Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

jueves, 25 de septiembre de 2014

CURSO 2014-15

Como hai xa uns días que iniciouse o curso académico actual vou deixar algunhas cousas para que siga tendo algo de vida asistida este mural colectivo. As quenturas que tiveron estes medios de expresión e comunicación neste último lustro teñen todos as mesmas eivas. Deixaron de ser unha novidade e, talmente como as modas, deixaron de levarse e remataron moitos deles adormecidos e invernando igualiño cos barcos de lecer que están amarrados e moitos deles debendo as cotas de amarre ou vendéndose pola décima parte do que custou mercalos. “Panta rei” en grego que dicía Heráclito. A auga dos ríos que pasa por un lugar nunca xamais volta a pasar a mesma polo mesmo sitio .E unha das bondades da vida que nunca un día ou mes ou ano é como o anterior.

Sexa esta reflexións filosóficas na honra de D. Luciano Méndez Palleiro que tiña a teima, cando nos ensinou Ontoloxía e mais Lóxica, de ensinarnos a pensar pola nosa conta e cos criterios científicos dos siloxismos. Hoxe tododios nega a maior e non pasa nada e distinguir xa nunca se fai. Ten moita xente agradecida que foron alumnos del en San Martiño Pinario .Onde sexa que estea que viva feliz. Grazas a Puertas que nos avisou do seu pasamento.

Pois para empezar o curso, xa as universidades dando exemplo de madrugar comezaron o primeiro día de mes que andamos,vou deixar o que servidor tiña escrito nos veráns pasados por se a alguén lles pode interesar lelos no caso de que non o tiver feito no seu día onde apareceron:

Agosto 2010:

"DECISIO INSOLITA

A Enxebre Orde da Vieira, entidade privada, que agrupa a  galegos distinguidos que están fora de Galicia, celebrou a semana pasada, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, o seu chamado Capitulo Xubilar. Entregaron un diploma a varias persoas, entre elas ao Doutor Carracedo, experto xenetista recoñecido mundialmente pola investigación do ADN, con cantidade de premios concedidos e futuro,seguramente,  premio Novel.

O insólito é que no mesmo acto,en presencia do Presidente Da Xunta,se lle entregou a vieira a D. Mario Conde condenado polo Tribunal Supremo a vinte anos de cárcere polos delitos de apropiación indebida, estafa e falsidade documental. Un delincuente condenado, en liberdade condicional desde o 2008, con antecedentes penais graves e que non poderá cancelar mentres non pasen 5 anos despois da liquidación da condena para estar reinserto socialmente.
Estamos ou podemos estar ante un caso de apoloxía do delito que se produce cando publicamente se exalta o delito ou a persoa que for condenada como partícipe ou autor dos mesmos.

Estes actos denigran a quen son merecedores de recoñecemento social. O texto da condecoración entregada reza literalmente: “Por canto fixo, fai e aínda mais fará polo enxerguemento da terra e para que viva connosco con recordo e amizade”. Sobran os comentarios.

De non lle ser retirada a condecoración, que sería o acertado, creo que merece un rexeitamento social pola perversión ética e cívica que ofende as persoas de ben."

(Este texto que se oublicou na Voz de Galicia firmeino como avogado do Colexio da Coruña) Recibín parabéns pero nada se fixo. A decadencia xa ven de anos atrás.

Agosto 2011:
“XULIO LOIS:IN MEMORIAM

Acábanos de deixar o crego Xulio Lois. Un home enteiro. Un cristián exemplar. Articulista,conferenciante,autor de moitos libros. O derradeiro: “O Deus dos pobres”(2005) Naceu en Pontevedra no 1935.Estudou Dereito en Santiago pero abandonou a avogacía para facerse crego colaborando cos movementos de acción católica especializada XOC e HOAC das que saíron tantos dirixentes políticos e sindicais. Foi profesor de teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca no Instituto de Pastoral do Campus de Madrid. Ensinou Cristoloxía a varias xeracións de curas e leigos. Presidiu a Asociación de Teólogos Xoán XXIII.

Defendía que a Igrexa ten que ser pobre e dos pobres. En consecuencia o Vaticano debería desaparecer. Mantívose fiel a Teoloxía da Liberación. Renunciou a facer carreira dentro da Institución sendo sempre coadxutor nunha parroquia do barrio madrileño de Vallecas. Os seus amigos foron esa maioría silenciosa de cristiáns desencantados da Igrexa oficial. Admirador do Arcebispo do Salvador Monseñor Oscar Romero. Auguraba que a postura involutiva que mantén a Igrexa non vai ter mais remedio que poñerse a dialogar para non converterse nunha seta irrelevante ou insignificante socialmente.

Pasou os dias finais da súa vida,aqueixado dunha enfermiade grave, acompañado da familia que residía na Coruña. Vivirá sempre na memoria de todos os que tivemos a boa fortuna de coñecelo.”

(Na Misa que lle fixeron na Coruña haoubo moitos cregos e mais ex. Por suposto non faltou Vilariño,Cabarcos e moitos mais cregos da Coruña a que viña sempre por ter familia aquí. Presidiu a Asociación de Teólogos Xoan XXIII durante moitos anos) Este Papa chegou tarde para darlle unha alegría aos que loitaron contra vento e marea para manter as candeas acesas do Vat.II)

Agosto 2013:

“AGOSTO INHABIL

En pleno mes de Agosto,o día 2, publicouse o Decreto 609/2013 do Ministerio de Educación que fixa o limiar ou beira de renda e patrimonio que non se pode traspasar para ter dereito a becas e axudas ao estudo para o vindeiro curso 2013-14.

Con nocturnidade e aleivosía nun mes inhábil a todos os efectos para o Estado menos para cuestións de urxente necesidade,din que é mal mes para ter avarías na casa, enfermar ou morrer, déixase sen efecto o decreto de 2007 que fixaba ao réxime de axudas ao estudo personalizadas. Supón entre outras cousas que o fillo dunha nai solteira que cobre mais de 7.646 Euros ao ano non recibirá a beca universitaria máxima.
Ademais precisarase un 6,5 de nota mínima nas probas de acceso a Universidade para poder optar a beca xeral e de residencia no seu primeiro ano. Isto supón, como veñen denunciando os reitores, que o que teña posibilidades económicas na familia,poderá estudar aínda que sexa unha medianía ou un burrán e se es de familia humilde tes que ser brillante ou superdotado.
Aí está a inxustiza e o atentado contra igualdade de oportunidades. Rómpese por primeira vez a igualdade de acceso a estudos universitarios. Veu funcionando durante os últimos cincuenta anos a través daquel Padroado de Igualdade de Oportunidades. Este permitiu que haxa hoxe médicos,xuíces enxeñeiros,avogados,profesores,arquitectos e funcionarios nas escalas superiores que son a primeira xeración de titulados superiores nas súas familias. Da pena pensar e ver que andamos cara atrás en vez de cara adiante.”

AGOSTO 2014:

Agosto 2014

“MARÍA TELO, (in memoriam)

Acábanos de deixar hai uns días con preto de 99 anos esta avogada madrileña que empezou a carreira de dereito na Universidade de Salamanca no 1931.Coñeceu a Dona Clara Campoamor, precursora do movemento feminista, que logrou que as mulleres puidesen votar durante a república e mais que se aprobase a lei de divorcio, quen a contaxiou do seu lema:.«a miña lei é a miña loita» Foi María Telo das primeiras mulleres que abriron despacho na capital no ano 1952.. Adicou toda a súa vida a loita para que a muller tivese igualdade de dereitos cao home. Afiliouse durante a ditadura a Asociación Internacional de Mulleres de Carreiras Xurídicas e cando se puido puxo en pé a Asociación de Mulleres Xuristas no ano 1971.

Batallou,o habido e por haber, para entrar na Comisión de Xeral de Codificación que mudou o Código Civil ,mediado o ano de 1975, en que se introduciron modificacións como que a ,muller casada acadase a maioría de idade xurídica que non tiña ate ese momento. Non podía sen autorización marital dispor dos bens que tiña en propiedade antes de casar,nin aceptar herdanzas,nin abrir unha conta nun banco nin ser cabeza de familia e administrar os bens do matrimonio.

No ano 209 publicou un Libro. Mi lucha por la Igualdad Jurídica de la Mujer (Aranzadi, 2009).no que narra como pelexou toda a súa vida para conseguir un Estado no que a lei para a muller non fose un castigo senón unha protección e un amparo. Nunca se dou por vencida. Hai cinco anos declarou que a plena igualdade entre homes e mulleres acadouse no terreo das leis pero que na realidade o labor por facer aínda era grande. De persoas así convén acordarse e renderlles a admiración que merecen.”



Por hoxe nada mais. Bo curso para todos. Hai que estar,nesta sociedade ou suciedade, hoxe mais ca nunca, sempre aprendendo e reciclando o que se ten aprendido. Non lle fagades caso a estas prédicas igual que non se lle fan aos cregos cando se poñen pesados coas súas fixacións. Aos que falan so rego e sobre todo con respecto aínda hai xente que os escoita e comenta “no que dixo ten razón” Saúdos: Rafael

lunes, 22 de septiembre de 2014

CONVIVENCIA 2014


Unha imaxe vale mais ca mil palabras. Iso é o que din. Hoxe coa proliferación da imaxe, en que todos levamos no peto con que gravar o que falamos e fotografar o que vemos,se foramos conscientes dilo (xa hai moita xente que o é) xa que a lei Charles Darwin é inexorable, como todas as leis naturais, podiamos denunciar cantidade de tropelías que pasan polas nosas mans con probas documentais que o acreditasen que hai menos de 20 anos eran inimaxinables. Perdoade pola digresión. O que quería dicir é que para os que ,polo que fose, non puideron ir á convivencia vou colar as imaxes que me cederon os compañeiros Enrique Vázque Pose e mais o seu curmán Miguelanxo ( hai que o felicitar xa que ven todos os anos desde Málaga adrede) para ver aos compañeiros cos que estivo o menor tempo de todos nós.

Foi un bonito día en que nos encontramos con quen conformou a finais dos cincuenta e primeiros anos sesenta aquel medio millar de muchachos que rezaba o himno de Belvís que aínda debe ter letra e musica D.Manuel Iglesias Pérez que paréceme que era o que o ensaiaba.

Agradecerlle a Sanmartín Obelleiro o servizo de intendencia que a través da súa mediación nos facilitaron o xantar e os líquidos regantes,viños da terra, dos que non se subían á cabeza. E a Fernando Ledo que nos facilitou a visita do Pazo de Oca incluído a presentación do Duque de Segorbe. Comentei con alguén que estivo ao meu lado que foi esa visita como unha volta a Galicia Feudal.
Pois aí van as fotos con algún pequeno comentario para algúns como Puertas que por forza maior non estivo. O que queira saber mais que fale con algúns dos asistentes e terá unha crónica persoal.
:Non levarán orde.A casa de comidas portatil que nos acolleu no paradisíaco lugar de Carboeiro no que se cruzan o rio Toxa e mais o Deza.
Empezando a visita ao Pazo.Escoitando ao guía que estaba moi documentado.Excepto algún que o corpo lle pedía farra o resto atendendo es informacións e facendo algunhas preguntas.
Impresionantes os xardíns.Tanto ou mais vistosos ca os de Versalllés que prendaran a D. Pio o Profesor de Francés.
Seguindo o estanque arrodeado de petreas pedras do perpiaño da zona.Andrés diante como o bon pastor marcando o camiño como corresponde.
A carreira de 10 ou 15 metros de ancho á vista de bon cubeiro permitía camiñar ao par como se aprecia.
Comvidándonos Tacón a beber da pía.Ante a falta de cartel de potabilidade limitáronse algúns a facer a ablución de mans nada mais.
Na capela do Pazo seguindo Misa e prédica de Vilariño que ademais de atenderlle ao que nos dixo,bo e breve, ao final comentamos a boa forma no que o encontramos despois do serio problema de saúde que tivo.
O que aparece no Centro é o Conde de Segorve que departiu amablemente con nós agás con Fernando Ledo por deixarlle a capela sen culto despois de catrocentos anos.Cando Fernando lle dixo que ad imposibilia nemo tenetur quedou convencido a sorriu amablemente.
No interior da Igrexa do Mosteiro de Carboeiro de arquitéctura impresiomnante e ben restaurada.Como xa había gañas de comer foi unha visita a vista de paxaro.
Xa na concomencia e cada vez mais animados polos efluvios espiritosos dos viños do Ulla e de Barrantes.En animada conversación e algo de farra tamén.
Outra panorámica.
E por último en atención ao autor das fotos pioñemos a de Enrique. Ademais por ser o único,me parece ,que aínda se mantén en activo e axuda a pagar as pensións dos demais todos.Que sexan do voso agrado e quede para constancia da posterioridade.Saúdios para todos.Rafael
P.D. Antes de rematar por tamén esta foto do mais gamberrete que nos alegrou cun aleleuia de Hendel na sobremesa e que nunca se esquece destas convivencias Por òuco o deixamos en terra por meterse no labirinto e facer trampas para saír.Agora mais nada.Deica a próxima.

miércoles, 17 de septiembre de 2014

DESCANSE EN PAZ DON LUCIANO MENDEZ PALLEIRO.
Antonio Puertas

lunes, 18 de agosto de 2014

CONVIVENCIA 2014

Para xeral información, seguindo ordes algo propias e mais alleas, por medio da presente noticia faise saber que o próximo dia 11 do mes de Setembro,vixente o verán,terá lugar conforme se anuncia a comida anual e mais os festexos e celebracións que na convocatoria oficial se expresan co visto e pracet de Sanmartín Obelleiro que falou directamente con Dios Vigo.

O programa é o seguinte:
Verémonos pois ese día.Saúdos: Rafael

viernes, 11 de julio de 2014

Antes de deixarvos en paz durante o tempo de verán, aí este poema adicado a nósa Vixiña do Carme e ao meu pobo mariñeiro. O vindeiro dia 16, todo o mundo pa Camariñas...non hai festas como as nosas:



O DIA DO CARME

Xa saben os mares que han ter que bailar
coas ondas da ria que veñen e van;
e os arcos dos mozos, que han ter que danzar
no espello das augas ca luz do verán.

E a Virxe do Carme xa Ela ben sabe
que, marcando o Carmelo e faro Vilán,
hai festa nun pobo e a xente non cabe,
e a ría xa sabe que pa alí todos van.

E cara a Muxía e a Virxe do Monte,
xa saben as bombas que han ter que estoupar,
e os mozos e mozas de hoxe e de onte,
a Salve nas augas terán que cantar.

Xa saben as gaitas que o mar danzará,
e a espuma nas augas en branco ha bordar
a Salve e o canto, que ó ceo voará
ca alma mariñeira da xente do mar.

Antonio Puertas.



jueves, 3 de julio de 2014

FIESTRA ABERTA 2

Decateime, cando abrín os arquivos do que escribira neste último lustro,agardo que non sexa o derradeiro, que nos anos 11 e 12 aínda gardaba o calendario de tempo lectivo e non lectivo e por tanto neses meses non tiña gardado nada.

Quedan aí,para o que se achegue a esta fiestra e coa perspectiva do tempo pasado,eses poderíanse chamar retrincos se non fose porque de vivir D Alfonso Daniel Rodríguez Castelao poríame de xeonllos e mirando cara a parede por tempo indefinido por ter o atrevemento de profanar o templo das letras con semellante petulancia.


XULIO 2010

Ensinantes apreciados

Vense de publicar un estudo realizado pola Fundación BBVA, en varios países da Unión Europea,incluída España, no que aparecen como profesións mais valoradas os mestres (7,6).médicos (7,5) e científicos (7,4). E un notable alto para estes numerosos colectivos que tan valiosos servizos prestan ao conxunto da sociedade.

A axuda que esta magnífica estima social presta aos profesores para cumprir coa súa función ten un inmenso valor. Os alumnos que viven nun medio familiar e social onde se lle ten consideración aos profesores están mais predispostos a traballar, colaborar e a cumprir os obxectivos pedagóxicos. En definitiva a ter un mellor aproveitamento do que se ensina e aprende,sentirse orgullosos dos seus profesores e a superar o fracaso escolar.
Parabéns para todos os mestres, médicos e científicos que se lles recoñece a valía do seu traballo.

Pola contra os colectivos menos valorados son os partidos políticos (3.4),os sindicatos (4.1) e as autoridades relixiosas 4.3 ) Deben revisar os compoñentes destes grupos onde están as causas deste escaso apoio social. A autocrítica e o recoñecemento de errores propios achéganos aos demais E propio dos humanos cometer errores e de sabios saber rectificalos. Por ese camiño podería vir algunha solución a ese descrédito xeneralizado que tanto dana a auto estima que todos precisamos para andar pola vida.


XULIO 2013

PENOSO E LAMENTABLE


Sucedeu estes días algo insólito no eido internacional e panorama europeo. O Xefe do Estado de Bolivia,país sudamericano de mais de dez millóns de habitantes, estivo retido mais de doce horas en Austria por negárenlle Francia, Portugal, España e Italia facer unha escala técnica, na viaxe de regreso desde Rusia ao seu país por desconfiar, de forma equivocada ,que no seu interior estaba o Edward Snowden. Este cidadán americano acúsano de desvelar secretos do espionaxe que facía Estados Unidos sobre gobernos e institucións da Unión Europea.

Algo falla gravemente nos servizos de intelixencia dos países mais importantes para cometer erros de semellante magnitude. Ninguén entende como sen fundamento real se pode facer o ridículo desta forma.

¿ Terá isto consecuencias para España? Seguramente os bolivianos pensen que si despois de observar como tratan á súa máxima representación o Xefe de Estado. En Bolivia están na actualidade: Repsol, Iberdrola, Albertis , Aena, BBVA,Unión Española de Explosivos, Santillana. Empresas das mais importantes. E de supor que botarán pestes contra España e contra quen tomou esa decisión.

Pensarán como xa andan dicindo que somos en vez da patria nai a madrasta nunha colonia de Estados Unidos. Actuacións como estas, non deberán repetirse. E por pedir desculpas non se perden os aneles. Isto si que desprestixia, e moito, a marca España.

Xullo 2014

MENOS IDIOTAS

Chama a atención, cando nos interesamos pola orixe das palabras,como ao longo do tempo van mudando o seu significado. Na antiga Grecia, berce da democracia e da filosofía,chamábaselle idiotas a aqueles cidadáns tan egoístas e amantes da súa vida privada que non manifestaban ningún interese polos asuntos públicos da súa comunidade. Séculos despois en Roma xa significaba persoa falta de educación e que destacaba pola súa ignorancia. Nestes tempos pode significar quen é incapaz de entender as cousas mais sinxelas e incluso, nun senso mais científico, aquel que padece unha enfermidade mental que lle impide usar as facultades intelectuais. Na vida ordinaria cando o dicimos de alguén non e ningún cumprido senón un insulto humillante.


Nos tempos que andamos e despois doa acontecementos mais inmediatos como son o resultado das eleccións europeas que rematou coa convicción de que cada partido dos maioritarios tiña sempre un electorado que lle era moi fiel poñendo como exemplo as comunidade de Madrid, Valencia e mais Andalucía. Tamén a falta de confianza nas institucións que sempre a tiveron como a monarquía,os partidos,sindicatos, organizacións empresariais e incluso bancos e caixas parece que chegamos á seguinte conclusión: Cada vez - no sentido que o entenderon os gregos, de non sentir preocupación e interese polas cousas públicas,o autentico significado da república,res pública,que tantos partidarios lle apareceron na actualidade - podemos concluír que cada vez somos menos idiotas.



Que teñades un bo verán e que non falte a saúde que soamente a valoramos cando vemos que estamos a punto de perdela. Como sempre saúdos. Rafel

domingo, 29 de junio de 2014

Ista é a miña derradeira aportación ao programa da Radio Galega Pensando en Ti, de Marcial Mouzo:

UN MUNDO PARALELO

Aquí estou de novo metido entre as teclas dun piano literario i entre papeis, sen saber moi ben o modo de enfiar o tema que ha dar ritmo a unha danza de letras, coas que comezar a miña despedida.

Dende aquel afastado dia do mes de Setembro, onde, o Vilán de Fora, tomara alas pa voar polo espazo sideral, coma colaborador dos xoves no programa de Marcial, Pensando en Ti, pouco ou nada, estaba eu a imaxinar de que ía a chegar ata o dia de hoxe. Metido, iso si por aquel entón, nun mar de dúbidas e de temores, que foron abrindo paso entre néboas e clareeiras nos meus ollos, case que cegos.

 Pouco a pouco, fun descubrindo un mundo paralelo ao noso, misterioso e sen igual. Un mundo descoñecido e apaixonado, pa cantos estabamos a pensar de que todo remata, cando o noso ser entrega exhausto nos brazos de Morfeo un corpo aplanado no catre.
Non todo se paraliza, nin todos dormen nese intrigante mundo das noites. Nin sequera a lúa, coa súa testemuña de privilexio do noso sosego.

Antes, cando baixaba eu pa mercalo pan, parecíame o mais normal do mundo. A calquera hora da mañá, por moi cedo que fose o meu madrugar, aí estaba sempre na despensa dos panadeiros ese manxar, disposto a renxer, fresquiño e tenro, no cazolo da miña sopa. Así, de ese modo, decatei de que, mentres eu podía almorzar aquel delicioso bocado empapado de leite, outros, tiveran que pasala noite sen durmir.

Do mesmo xeito que, cando me achego decidido ata o mercado pa mercalo peixe do dia, moitos barcos, antes, saíran a faenar, e a loitar contra as adversidades do mar e as tebras da noite, arriscando as súas propias vidas.

Ou, coma acontece cos profesionais da sanidade, sempre vixiantes e dispostos a aportalos seus coñecementos, cando as doenzas premen no noso feble e delicado farrapo mortal.

Mesmamente, está a suceder no ramo dos taxistas, dos camioneiros, da prensa escrita, …i en tantas, e tantas outras actividades, que sempre están aí, pa prestalos servizos que fagan mais doada esta vida nosa.

E, como non podía ser de outro xeito, con Marcial. Un profesional da comunicación, onde os haxa, quen, non só está pendente de ternos a todos nos ben informados, se non que, sobre todo, por ser el un nexo de unión inestimable entre oíntes e parlantes, nas madrugadas da Radio Galega.

E, deixando a un lado a todos eles, agora, desexo referirme a esa xente na que eu endexamais estaba a pensar. Sobre todo, pola miña facilidade pa durmir, dende o primeiro minuto até o derradeiro, que paso tombado no leito do meu catre. Desexo citar, digo, a toda esa xentiña, que, ben por enfermidade do corpo, ben por causa das doenzas da alma, non poden concilialo soño, i andan na procurar desa voz amiga e cálida, que, cando di: “ boas noites “ transmítelles aquel ton agarimoso, como se fose un pai que está a arroupar ao fillo acariñándolle a face, pa que poida durmir tranquilo.

Ou, coma non, os desvelos de Xan Ramón, por estar a cachear na hemeroteca, ese disco que lle están a demandar os oíntes do programa.

Seguramente, cando empezaron as andainas polo mundo das ondas, ningún deles estaba a imaxinar que ían ser os protagonistas de tantas orellas peludas, que estaban a agardar por eles cada noite, pa poder recibir esa palabra amena en horas tan intempestivas. Ou, tampouco, de que unha tal Hermelinda, ía a arrincarnos un sorriso solitario na noite dos invernos, no medio das tebras inundadas de intrigas; ou, de que Carla, esa oínte de Vigo, ía saír con que a súa vida , tamén tiña ese desacougo de penurias, propias dun mortal, agochadas tras o seu espírito aparentemente feliz e trouleante; ou, de que Luisa de Ourense, ía a aportar tanto sentido común ao noso benquerido Pensando en Ti; ou, de que, Ánxeles de Ferrol, tan dinámica ela e servizal, ía colaborar en todo canto de ela precisemos nos; ou, de que íamos ter a un artista do mar, e peregrino da terra, González de Noia; ou, a un ocorrente humorista, o Pichón de Camelle…

E, seguindo con esa lista interminable, non podo deixar de nomear a quen mais me impresionou, pola súa sabedoría e forza de vontade. I, ese home, non é outro mais que “ O Profesor Maneiro “, a quen mando dende aquí o meu abrazo agarimoso, pa transmitirlle a forza de todos nos, e, darlle ánimos pa sega loitando coa súa enfermidade. ...

Tampouco desexo esquecer a Juan, a Carmiña, aos meus amigos Pilar e Paco- os Taberneiros da Feira- a Segundo, a Oliva, a Luis, a Ana, a Sofía, a José Manuel, a Laida, a Pilar, a Carmen, a Alfonso, a Salvador, a Enrique de Carcasía- persoeiro inigualable en gracia i humildade-; i, a tantos e tantos outros, que farían desta lista, unha interminable e fermosa ladaíña digna de escoitar,… mais, imposible de compoñer.

Historias graciosas, coma o da burrica, ou o do casamento en Cerceda… Xuntanzas de irmandade na sala de festas Paulino, do Carballiño; ou a de Lugo, na Nova Exágono, engadiron un halo de enriquecemento do espírito, espertando en todos nos a esperanza de un bo futuro pa o noso programa das noites.

Logo, tamén, e, como non pode ser doutra maneira, aos compañeiros colaboradores, coma o gran profesor e poeta PACO RIVAS; ou, coma non, o fabuloso animador dos venres, o asturiano JORGE; ou, aquel paisano noso, EVARISTO OROÑA, erudito en temas de emigración, que nos trasladou no tempo, semana tras semana,  lembrando as calamidades das nosas xentes de entón, rumbo a Arxentina.

E, así, dende o Vilán de Fora, fun tamén eu, dando forma a esa danza de letras que tantas veces tivera que rachar, por non atopar aquela nota apropiada que puidera arrincar un son  harmonioso, merecente das nosas ondas.

Tan só o ánimo de todos vos, i aquelas palabras que un día dixera Marcial- a piques de rematar o pasado verán- de que eu ía ser coma unha especie de ponte de axuda, pa que moitos puideran trasladar os malos tragos da vida a outra dimensión, mais acorde coa nosa condición latente en nos de paz e de felicidade. Tan só por todo iso, animeime a chegar ata aquí.
Se logrei o meu obxectivo, alégrome por todos vos, e tamén por min. E, se non fun quen de unir, nun apreixo de irmáns da radio, a eses mundos paralelos, que tanto están a chamar por todos, que saibades polo menos, de que o fixen con todo o meu agarimo e con toda a miña boa vontade da que fun capaz.

