Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 11 de abril de 2011

Lecturas recomendadas (Andres GV)

Practicamente dúas semanas de vida absolutamente doméstica, isto é "na casa", por unha neumonía impertinente e obstinada, permitíronme gozar sen apuros dun par de bos libros. "El sueño del celta", a máis recente novela de Vargas Llosa, fai unha recreación biografica, parece que ben fundamentada, de Roger Casement, un dos líderes irlandeses promotores da independencia da verde Eire. A narración engancha o lector desde as primeiras páxinas. A pesar da súa estensión, o axustado rigor narrativo, que alterna o presente coa memoria do pasado, mantén o lector ben suxeito nas accións e no pensamento do protagonista. O narrador é omnisciente, non soamente describe cómo son e que fan os seus personaxes, tamén nos conta o que pensan e as motivacións das súas actitudes e compromisos. Para min esta lectura meteume nunha historia da que descoñezo moitas cousas: a colonización do Congo (ex-belga), a explotación cruel e violenta da Amazonia peruana, da que sabía algo máis porque segue sendo lamentable noticia aínda hoxe, o movemento nacionalista pola liberación política de Irlanda, todo entre a primeira e segunda década do século XX. Os amantes da historia ou das biografías non vola perdades.

Máis traballo me levou rillar as páxinas de "Algo va mal", un ensaio de filosofía social de Tony Judt, pensador inglés recentemente falecido. Non é un libro incómodo nin mal escrito, anque me parece que a tradución é mellorable, simplemente aborda unha temática coa que estou menos familiarizado. Libro esclarecedor para os amigos do debate político e económico, asequible para persoas coma min pouco espertas neses temas, pero que axuda a situarse na triste perspectiva do momento social, político e económico que estamos vivindo. Redactado en 2010, a pesar de que a política flúe con rapidez, as aportacións de Judt seguen sendo oportunas. Como é natural, o que máis valorei, desde a miña perspectiva ética e relixiosa, é a demanda de que o estado do benestar e as garantías para os desfavorecidos non se improvisan nin van saír dos políticos nin das institucións que favorecen o lucro, a competitividade, as privatizacións dos servicios comúns, o fatalismo do sistema económico neoliberal, senón dunha vontade ou actitude moral. Cito, por exemplo: "Incluso si admitimos que la vida no tiene otro fin superior, es necesario que adscribamos a nuestros actos un sentido que los trascienda"(páx. 172). Aí queda dito. Moi interesante.
Non vos digo que tamén repasei o segundo libro de J. Ratzinger, "Jesús de Nazaret" e algúns artigos da revista Concilium, e das Selecciones de Teología, porque isto xa non é cousa extraordinaria, son textos que forman parte habitual das miñas tarefas cotiás sen necesidade de neumonías impertinentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario