CARTA AOS REIS MAGOS
Queimemos 2013!
Espallemos as cinsas
no centro dun tornado!
Esquezamos 2013,
se podemos!
- Que non podes?
- Proba!
Borremos 2013!
Non por trece,
meigas fóra!
Por aciago,
por tramposo e mentireiro,
por corrupto,
por chulesco;
por promesas incumpridas,
por acoso á maioría,
por ideoloxías impostas,
por ilusións esfareladas,
por cinismo e obstrución.
Soñemos co 2014!
Arrolemos o recén!
A alma nútrese de soños.
- Que non podes?
- Imaxinación!
Será un ano menos rouco,
máis Francisco,
máis alegre,
máis humano.
Un ano de vitalidade,
de sentido do humor,
de actitude serea
que non poderán roubarnos.
Gozaremos das belezas invisibles,
dos praceres gratuítos e cotiáns:
Do sorriso dun bebé
ou dun vello solitario,
das flores insignificantes,
do frío e da calor,
das nubes e da chuvia,
do vento e da brisa,
da raiola no inverno
e da sombra no verán,
das rías e dos montes baixos,
das ideas compartidas,
contrastadas.
Da compaña amable,
da amizade e do amor.
Teremos un ano indoloro.
Non apagaremos a luz
cando sexamos os últimos.
Abortaremos toda desesperanza.
Podemos, se queremos!
Ano novo, nova loita!
Compromiso renovado!
Pontelandia, 28-XII-13.
Eduardo.
P. D.: Comunícanme que esta carta será entregada con retraso por sobrecarga de traballo na oficina virtual de Correos. Desculpade.
Estimado Eduardo:A carta aos Reis Magos aínda que a recibimos fora de tempo gustoume moito. O de fora de tempo non ten importancia xa que como magos que son poden tamén darlle a volta.,virala co de diante para atrás, e producir os mesmos efectos con independencia das variables temporais.
ResponderEliminarA forma poética libre que lle deches fai que sexa moi doada de ler. Os desexos e soños son moi dos tempos actuais. Deles tamén se vive. Pois deica outra que teña mais ganas de teclear e poña algo para xeral distracción. Un saúdo.Rafael
Eu, coincido con Rafael, en que é moi fermosa a túa mensaxe aos Reis Magos. Calquera tempo é bo pa pedir cousas boa. E, coma dis o remate: : " Podemos, se queremos."
ResponderEliminarUnha aperta pa todos, e noraboa, Eduardo.
Antonio Puertas