Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 5 de septiembre de 2011

ARMENTEIRA 2


Sirvo outro aperitivo, aínda que as entradas de Rafael e  Antonio son pratos principais.

IGREXA E MOSTEIRO

Localización

Na parroquia de Santa María de Armenteira, concello de Meis. O millar de fegreses están distribuídos en 15 aldeas, na aba norte do monte Castrove, liña divisoria de augas na península que separa a ría de Pontevedra da ría de Arousa. Dista uns seis quilómetros da capital do municipio e de Ribadumia-Barrantes. Por alí pasa o regueiro Armenteira, que desemboca en Dena.

Fundación

O abade Ero comezou as obras da igrexa actual no ano 1167, segundo confirma unha inscrición nos piares da capela maior. Quedou rematada no 1212, segundo outra inscrición do pórtico. Ero morreu sen ver a obra culminada, porque unha doazón de Paio Pérez, en 1176, xa foi recibida polo abade Martiño.
No machón do lado do Evanxeo da ábside central aparece a inscrición fundacional: “Abbas Domnus Erus fecit  memoriae Sancte Marie”.
O achado dunha lauda de estola, prerrománica, no exterior da cabeceira da igrexa abre a posibilidade de remontar as orixes do mosteiro á época prerrománica. De ser así, Ero incorporaría o mosteiro existente á orde do Cister.
Tras a morte de Ero, primeiro abade, o mosteiro recibiu moitas doazóns dos nobres da comarca e dos reis Afonso VII e Fernando II. Gondes, Raxó, Arra, Serantellos, Barcia e Lantaño… e outras propiedades do Salnés pasaron á xurisdición do mosteiro.
En Arra-Serantellos e Lantaño tivo o mosteiro cadanseu priorato; o primeiro mosteiro de Lantaño pasou a depender de Armenteira.
As doazóns continuaron durante séculos e as propiedades de Armenteira estendíanse polo val do Salnés ata Cambados.
A incapacidade dalgúns abades, moitas veces laicos, e a desamortización esfarelaron esta riqueza da Igrexa.
La relación escrita del convento de Armenteira, 1624, de Frei Dionisio Duarte, recolle a historia do mosteiro de Armenteira.

Arquitectura

A igrexa é unha xoia do románico galego da segunda metade do século XII. Consérvase intacta e en óptimo estado. O mosteiro sufriu as consecuencias desastrosas da desamortización de Mendizábal e pedras labradas foron arrincadas para edificios particulares circundantes. Polos anos setenta aínda o vin en estado ruinoso. Foi restaurado por Amigos de Armenteira.
Do resto do edificio non se conserva nada desta época, pero o conxunto é unha fermosa mostra da arquitectura barroca do século XVIII. A bóveda do claustro é renacentista, do século XVI.
O conxunto foi declarado Monumento histórico-artístico no 1931. Hoxe é tamén Ben de Interese Cultural (BIC).
Despois desta restauración, acolle unha pequena comunidade cisterciense feminina. Supoño que non sería por facerlle xustiza á dona de Ero, protagonista do soño en que a Virxe lle ordenaba levantar un mosteiro para mulleres.
Igrexa
 De planta basilical, de tres naves de catro tramos, separados por piares cruciformes.
Ambiente interior
O interior é plenamente cisterciense pola súa sinxeleza e austeridade. Suprimiron capiteis e columnas, o arco sepárase do seu soporte por unha imposta con nacela inferior e listel superior.
Sobre os arcos formeiros, a partir do primeiro tramo, ábrense ventás de derrame interno, en aresta viva e en arco semicircular, que penetra no arranque da bóveda. Hoxe  están cegadas.
As naves laterais reciben iluminación directa a través de ventás con arco de medio punto e dobre derrame, en aresta viva.
En cada testeiro do cruceiro ábrese unha ventá con arco de medio punto e sendas portas:
-          A do norte tapiada por un retablo na antiga porta dos mortos.
-          A do sur coa sacristía; enriba a antiga porta de maitíns e ao fondo, no mesmo lado, a porta dos irmáns conversos e a porta que comunica co claustro.
Ata a próxima.
Eduardo Seco

MOI BOAS



Moi boas teñan vostedes, tardes,noites ou mañás conforme sexa a hora na que cadaquén acceda a este encerado colectivo.
Como diciamos onte, emulando a Frei Luís de León cando volveu á cátedra despois de pasar cinco anos preso por traducir o libro do Cantar dos cantares,espero que tiverades un feliz verán de descanso e asueto para coller forzas e mais enerxías para o inverno que se nos aveciña.
Ten razón Eduardo que convén retomar a actividade con algo sinxelo, como aperitivo,antes de botarse a comer de todo,O mesmo que cando temos problemas serios dixestivos que debemos empezar con caldos limpos e líquidos para seguir despois con dieta branda e progresivamente ir introducindo alimentos fervidos para rematar con asados e guisos como nos dos días de festa.
De non mediar forza maior xa logo ven o terceiro Sábado de Setembro para pasalo todos xuntos en amor e compañía como xa é tradición destes últimos anos. Que non falte ninguén. Todos serán benvidos.
A colaboración de hoxe consistirá nuns breves comentarios sobre o Padre Silva que acaba de deixarnos,outro mais filosófico sobre a conciencia e o diñeiro e por último unha alegría compartida con vellos loitadores da chamada taxa Tobin, rematando coas fazañas do compañeiro Puertas que adestrou todo o verán para a pesca da lura xigante,deixando a un lado a poética,acadando resultados salientables dos que se fixo eco a prensa nacional.
A.- Padre Silva, in memoriam: Foise un bo crego dos admirados e admirables pola obra en favor dos nenos a quen as familias nos lles podían dar a educación á que tiñan dereito. A “Ciudad de los muchachos”de Bemposta foi unha escola de autoxestión exemplar e modélica. Alí se promoveron os valores da responsabilidade e da democracia. Era famosa a gasolineira a que se ía a repoñer combustible,atendida polos alumnos,cando se visitaba Ourense. Cando empezou a ter problemas coas autoridades de Ourense e Xunta afincouse en América do Sur,Venezuela e Colombia onde seguiu coa escola de Circo e coa obra social. Foi noticia este fin de semana. Nese sitio se queredes podedes ter mais información:

Muere el padre Silva pero siempre vivirá en los corazones de ...

  Vivirá na nosa memoria e mais no ceo para o que tivo méritos suficientes para quedar alí toda a vida.

B.-Hai xa algún tempo que me falaron dunha conferencia sobre a Banca ética que xa escoitei dúas veces. Agora teñen unha sucursal na Coruña. Se alguén se atreve a adicarlle a hora e media que leva escoitala non se sentirá defraudado. Son ideas de futuro.
C.-A chamada taxa Tobin,un imposto as transaccións internacionais do diñeiro que no foro social altermundista levan tantos anos reclamando,parece que,por fin este mes os ministros de finanzas da Unión Europea proporana á Comisión para que por fin se estableza. Non deixa de ser unha gran noticia e hai que festexala. Detrás como consecuencia lóxica terá que vir a erradicación dos paraísos fiscais (O Vaticano esta caladiño porque nese campo a autoridade moral tena moi minguada),un sistema de impostos común para todos os países da Unión monetaria e unhas funcións reais do Banco Central Europeo que actúe,con emisión de bonos,como un verdadeiro Banco Central.
 
D.-Desde aquí hai que darlle os parabéns a Puertas. Aí podedes ver a repercusión que tivo a súa fazaña.
http://www.lavozdegalicia.es/carballo/2011/08/24/0003_201108C24C12991.htm
Pois mais nada. Bos desexos para todos e tempo teremos de deixar por escrito algo que axude a comunicación nostálxica que as nosas idades tamén ten a súa razón de ser,sempre que non toda sexa iso,e tamén miremos cara adiante. Parécemo a min. Rafael
 
 
 

domingo, 4 de septiembre de 2011

O MAL DO BULEBULE



A derradeira semana, estiven a ver algo que me parecía familiar, e, inda que de iso non me dacatara, e, certamente non era nada novo para min, denme de conta que hai certos males hereditarios que se transmiten de pais a fillos, ou viceversa, ben por que están arraigados nos nosos xenes, ou ben, polo contaxio da presenza de parentela mais achegada.

Eu, ata chegar aos meus anos mozos, padecía, mais ben, o mal do amodiño amodo, mais, ó estar tantos anos arrechegado a filla da miña sogra, herdei o mal do bulebule, innato nos mais profundos dos seus antepasados xenes. Fun contaxiado por ese mal, que tanto dano me está a causar, nos anos “ xubilosos “ onde, mais ala dos 65, está prohibido, e, unicamente ha de ser orientado de cara o lecer e o gozo, como ben dítan as sabias leis que rexen a nosas andainas. Queda, pois, atrás, en teoría, a preguiceira vida laboral que nos precedeu.

A Seguridade Social, nada fixo, nin fai por lograr unha píldora que poida liberarnos de tal doenza, e, certamente, non só eu, si non que unha boa morea de poboación, padece dese trancazo, que pode ter o seu manifesto dende idades moi cedas. …que, vaite a mercan un saco de penso pos coenllos, bulelule, que non teñen que comer… Que vaite a buscar unha lata de gasolina pa serra motora, que hai que cortar a herba do prado…bulebule, que non te movesQue hai que afiar gadaña e limpar o arredor da leira do Penedo, vaite e volve axiña, que non te movesLogo, tes que axudar a recoller as patacas, que tamén as comes…bulebule, que, despois do xantar, agárdanos moita labor…¡ Arnagado sexa o demo !, que, cando me deito desfigurado e mallado no meu catre, estou mais molido que un polbo de cinco quilos nas pedras do Canzorro.

…E, que me din do mal do amodiñoamodo, que eu tanto voto en falta… iso, amigos meus, en nada ten que ver co fervello das patas bulideiras… que, si pa riba, que si pa baixo. Tan maiado me deixa, que malamente sei se floto ou afondo nun mar de dúbidas.

Inda que é de xustiza, e, teño que dicilo, hai quen se pasa, como todos sabemos, en ámbalas extremas dos dous males. Se me deran a escoller, dende logo, o amodiño amodo, sería o meu predilecto, como doenza menor.

Se, de algo teño saudade, é precisamente dos meus anos mozos, cando gozaba daquel dito “ mens sana in corpore sano “, levado ata a cima mais alta do seu intrínseco sentido, que fora sabiamente compartido por tantos clásicos romanos, e que tanto sabían destes males dos que estamos a falar.

Como tódolas doenzas, teñen unha fonte de nacemento ( neste caso cheirenta ) que, posto a indagar na historia, os meus concenciudos estudos, chegaron a conclusión que a súa orixe, tivo comezo como unha fiada de insignificantes lixos transcurrindo por un cano, ala polas cúspides dos Alpes franceses de“ La France Napoleónica “. Documentos fidedignos que falan de por si: “vísteme despacio que tengo prisa “, para, de seguido, derivar ( por iso da evolución idiomática ) nunha auténtica peste( dous séculos despois) coa do “ Voulez vous dance avec moi “…Un incipiente desexo que dexenerou nun imperativo humillante de clases, como: corre Maruxa que as has levar…

¡ Como poden, no meu caso, nai e filla ( a cal peor coa súa doenza) contaxiar recatadamente a un do seu propio habitáculo, ata tal punto de facelo andar a paso lixeiro, tendo gozado en tempos pasados co mal do “ amodiñoamodo !

Amarrado as lixeiriñas faldriqueiras das mulleres en cuestión, retórzome como remuíño de vira bentos, sen saber se produzo enerxía propia de valde, ou allea sen cobrar.

Nin sequera un instante de lecer me agarda, mentres non chegue a vacina que cure a miña doenza.

Nin os destinos dunha boa primitiva, me han librar do bulebule, ata que amaine o temporal ( que según o home do tempo, ten pa un bo anaco )

Antonio Puertas

 

viernes, 2 de septiembre de 2011

ARMENTEIRA 1

ERO DE ARMENTARIA: HISTORIA E LENDA


Pasaron moitas cousas nestes tres últimos tres meses, como a desaparición do Códice Calixtino, a XMX Madrid 2011, entradas interesantes no blog ou reforma da Constitución, pero hoxe tocan aperitivos fríos para o banquete do 17.

Ero de Armentaria foi un cabaleiro do século XII, fundador do Mosteiro que imos visitar. De familia nobre do Salnés, estudou artes liberais e guerreou na Reconquista como compañeiro de armas do rei Afonso VI. Retirouse da guerra, casou e volveu ao Salnés. O matrimonio non tiña descendencia e pedíalle un fillo a Deus.
Unha noite soñaron, por separado, que se lle aparecía a Virxe, contáronse os soños, idénticos, e concluíron que a Virxe lles ordenaba que fundasen dous mosteiros: un masculino e outro feminino. Así aseguraban descendencia espiritual, máis importante ca os fillos carnais, segundo o soño.
Ero converteu o pazo en mosteiro e a capela en ermida, vendeu as propiedades e retirouse como ermitán.
Atraído, Ero, polo florecemento do cister, pois xa existían os mosteiros cistercienses de Oia, Melón, Oseira, Meira e Sobrado dos Monxes (actual Desván de los Monjes) pediulle ao abade de Claraval, Bernaldo, monxes para fundar e dirixir un mosteiro. Chegaron catro en xuño de 1149 e elixiron abade a Ero en 1150.
Foi collendo fama o mosteiro e Ero quixo construír  unha igrexa suntuosa. Pediulle axuda económica ao amigo Afonso VI, que doou ao mosteiro as súas pertenzas reais no couto de Armenteira e todo o couto de Barrantes; tomou baixo a súa protección o mosteiro e os vasalos, que quedaron exentos do pagamento de tributos.
Este privilexio foi asinado por Afonso VI e polos seus fillos Sancho e Fernando, e confirmado por todos os seus sucesores ata Henrique III.
Seguiron outras doazóns durante os 25 anos que durou a abadía de Ero, que non erótica.
A fama de Ero converteuse en lenda popular:
Saiu Ero ao bosque do mosteiro, perdeuse e sentou a descansar. Oiu o canto dun paxariño, que o engaiolou durante 200 anos. Cando volveu ao mosteiro, preguntou polos compañeiros, que ninguén coñecía. Identificouse e comprenderon o milagre: 200 anos fundidos nunhas horas; o cacho de pan quente co que saíra do convento aínda non arrefriara ao regreso. Quixérono nomear de novo abade, pero Ero non aceptou.
Faleceu ao pouco tempo e ninguén, de momento, atopou a súa tumba, a pesar de ser buscada en diversas épocas. O abade Matías Peralta ata puxo a toda a comunidade a xaxún de pan e auga durante a busca.
A lenda do paxariño foi recollida en libros marianos europeos e tamén nas  Cantigas de Santa María, cantiga 103.
Esta obra do rei Afonso X está na biblioteca de El Escorial, é a primeira xoia literaria das linguas románicas, escrita en galego, e ignorada nos nosos tempos de estudantes e aínda agora por algún guía do Escorial.
Filgueira Valverde, en tese de doutoramento, chegou á conclusión de que foi un milagre concedido pola Virxe, a quen Ero lle pedía que lle mostrase como era a eternidade.
A igrexa está baixo a advocación da Virxe, Virxe das Cabezas. O luns de Pascua celébrase unha romaría moi popular na comarca, para  curar as doenzas da cheminea
Ata a próxima.
Eduardo Seco

jueves, 1 de septiembre de 2011

SIEMPRE TENDRÉ A CAMARIÑAS


Cuando sea un viejecito,

de esos que nadie quiere,

y sienta muy lejos de mi

a quienes pasen de cerca.

Cuando vea que las miradas,

esquivas a mi presencia,

eviten pisar mis pasos

que irán palpando sus penas,

…o note su indiferencia…

Cuando nadie de mi se acuerde,

aunque su codo en mi tropiece,

siempre tendré a Camariñas,

conmigo, en mis recuerdos.

En su puerto tendré cobijo,

y soñaré desde un barco viejo,

con amigos que ya se fueron

a otros mares, y no volvieron…

Con aquellos tiempos felices,

que tanto guarda mi silencio.

Contigo, como nadie fui feliz,

en eso, he sido yo el primero.

Nadie podrá robar mi alma,

ni mis cosas, ni mis juegos.

No quiero perderos nunca,

por eso, mi sentido quiero,

para seguir como he sido,

aunque sólo con recuerdos,

y de todos sea un huérfano.


Antonio Puertas


 

 

 

 

miércoles, 31 de agosto de 2011

Cada vez está mais complicado todo esto de internét. Resulta que quero replicar a dous comentaristas distintos e non me deixa facelo ( coa escusa de que hei de habilitar entradas e saíadas dos comentarios que me falan ). En fin, tan só, que saiban que non seis se poderei asistir ao acto de convivencia do día 17. A miña vida é mais complicada do que parece. Non cambiei de profesión, cambiei de negociado.
E, logo, a outro, decirlle que o bicho estaba de rechupete. Cortado en anillas, como as arandelas da cadea onde estaba prisionero no fondo do abismo pielago.
Saúdos
Antonio

martes, 30 de agosto de 2011

AS DÚBIDAS OFENDEN...

LURA XIGANTE

Repousa xa nos verdes prados de Beldoña:

desprezado, humillado e diluído pola horta.

Despois de percorrer tantos mares

en fero combate caío escachizado

a carón mesmo pe da miña porta.

A nosa virxiña do Monte

tempo faltoulle e acudir á liorta

botándome un cabo pa telo amarrado,

pois a liña nas mans case me estoupa.

Non así a Virxe da Barca, no seu pelouro

avala que avala, coa indiferenza, case m´amola.

¡ Arnajado sexa o demo !

que tal nejrura de bicho meneando a cola,

cubríu de nejro ata ós larpeiros de Beldoña.

Xiringazos, habelos, hailos,

mais, como aquel que me chantou…

¡ rapaciños ! eu volo afirmo,xuro e maldigo,

xamais tal negrura correu polos canos da horta

como aquel que deixando a miña cariña torta,

na jameliña, envorcado, case me afoga.

Inda hoxe discorren polos canos, como jalipote,

ateisgados de tinta, sicha sobranceira pola pota,

dos bandullos sobranceiros que estopan.

A dúbida ofende, pois, nin son retratista,

nin confundo as miñas pescatas con xigantes muíños,

das comen tantos alleos e tantos veciños.

Vai por quen vai.

Antonio Puertas

O calamar de Puertas


 Días atrás, en xullo, Antonio Puertas deixábame este desafío no correo electrónico: “A ver se aprendedes a pescar”.
Amigo Antonio, para pescar, e pescar ben, hai poucos que poidan reunir os tres privilexios que ti xa gozas:  creo que hai que estar xubilado (1),  ter unha gamela xeitosa (2)  e (3) ter o apoio dun neto que está tan orgulloso do avó que lle dá patadas ao aire. Non sei se engadir aínda unha cuarta condición: navegar augas da ría de Camariñas.
A min o que me gustaría saber  é se o calamar respondeu na mesa ás expectativas por el suscitadas. E para cantas racións deu, ou se aínda segue agardando no arcón polos amigos que o poidan compartir, animados por un refrescante albariño. Neste caso, eu apúntome.

viernes, 26 de agosto de 2011

A CONVIVENCIA XA ESTÁ AÍ 17 DE SETEMBRO (Andrés GV et alii)

CONVIVENCIA ANUAL
Salnés, 17 de setembro de 2011
Anfitrións: Ramón Senín Bello (Tf. 986844674)
Andrés López Olveira  (Tf. 981747 375 begin_of_the_skype_highlighting            981747 375      end_of_the_skype_highlighting)
            Queridos amigos e compañeiros:  un ano despois do encontro estimulante e feliz de Muxía, somos convocados para vernos e compartir inquedanzas e alegrías no Salnés, nas terras do albariño, O DÍA 17 DE SETEMBRO, SÁBADO.  Supoñemos que tes a data xa reservada, pois é sabido  que a nosa convivencia é  sempre o terceiro sábado de setembro.
            Velaquí o programa preparado:

12, 00  Recepción e acollida no adro da igrexa e mosteiro de Armenteira.
12,30  Visita guiada da igrexa.
13,00   Celebración da Eucaristía.
14,00   Translado de todos os presentes no autocar da Coruña ao restaurante Altefrankfurt, onde xantaremos.

NOTA PARA OS QUE  CHEGUEN DESPOIS DAS 14,00
O restaurante e tamén hotel  ALTEFRANKFURT (Tf. 986 554 165) está na parroquia de Deiro,  na estrada PO-549,  a dous quilómetros de Cambados, sentido Vilagarcía.

16,00 (máis ou menos)         Sobremesa como de costume, con “degustación” de imaxes da convivencia do ano pasado.
17,00 (máis ou menos) Percorrido turístico: visita  en autocar á Illa de Arousa
18,30 (máis ou menos)  Regreso á Armenteira para despedidas e recollida dos automóbiles.  
Muxía, lugar máxico da nosa convivencia o ano 2010

►►►Por favor, confirmade a asistencia  antes do día 14 de setembro por teléfono ou por  correo electrónico.   ¿Por que non facelo xa ao ler esta "entrada"?  Se aparecese algún compromiso de última hora que impida a túa asistencia,  avisas e punto.  Por favor,  non nos  deixes ata as vésperas do encontro na incerteza do número de participantes. 
Os avisos, coma sempre, aos compañeiros que desde hai tempo cumpren a función de enlace. Evitade, por favor, apuntarse con dous enlaces distintos, en todo caso avisade de que xa estades nunha lista.  Son enlaces para a xuntanza: 
RAMON SENIN E ANDRÉS LOPEZ OLVEIRA  (v. supra) .
ANDRES GV: 981917338 / 687843065 / andresgv@mundo-r.com
AGUSTIN DIOS VIGO: 981674834 /679239351
ENRIQUE VÁZQUEZ POSSE: 636050952  / evp.33152@hotmail.com

IMPORTANTE: SERVIZO DE AUTOBÚS
Aínda que incrementa os gastos, o servizo de autobús compensa a seguridade e a tranquilidade de comer sen preocuparnos da Garda Civil de Tráfico.
Sairá o autobús para os da Coruña e arredores ás 10 en punto desde o Fogar de Santa Margarida. Os turismos particulares  quedarán dentro do patio do Fogar ou ben aparcados nas proximidades. Enlace: Vilariño.
Ás 11, recollida dos compañeiros de Santiago e arredores na parada do autobús urbán que está onda a rotonda de San Lázaro, en dirección á autopista A-9, onda a cefetería Caminante.  O autobús procedente da Coruña dará a volta na rotonda e parará no sitio antedito.  Anotarse avisando  a Vilariño.
Desde Armenteira o autobús fará o servizo de levarnos ao restaurante e mais á Illa de Arousa, volvendo  á Armenteira para recoller os turismos particulares.

sábado, 9 de julio de 2011

Seis novos curas, non seis curas novos (Andrés GV)

O pasado domingo día 3 o arcebispo ordenou na catedral seis novos presbíteros e dous diáconos. Na foto do grupo - que se amplía picando sobre ela-, ademais dos ordenados, están os actuais formadores do Seminario. Os que locen  dalmática sons os diáconos; os que, ao lado dos diáconos, ocupan os postos externos do conxunto son os formadores do Seminario. Os outros seis, repartidos en grupos de tres  e máis próximos ao arcebispo, son os novos cregos. Entre os novos presbíteros hai dous de verdadeira vocación tardía pois xa superan a sesentena. Por iso o encabezamento: anque son novos curas, pois son recén ordenados, non son curas novos, porque xa son idosos, como din os portugueses, isto é, de idade. A min o que máis me chama atención nos novos curas -anque non en todos- son cousiñas que os distinguen notablemente dos curas da nosa xeración e aínda maiores ca nós. En primeiro lugar, a vontade de identificarse externamente no vestir; en segundo lugar, a preocupación pola liturxia, non tanto como expresión festiva e comunitaria da fe dos participantes, senón pola composición plástica e escénica, a selección de vestimentas e elementos decorativos suntuosos e suntuarios, a recuperación do latín e do grego (os "kyries") no canto e no recitado dalgunhas partes da Misa, xustamente cando é notoria a súa falta de formación latina. Sería moi inxusto se lles aplicase a estes seis a totalidade dos xuízos que acabo de expoñer. Grazas a Deus todos somos diferentes e cada un ten as súas "cadaunadas". O relevante desta ordenación é -como sinalou o arcebispo- o signo de esperanza que os seis son para a Igrexa diocesana.