Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

miércoles, 7 de octubre de 2009

Que non decaia




Despois do que nos leva tocado o carallo o amigo Eduardo, coa súa última contribución a este parladoiro,e nunca mellor dito, vou contar algo referente á fala. Primeiro debo dicir que me pareceu suxestivo as distintas acepcións e significados que ten a devandita verba e que so un galego e capaz de se decatar da semántica que contén. Cando ía lendo acordábame dun cursiño de expresión corporal, realizado hai anos,no que tiñas que adaptar a expresión facial e corporal a frases que indicaban distintas emocións e estados de ánimo. Paréceme que estaría indicada para un exercicio dese tipo. Hai que dicirllo a Manolo Lourenzo para que o incorporen a formación dos actores se xa non o tiveren.


Referente as intervencións anteriores,tamén de Eduardo, acerca da nosa lingua, estou en conformidade con todas elas. Son premisas, cada un dos apartados, que se predican de modo universal sobre un idioma e mais do noso que é o mellor do mundo enteiro.


Aos galegos no seu conxunto, iso quere dicir que uns si, outros non,e outros mais ou menos temos moi pouca estima e consideración do noso propio. A ver se volve unha onda de romanticismo e se pon de moda o diferente, o propio e o popular como nos tempos de Rosalía, Curros e Pondal e volve un Rexurdimento.


No ano 68,lembrarase Iglesias Muras, saín por primeira ves de Galicia. Asistimos a unhas xornadas de seminaristas obreiros de toda España que se celebraron en Guadalajara co fin de ver si se podía artellar a “Misión Obreira” que tantos éxitos tivera en Francia. Tocoume unha habitación de 6 camas compartida con compañeiros andaluces e murcianos. Era unha residencia de estudantes da época. Polas noites estabamos de leria. O segundo día que xa había mais confianza díxenlles que os admiraba pola facilidade que tiñan para comunicarse. Sorprendeume que me respondesen que o obxecto admirado era eu. “Los gallegos cuando hablais teneis algo importante que decir en cambio nosotros somos lenguas de trapo que hablamos por no saber estar callados”A min asombroume tanto que me fixo por en valor,como se di agora, a miña condición de galego.


Paréceme que esa falta de admiración e aprecio polo noso é o que fai que sexa real un dato abraiante que lía onte de Fernán Bello, en “Galicia Hoxe”: A RAG a través do Seminario de Sociolingüística levou a cabo un estudo no que se consigna que se pasou de, no ano 1992 falar o galego un 60% da poboación a, no 2004, falarse por pouco mais dun 20%. Unha caída de 40 puntos en 12 anos. Remata dicindo que se debe facer un estudo hoxe,”un gran estudo sociolingüístico xeral de carácter científico que permita por as cousas no seu sitio, que faga enrubescer de vergoña a todos aqueles que enchen a boca coa palabra imposición cando, en realidade, o galego vai aos poucos afogando entre a néboa, perdéndose paseniño -morte doce, din algúns- nas menos bocas que cada día o falan.”


O galego é unha lingua en perigo de extinción. Xa o dixo Alonso Montero hai tempo. Pódelle pasar como o latín ao longo do século V. Converterase nunha lingua litúrxica. No parlamento galego,desde sempre, era paradoxal ver como na cafetaría case todos falaban castelán pero ao subir ao atril mudábanse para o galego. Hoxe xa nin desde a Tribuna se fala. Como algúns cregos no rural que falan galego cos paisanos pero logo o rito da Misa fano en castelán.


Téñenme comentado, diso sabe moito mais o amigo Andrés, que o Concilio Galego respecto ao idioma tivo unhas conclusións moi positivas para a súa implantación como idioma oficial, ou case, en toda a actividade da Igrexa en Galiza. A pesar diso a realidade do uso pouco debeu avanzar, en xeral ,nestes últimos anos.


Contan dun mozo da Coruña que foi ao baile, polas festas na aldea, e achegouse a unha rapaza e ao ver que lle falaba galego espetoulle: Eres del bloque?.Es que si hablas gallego solo puedes ser de la aldea o del bloque y tonta no pareces.”Un estudo de Manuel González titulado O galego segundo a mocidade chega a conclusión que”a xente moza en xeral identifica o galego co rural, co atrasado e, en moitos casos directamente co paleto”


Eu non sei que carallo pasa pero despois de tantos anos ensinando galego e en galego algunhas materias,a T.V.G. emitindo completamente en galego case un cuarto de século, libros galegos nunca tantos se editaron cada ano. No 1976 todo practicamente o publicado en galego collía en tres caixas grandes e algunhas pequenas que transportei eu nun Dian 6, da libreria Couceiro de Santiago para expor ,polas letras galegas, na Universidade Laboral-. Nunca tanta xente soubo ler e escribir con corrección o galego. Hoxe os que teñen menos de 40 anos len e escriben sen problema se quixeren e non obstante a realidade e testán como os cativos caprichosos. O tempo dirá o que nos espera no futuro. A esperanza que non decaia

Hoxe na Coruña é festa. Nosa Señora do Rosario. Dia da patroa. Non se traballa. Chove e quenta o sol. Hai calor. Parece que estamos nun clima tropical. Os corpos, todo o mundo se queixa de que andan cansos. Parece andazo. O pensamento tamén esta condicionado por este ambiente. De aí que remate poñendo unha pinga de humor con esa viñeta que está tomada dunha revistiña de humor que vai polo nº 21 e chámase RETRANCA.Toda en galego. Volve a a mirala e con esto remato. Que non decaia. Deica a próxima.Rafael



















No hay comentarios:

Publicar un comentario