Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

viernes, 9 de mayo de 2014

TO NOT CLOSE THIS WINDOW (QUE SIGA ABERTA ESTA VENTANA)

Queridos amigos:Para que esta ventá siga aberta e se poida ver algo a través dela vou deixar aquelas ocorrencias que,vala a redundancia, se me ocorreron neste mes de Maio desde o ano 2010.

Nese ano escribira o seguinte:

MAYO 2010

A CUÑA DO MESMO PAU

        Acapararon a atención de todos os medios as declaracións do Señor Bill Gates,creador de Microsoft, a segunda persoa mais rica do mundo,dona do emporio informático estendido por todo o planeta Manifestouse contrario ás medidas de axuste económico, aprobadas polo goberno, no tocante a supresión de 800 millóns,este ano e o que ven, para axuda internacional a países en vías de desenrolo. Cualificou como «decepcionante, doloroso e desafortunado» a tesoirada á axuda a países probes.

        E imposible para calquera persoa de ben non compartir esta conclusión do americano ,home cooperador en programas educativos,de saúde e contra  as desigualdades sociais.  Esperemos que na xuntanza cos membros do Club Bilderberg,, personaxes selectos ,influentes e adiñeirados os convencese para que os países necesitados non se resistan pola poda da axuda internacional e aporten, a través das institucións que gobernan diñeiro suficiente para que ningún programa deixe de executarse. É de supor que a tan ilustre filántropo lle farán mais caso ca outro calquera De aí o dito popular de que “non hai mellor cuña que a do propio pau”.Tampouco estaría mal que nestas circunstancias amosasen a súa solidariedade todos aqueles que a conta da pedra e do ladrillo, nos tempos de vacas gordas, fixeron fortunas que aportasen a un fondo para que os mais probes non sexan mais desgraciados pola falta de axuda. Sería unha boa noticia para todos.
 

Ao ano seguinte escribira o seguinte:

MAYO 2011

O ROUBO DO SECULO

        Na Catedral de Santiago pasou o que pasou. Desapareceu o libro do século XII de valor incalculable. Hai xente, moi especializada, traballando para que apareza. E o que esperamos e desexamos todos. A noticia do espolio dou a volta ao mundo. Xa o cualificaron como o roubo do século. 
         Esta desgracia é como as crises. Pode ser unha oportunidade  e aproveitala para ocuparse da seguridade do enorme patrimonio cultural,un ben de todos,en mans da Igrexa. Pode esta garantilo? Os expertos din que non. Cando nos anos 70 e 80 detiveron a un famoso ladrón de obxectos artísticos,coñecido como  “Erik o belga” confesou no xuízo que roubar nos Templos españois era un xogo de nenos. Hoxe non melloraron moito as cousas polo que transcendeu na prensa da desaparición desta xoia mundial. O 80% do patrimonio histórico artístico de todo o Estado pertence a Igrexa. Santiago de Compostela cidade declarada patrimonio da Humanidade pola UNESCO, o 70% do chan habitable está en mans dela.
        Pola súa importancia terán que as distintas administracións poñerse de acordo para tratar este tema da seguridade con urxencia aproveitando esta ocasión lamentable pero elocuente por si mesma. Non hai ben que por mal non veña. Estamos a tempo.

 
Pois tamén no ano seguinte fora sobre estoutro o que me viñera ao maxín:

MAIO 2012



DESTRUINDO TRABALLO

  Cantos anos levamos falando e facendo reformas laborais. Esta última, a mais agresiva destruíndo dereitos dos traballadores, din os que a defenden que de momento valerá para perder  mais de medio millón de postos de traballo e cando a economía medre empezará a valer para crear emprego. Do que se deduce que non é xusta nin necesaria.
         Hai uns días fomos sabedores da conversa sostida por un socio do famoso empresario Dorribo cun asesor fiscal que titulaban: “La madre que me parió vaya elemento”.Non entendía,a vista das contas, como unha empresa de farmacia tiña vinte coches de luxo,barcos e avións e non tiña intervido a Facenda, a Garda Civil ou a Cia. Toda unha xoia do despropósito. Debería utilizarse como caso práctico na Facultade de Dirección e Administración de Empresas.
        ¿A vista do que pasou co até hai pouco Presidente da CEOE señor Díaz Ferrán  a quen lle embargaron todos os bens encontrando unha conta con seiscentos Euros soamente e a vista do que aconteceu coas empresas de Ruiz Mateos e coas Caixas de Aforros non será mais urxente ca reforma laboral unha reforma empresarial da que ninguén fala nin fai?

Aínda no seguinte ano se me ocorreu o seguinte:

MAIO 2013

O NERÓN DA XUSTIZA
Congratulacións e parabéns ao Decano do Colexio de Avogados da Coruña que é tamén Presidente do Consello da Avogacía Galega. Manifestou recentemente que o Ministro de Xustiza, o señor Gallardón, é o Nerón da Xustiza. Este emperador coñécese pola súa extravagancia e tiranía. Matou á súa nai. Prendeulle lume a Roma e mentres ardía el tocaba a lira.
Os avogados, neste caso, sentímonos fachendosos de quen nos representa. Considero que é un sentir unánime e xeneralizado. As cantidades de diñeiro,as taxas, que son precisas para solicitar xustiza están impedindo a moita xente acceder a ela.
Non vale dicir que o que sexa pobre non terá que pagalas. Se un vive só terá que gañar menos de 12.780,26 € brutos ao ano para ter ese dereito. Se os conviventes son tres terán que gañar entre todos menos de 15.975,33 € e se son catro ou mais menos de 19.170,39 €.
Con razón manifestou tamén que ao Ministro “se o chegan a nomear ministro de sanidade teriamos enterros masivos” e que se suprime o acceso a xustiza a xente desesperada podería coller a xustiza pola súa man. Grazas Presidente por falar alto e claro defendendo o dereito constitucional á tutela xudicial efectiva. Nunca pensamos retroceder a antes de 1987 en que desapareceran as taxas xudiciais.


No seguinte ano, aínda está sen escribir, fareino ao final do mes, pero como neste tempo de campaña electoral ven a conto escribira o mes pasado o seguinte:

Abril 2014:

Eufemismos

Nas próximas semanas e na campaña electoral fartarémonos de escoitar unha morea de eufemismos. Chámase así a figura literaria,ou recurso lingüístico,polo que usamos palabras que resultan agradables para dicir algo noxento. Por exemplo en vez de dicir que os traballadores gañarán menos,de agora en diante, dirásenos que as empresa farán unha desvalorización competitiva dos salarios. A suba de impostos chamaranlle recargo temporal de solidariedade. As estafas de bancos e caixas dirán que foi falta de viabilidade financeira ou que precisaban inxeccións de liquidez. E cando se invade un país para pacificalo e morre moita xente dise que son danos colaterais.

De hoxe en diante, de levaren algúns a conta, poderiamos facer unha lista como de aquí a mañá dos eufemismos que escoitaremos. Sabemos que será propaganda política e uns faranlle caso e outros non. O malo é que a consecuencia do que se decida o 25 de Maio,para ben ou para mal,pagarémolas todos durante 5 anos. Polo menos a publicidade comercial vincula e obriga. O comercio que di que se non queda conforme co que merca devolveranlle o diñeiro ten que devolvelo. O malo é que os compromisos e promesas políticas se non se cumpren non pasa nada. Dise que o primeiro é cumprir co deber e despois que o falar non ten cancelas. Pois preparémonos e atendamos cos cinco sentidos a ver se acertamos para darllelo voto a quen nos represente de verdade durante cinco anos na Unión Europea e nos quite desta crispación e indignación que nos provocan os casos de corrupción cos que almorzamos un día si e outro tamén. ¡Fala pobo fala.¡


Como estas pequena escrituras lévoas facendo desde hai un lustro desde agora en diante ademais da novidade do mes poñerémola moviola para atrás e deixarémolo para constancia de como pasa o tempo.

Como sempre un saúdo afectuoso para todos. Rafael.

No hay comentarios:

Publicar un comentario