Adeus, amigos. Algún dia, xuntos, nos veremos danzando por algún Vilán de Fora ao compás das ondas do mar e do arrolo dos ventos.

Somos fillos do mais ala e do murmurio das estrelas, e estamos a bailar todos xuntos polos nosos firmamentos.
Antonio Puertas

DENDE O VILAN DE FORA

Xa o vento deixou de soprar
no noso Vilán de Fora;
xa o soliño está a despuntar
e as chuvieiras vanse agora.

Xa non fungan pola costa
esas treboadas roncas,
e xa afoga o sol na posta
prendendo luces e sombras.

Xa as lanchiñas saen po mar
enchendo as augas de troula,
ca sardiña que está a mallar
i a espuma que a rede doura.

¡ Atrás quedan tantas cousas !
¡ tantos amigos e bromas !
¡ tantos contos e poemas !
¡…e  tantas cousiñas nosas !

E por diante, no horizonte,
volve a barquiña que cobra
a alma que trae Caronte,
ameigada a miña sombra.

Se é que vedes pola ria
a lanchiña de Beldoña,
sabede que arribou no dia
doutros tempos cos que soña.

Todos caben na barquiña
e, cantando, todos vogan,
pensando en ti, queridiña;
…cantando, as penas, afogan.

Adeus, amigos, que, axiña,
hei ir ao Vilán de Fora,
coa miña alma andoriña
i esa saudade voadora.

Antonio Puertas


 A MIÑA CASIÑA

Subindo pola do Medio
e, a de Corral, o pasar,
alí está a rúa Pizarro,
alí comezóu meu cantar.
Alí, as miñas lembranzas
vividas no meu lugar,
soñando volver con elas,
soñando con retornar.
A brancura da casiña
e mailas fervenzas do mar,
fanme chorar cando penso
no meu rueiro, no meu fogar.
Laiando fun pola vida,
cantando fun polo mar;
areas da miña vila
marcaron o meu pisar.
Canto mais lonxe pisaba
mais me poñía a chorar,
e, o entrar polas Carballas,
rexurdía o meu cantar.
Cantaban comigo as fontes
e as meniñas ó falar,
cantaban os paxariños,
e, bruando, cantaba o mar.
O balcón da miña casa,
e os xeranios da miña nai,
polo miudiño cantaban
ao ver pasar a meu pai.

Todos engadian algo,
todos querían cantar,
un remuíño envolvente
buligaba por meu fogar.

Antonio Puertas

















lunes, 9 de junio de 2014

FIESTRA ABERTA 1

Seguindo o que manifestei, hai un mes xusto, e para darlle algo de vida a este balcón ou mirador vou deixar o que escribín neste mes de San Xoán no ano dez e así cadanseu até hoxe que pese e pasar case un lustro seguen tendo certa actualidade:

XUÑO 2010

DEREITAS ESQUERDAS -


“”Son dúas palabras cunha carga ideolóxica grande que algúns nunca utilizan e que outros usan con excesiva frecuencia. Na actualidade hai unha enorme confusión sobre o seu significado. Hai que dicir que se utilizan desde a revolución francesa de 1789 proclamando a liberdade a igualdade e a fraternidade. Os partidarios situáronse na sede da Asemblea Francesa, hoxe parlamento ,a esquerda e os defensores da nobreza e do antigo réxime á dereita.
Posteriormente identificouse a esquerda co socialismo,comunismo e anarquismo e a dereita coa tradición, a orde e o conservadorismo. Na actualidade habería que graduarse en socioloxía e ciencia política para saber o que significa extrema dereita, extrema esquerda,dereita moderada,centro dereita ,centro esquerda,dereita extrema,esquerda radical,dereita liberal ou o centro a secas.

Conviña que cando nos falaren nos indicasen con mais claridade o que cadaquén entende; para saber do que estamos a falar sobre todo desde que o sistema capitalista non ten alternativa, nin cae nin o refundan como se chegou a reivindicar. Mentres tanto as consecuencias sempre as pagan os mesmos:os que soamente saben traballar.

XUÑO 2011
CAMBIO DE EPOCA
Debemos sentirnos afortunados de vivir nunha época histórica de tantos cambios. Se podería dicir sen esaxerar que nestas últimas décadas se produciron mais transformacións,en todas as ordes da vida,ca anteriormente en toda unha era de varios séculos. Na cultura,na medicina, na economía, ,na tecnoloxía ,na imaxe,na comunicación e un longo et cétera.
Vivimos nunha época de cambios pero xa alguén se pregunta se non estaremos ou deberiamos estar nun cambio de época. Para iso deberíase ir a formación dun goberno global ou mundial  que puxera freo ao poder especulativo e financeiro que chaman mercados. Creación dunha moeda única mundial para evitar as guerras de divisas que prexudican sempre aos mais débiles. Prohibición dos paraísos fiscais. Sometemento  obrigatorio a unha xustiza internacional. Fiscalización para as transaccións monetarias co fin de que non se lle perda o rastro ao diñeiro cando sae dun país. Democracia de  participación directa na escola,na empresa,nos sindicatos,nos barrios e en todas as institucións. Persecución da corrupción política e económica.
¿Será moito pedir que dentro de trinta anos se recolla nos libros de historia que a partires do 15 de Maio do 2011,data que dou orixe ao movemento coñecido como dos indignados, comezou unha era nova para a humanidade na que se foron erradicando os maiores males sociais que se arrastraban do século pasado? Soñar desperto tamén e bonito e necesario.

XUÑO 2012

O ELECTRICISTA DA CATEDRAL


Desde que apareceu o “Codex Calixtinus”e soubemos da millonada de cartos en poder do electricista en todos os comentarios se repetía o mesmo: Mira que foi parvo.¿Por que non devolvería o libro, a través dun avogado baixo secreto profesional ou dun cura en confesión,como lle pediron por medio da prensa;? .Outros ¿Para que o roubou se non lle valía para nada?. Tiña a vida resolta de toda a familia para viviren como reis.

A ninguén lle escoitei censurar o que fixera. Iso pode indicar que todos levamos dentro un electricista e que de ter ocasión fariamos como el. Estase vendo con esta crise,veu para quedarse moito tempo, que unha das causas de tanta desgracia e sufrimento,sobre todo, para os que non teñen traballo nin esperanza de atopalo é a corrupción, a falta de decencia,de responsabilidade,de honradez e doutras virtudes sociais que non abundan. Nese campo temos todos moito que facer empezando polos nosos dirixentes para dar exemplo.

XUÑO 2013

GARZON TIÑA RAZÓN

Soubemos estes días que a Audiencia Nacional confirmou que todas as escoitas que descubriron os delitos do caso Gúrtel foron validadas e declaradas conformes co dereito. Moitos pensaban que poderían correr igual sorte ca no caso Naseiro. Hai que alegrarse e consideralo unha boa noticia xa que do contrario a confianza na Xustiza poríase a niveis baixo cero.
Despois do que temos sabido,desde que hai anos se abriu este caso no Xulgado de Garzón, parece que está mais que xustificado que mandase interceptar as comunicacións,conforme lle pediu a policía e fiscalía,para evitar que se seguisen cometendo delitos e dispoñendo do diñeiro. Hoxe sabemos que iso foi en realidade o que sucedeu. Razóns polas que ingresou no cárcere o señor Bárcenas.
Moita xente non vería mal,para que os xuíces fixeran xustiza,que se indultase ao Xuíz Garzón xa que o tempo venlle de dar a razón. Deste modo aproveitaríase a súa experiencia. O traballo por e para facer é moito e os obreiros xuíces non dan abasto,

XUÑO 2014

PAPEL MOLLADO
Hai pouco que publicou a Xunta o chamado código ético. E un manual de 27 folios que se pode consultar na internet. Afecta a todos os funcionarios e traballadores da Xunta. Prohibe aceptar regalos a non ser aqueles de cortesía admitidos polos usos sociais e que non superen o valor de 90 euros. Contemplase incluso un modelo de escrito para devolvelos. Nese documento faise alusión a todas as leis onde se establecen regras de transparencia e boas prácticas que tamén hai obriga de cumprilas.

Chama a atención que non se faga referencia ao Código Penal que na modificación por Lei Orgánica 5/2010 (BOE 23 /06/ 2010) deixa redactado,vai para catro anos, o artigo 422 do seguinte modo: “La autoridad o funcionario público que, en provecho propio o de un tercero, admitiera, por sí o por persona interpuesta, dádiva o regalo que le fueren ofrecidos en consideración a su cargo o función, incurrirá en la pena de prisión de seis meses a un año y suspensión de empleo y cargo público de uno a tres años.”

Como se observa nese N       Nese precpto do Código Penal  non hai ningunha referencia ao valor do agasallo. A corrupción non é un problema de hoxe. Hai anos que se veñen tramitando causas ante os xulgados. Son hoxe por hoxe os únicos que poñen algo de remedio. O que mais exaspera e quenta aos cidadáns e cando escoitamos ás autoridades pedirlle aos xuíces que diten sentencias canto antes. E son os mesmos que lles veñen negando dende hai anos que teñan mais xuíces de apoio e un corpo de peritos contables. Igual que hai médicos forenses para auxiliar aos xuíces. Por iso e ademais porque a potestade sancionadora para cumprir a lei e facela cumprir téñena todas as administracións,pouco ou nada fan para exercela, é o que fainos concluír que o o código ético para eliminar a corrupción da vida pública, será papel mollado.””

Pois mais nada. Que conste que non é obrigatorio que se lea todo. Pódese facer como aquel crego que contaba Chao Rego que nos oficios,antes da reforma litúrxica do anos sesenta, había que ler moito en latín, e un crego maior que lle custaba moito traballo fíxolle sinais ao sacristán para que lle mudase o libro para o outro lado despois de pasar,unha por unha,todas as follas de obrigada lectura manifestoulle ao sacristán: Habíache que ler se o lermos todo. Un saúdo para todos .Rafael
Aí vai a miña aoportación de onte a RG, no programa Pensando en Ti, de Marcial Mouzo, con motivo da Xuntanza anual en Cerceda.


XUNTANZA EN CERCEDA.

Vinde ata aquí, miñas donas,
vinde ata aquí meus señores,
témola festa en Cerceda
de meniños e de maiores.

Témola festa do ano,
témola festa das flores,
nenas e mozos bailade
cos amoriños mellores.

Vinde ata aquí os que andades
coa trafega e cos suores;
dicídelle: ¡ alto ! o camiño,
que o camiño é pa andadores.

De terras de Ourense vinde
co pan de Cea e co viño;
o viño de Valdeorras
pa lograr un amiguiño.

Con Ribeiros e Monterrei
enchede a bota e mais o fol,
que o voso camiño é longo,
e que a gaita ula o alcohol.

Vinde tamén os de Lugo,
seguindo o Miño na agra,
co polbo a feira e maila mel,
e a vosa Ribeira Sacra.

Nos esquezades a Froilán
e aos queixos da súa artesa;
tédelo en Santa María,
…vinde amodiño e sen présa.

E, vinde os de Pontevedra
dende o Miño cas lampreas,
que sexan de Arcade as ostras,
i un Albariño pas cheas.

E que no nos falte na festa
un Condadiño de Tea,
cun marisquiño do Grove,
i un par de veas pa cea.

 Vinde tamén da Coruña
coas pandeiretas festeiras,
pa bailar cunhas chinelas
as nosas danzas muiñeiras.

Dende Betanzos ou Muros,
dende Ferrol ou Ribeira,
a xente chega co apuro
pa xantar xuntos na feira.

Coa estrela de Santiago
seguide a Muxía e Fisterra,
co Santo Cristo e ca Barca
peregrinade na terra.

Vogade cara Cerceda,
cantando nosas copliñas,
cas gamelas da nosa ría,
e as nenas de Camariñas.

De alí irei eu coa morriña
do fogar que me veu nacer;
de alí hei levar a esperanza
de que algún dia poida volver.

Vinde vosoutros leoneses,
ou vosoutros asturianos,
vinde da montaña ou do mar
que todos somos paisanos.

Vinde todos a Cerceda,
dende as terriñas que eu pisei:
de Carnota ou de Teixeiro,
ou de Abegondo, onde eu amei.

…E de Beldoña, co meu amor,
na nova vida que eu levei,
coa ledicia dos fillos
i esa familia que herdei.

Pido perdón se non lembro
a outras terras e a outras xentes,
moitos mais papeis faltarían
pa completa-los ausentes.

Vinde ata aquí que imos ter
a un tal Marcial e a un Carcasía,
que nos alegran a noite,
pa poder durmir de dia.

Esta é a miña terriña,
fermosa coma un caravel;
esta é a miña xentiña
festeira coma un cascabel.

Sempre co café no lume
e ca porta sempre aberta,
pa manter unha conversa,
…i, pa un amigo, unha aperta.

“ Volve axiña ” diría Pilar,
-a taberneira da feira-
que aquí te-la túa casa
i unha cama sempre feita.

Antonio Puert
Hoxe, deixo este poema que presentei onte a RG, na Xuntanza de Cerceda, no Programa de Marcial Mouzo Pensando en Ti:

XUNTANZA EN CERCEDA.

Vinde ata aquí, miñas donas,
vinde ata aquí meus señores,
témola festa en Cerceda
de meniños e de maiores.

Témola festa do ano,
témola festa das flores,
nenas e mozos bailade
cos amoriños mellores.

Vinde ata aquí os que andades
coa trafega e cos suores;
dicídelle: ¡ alto ! o camiño,
que o camiño é pa andadores.

De terras de Ourense vinde
co pan de Cea e co viño;
o viño de Valdeorras
pa lograr un amiguiño.

Con Ribeiros e Monterrei
enchede a bota e mais o fol,
que o voso camiño é longo,
e que a gaita ula o alcohol.

Vinde tamén os de Lugo,
seguindo o Miño na agra,
co polbo a feira e maila mel,
e a vosa Ribeira Sacra.

Nos esquezades a Froilán
e aos queixos da súa artesa;
tédelo en Santa María,
…vinde amodiño e sen présa.

E, vinde os de Pontevedra
dende o Miño cas lampreas,
que sexan de Arcade as ostras,
i un Albariño pas cheas.

E que no nos falte na festa
un Condadiño de Tea,
cun marisquiño do Grove,
i un par de veas pa cea.

 Vinde tamén da Coruña
coas pandeiretas festeiras,
pa bailar cunhas chinelas
as nosas danzas muiñeiras.

Dende Betanzos ou Muros,
dende Ferrol ou Ribeira,
a xente chega co apuro
pa xantar xuntos na feira.

Coa estrela de Santiago
seguide a Muxía e Fisterra,
co Santo Cristo e ca Barca
peregrinade na terra.

Vogade cara Cerceda,
cantando nosas copliñas,
cas gamelas da nosa ría,
e as nenas de Camariñas.

De alí irei eu coa morriña
do fogar que me veu nacer;
de alí hei levar a esperanza
de que algún dia poida volver.

Vinde vosoutros leoneses,
ou vosoutros asturianos,
vinde da montaña ou do mar
que todos somos paisanos.

Vinde todos a Cerceda,
dende as terriñas que eu pisei:
de Carnota ou de Teixeiro,
ou de Abegondo, onde eu amei.

…E de Beldoña, co meu amor,
na nova vida que eu levei,
coa ledicia dos fillos
i esa familia que herdei.

Pido perdón se non lembro
a outras terras e a outras xentes,
moitos mais papeis faltarían
pa completa-los ausentes.

Vinde ata aquí que imos ter
a un tal Marcial e a un Carcasía,
que nos alegran a noite,
pa poder durmir de dia.

Esta é a miña terriña,
fermosa coma un caravel;
esta é a miña xentiña
festeira coma un cascabel.

Sempre co café no lume
e ca porta sempre aberta,
pa manter unha conversa,
…i, pa un amigo, unha aperta.

“ Volve axiña ” diría Pilar,
-a taberneira da feira-
que aquí te-la túa casa
i unha cama sempre feita.

Antonio Puertas