenda na mesma cerna da Costa da Morte ( ironía do destino pa que, de vivo, puidera soñar )
Acudiu á por min a señora MARIA DE VALIÑO, e, recollendo aquela encomenda, a escape, levouna a casa da señora MARITA DO JORILLO, pa que ela fora a miña nai.
E, dende a rúa Pizarro, comezaron as andanzas da historia dun personaxe soñador, que, certo dia coma hoxe, puxérase a soñar coa vida que desexaba soñar.
Un Quixote, que trota con Rocinante cunha lanza por corazón, enfrontado a uns muíños que queren torce-la pluma da súa ilusión, sen saber ben que, nesa lanza, vai cravada a súa alma.
Ceibar a Dulcinea, prisioneira na illa que se propón conquistar, non ha supor verter nin unha pinga de sangue daqueles xigantes malandríns.
Vagabundo do destino, a pique de remonta-las derradeiras cimas da vida, trata de cumpri-la encomenda que marcaran pa el no mais ala.
Antonio Puertas
IN MEMORIAM
Daquel dia coma hoxe, venme a lembranza do teu aniversario,
e, quixera, pai adorado, conversar de tantas cousas;
mágoa que non sei que che hei dicir, pois, lémbrote a diario
con estas bágoas que aplanan a miña alma coma lousas.
Fúcheste o mesmo dia en que eu nacín, Señor da vida nosa;
fuches o meu Deus na terra, e adórote na memoria.
Pa min, fuches, pai meu, o eterno rei dunha vida fermosa,
polo que o mundo pasou por min, co gozo da túa gloria.
Hoxe, o teu fillo chora os dias en que, antano, foran horas
de festas e de agasallos, de parabéns e de troulas…
¡ Descansa ! que, ti, na eternidade, a tal dia, xa non choras;
e, iso pa min é gloria que os ceos teñen nas súas bouras.
Antonio Puertas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario