Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 22 de diciembre de 2013

 
FELICES FELICIDADES

Non te deixes vencer por nada estraño ao teu espírito; pensa, no medio dos accidentes da vida, que tés dentro de ti unha forza nai, algo forte e indestrutible coma un eixe diamantino, arredor do que xiran os feitos mezquinos do diario vivir, … e sexan os sucesos prósperos ou adversos…, mantente forte e erguido, para que se poida dicir sempre de ti que es un home”.

Texto escrito hai 115 anos; parece unha felicitación de Nadal, incluso, un programa de vida, un proxecto vital sugestivo para o ano que comeza.
Estamos do novo no ciclo da felicidade obrigatoria, dos perfumes e colonias, das xoias, das bebidas espiritosas, do marisco aviar porque está polas nubes, dos agasallos, das comidas familiares…Por que nos imos resistir a corrente tan benéfica e consumista?
Non importa que teñamos que tragar cada mañá sapos sen mastigar, como:
  • A sentenza do Prestige, que falla o xuíz Xaime Urrutia, da sala II, coñecida entre os cantantes matutinos como Gabinete Caligari. “A culpa foi do Cha Cha Cha”. Os responsables de xestionar o accidente estaban cazando osos en Romanía e perdices en Toledo. Quen pagará os danos causados? Ninguén, é dicir, ti e mais eu. Os mariñeiros foron felices sacando chapapote a mancheas; os voluntarios, encantados. E nós sentímonos ditosos pagando con recortes.
  • Préstamo de 37.000 millóns de euros para rescatar a banca, que devolvería con xuros. Agora quedan condoados. Quen pagará? … Ti e mais eu, felices por axudar aos pobres.
  • Rescate de Novagalicia Banco con 9.000 millóns de euros dos contribuintes. Venda a un banco privado venezolano por 1.003 millóns. Acordo firmado baixo a influenza relaxante dos paxariños de Chaves e Maduro. O Presidente, que apostaba por capital galego, encantado. Se gastas nove millóns en obras e vendes a casa por un millón, pensas que é un mal negocio porque non entendes de economía. O negocio foi redondo. Para quen?
  • Aprobación da LOMCE, ou lei Whert, camiño whertixinoso e milagreiro para acadar a excelencia académica suprimindo 20.000 profesores e recortando orzamentos.
  • Tramitación da lei de seguridade, con recorte de liberdades, que tamén son caras, e garante o negocio privado.
  • Precociñado da reforma laboral en contra dos de sempre, e 2,5 millóns de euros para publicitala.
  • Manipulación por parte de grandes bancos para alterar o euribor. Pagarán a multa?
  • Agresións a paraxes naturais protexidos, con incendios forestais en decembro.
  • Aumento do déficit público nos últimos dous anos.
  • Trama Gürtel con raíces chupadoras no subsolo das Autonomías máis populares.
  • Portas xiratorias entre a Administración pública e o negocio privado.
  • Privatización, externalización, de educación, sanidade, seguridade… Cando remate o proceso, os políticos de rango só se ocuparán de ir en coche oficial á perrucaría e a xogar ao pádel.
  • Manipulación semántica con crecemento negativo e paro que desacelera na súa caída. Ven ser como explicar a gravidade dicindo que as mazás saíron disparadas da cabeza de Newton para pendurarse na maceira. O paro e a economía son os pratos estrela dun menú de deseño, estilo Top Chef, onde un ovo duro é un encapsulado sólido de proxecto futurible de pito; as patacas fritidas son petiscos ruxidores de solanácea en quente de oliva, aromatizados con fume de carozo, ingrediente básico na cociña gobernativa.
Parece que os gobernantes “saben máis de menos, ata que o saben todo de nada”.

Este tempo entrañable e numerosos predicadores convídannos a ser felices:
  • Vai resucitar o mar Morto con augas do mar Vermello.
  • Morreu N. Mandela, pero segue vivo. A súa mensaxe frutificou no corazón de moitos negros e brancos.
  • Xa non teremos República Independente de Eurovegas.
  • Non importa que “levemos dous anos duros de cjns.”, en expresion de Ton Toro , nin que sexamos 118.000 habitantes menos en España, nin que os galegos emigrantes superen aos inmigrantes que chegan, nin que suba a factura eléctrica despois da suba de setembro, cando “quedaba definitivamente saneado o sector eléctrico”, nin que entre con premeditación, nocturnidade e sen alevosía na sede do partido gobernante a elite policial. No 2014 florecerá a primavera, cantará o cuco, volverán as escuras anduriñas do teu balcón as ilusións a colgar, e os brotes verdes vestirán de esperanza a nosa vida diaria.
Un forense consolaba a familia da vítima dicíndolle que debía ser feliz e optimista porque, de tres disparos recibidos, só un fora mortal.
Vivamos como felices, aínda que “a aliaxe do terrible e do estúpido estea xerando a banalidade do mal”.
Goethe advertiu: “Resignarse é suicidarse”. Tamén se recomenda non sobrepasar o clímax, porque de felicidade tamén se morre; administrar con xeito o optimismo.
Anxo Ganivet, autor da primeira cita, suicidouse aos 32 anos, ante o desastre político español de 1898.
Vítor Hugo: “A Providencia deu a cada un o seu xoguete, a boneca ás crianzas, as crianzas á muller, a muller ao home, o home ao diaño”.
O diaño para quen, xogando a providentes? Podería ser para os gobernantes que potencian a riqueza que empobrece. Para o coro dirixido por outro anxo feminino e non caído (Ánxela) e os corautas europeos que tanto desafinan.
Felices movementos xiratorios diarios arredor do teu eixe diamantino no 2014!
Eduardo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario