Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

miércoles, 29 de septiembre de 2010

AGASALLO DO DICASTERIO DO AUDIOVISUAL


O noso compañeiro Enrique que tan ben leva o departamento de imaxe desde que se fixo cargo del, xunto con Barral que se encargaba anteriormente, agora o dirixen en comandita, facilitoume unha foto dos asistentes a convivencia deste ano para a incorporar a este caixón de información colectiva no que, igual que nos bolsos das mulleres, se poden encontrar as cousas mais insospeitadas como as lilainas ou miudezas en que nos entretivemos Puertas mais eu. 



Aí estamos un pouco mais maduros e moitos con ganas de troular como se demostrou na sesión dos chupitos ao remate do xantar mariñeiro.

Hai que subliñar o mérito que ten Doval Pose que se desprazou adrede desde Málaga para asistir a xuntanza deste ano. Demóstrase que os amoriños primeiros son moio malos de olvidar e que a terra canto mais lonxe mais morriña e saudade provoca.

Pois aí queda o retrato para a posteridade. Que dentro dun ano poidamos retratarnos diante das escaleiras da Igrexa do Mosteiro de Armenteira que non desmerecerán nada, como fondo,do retablo do santuario da Barca de Miguel de Romay o mesmo que executou o de San Martiño Pinario diante o que temos pasado tantos fríos dominicais acudindo a Misa filósofos e teólogos todos xuntos.Un saúdo para todos.Rafael







martes, 28 de septiembre de 2010

ENCERELLATA

SI FACTA NON EST CONSTATATA,
ARGUMENTA EST TRAPALLATA.

domingo, 26 de septiembre de 2010

CONTRA FACTA NON VALENT ARGUMENTA


Está ben que o sañudo,fero e fanático camariñán que destaca pola ruindade de impedir que arrolara a barca presente os razoamentos e argumentos de pouca monta , na súa defensa, ante as instancias que considere conveniente. Vivimos nun estado de dereito e a carta magna impide que xamais se poida producir indefensión.

Este denunciante que non está motivado polo ánimo de ser un soprón nin un delator senón un cidadán que quere cumprir co deber que nos impuña a primeira constitución, proclamada nas Cortes de Cádiz,(Celébrase o 2º centenario este ano) de ser xusto e benéfico e impedir o anormal funcionamento de calquera institución civil ou relixiosa como é a pedra de avalar da Virxe da Barca.

O pillabán e pícaro que o impediu, por moi nobres e leais que sexan os motivos heroicos que o animan a actuar dese modo, non debe quedar impune polo dano causado ás emocións e sentimentos dos romeiros,coma nós, que acoden a barca coa ilusión de avalar a pedra. En realidade foi un atentado contra etnografía espiritual que aniñaba nos nosos antepasados uns milenios antes da era cristián conforme explicou o Doutor Castro.

O implicado e presunto imputado debería escoller a vía pola que quere levar o procedemento para esclarecer este asunto e debía buscar consello para ver como podería saír mais beneficiado. Vai empeorar e desmellorar a súa situación levando como fiscal a José Mª Tacón que en filosofía fixo prácticas nas escolas sofistas. Era un experto en argumentos demagóxicos. Dominaba as regras dos siloxismos de modo maxistral introducindo premisas particulares facéndoas pasar por universais. Chegaba a conclusións aberrantes que admitía o seu contrincante sen decatarse do embuste e da trampa. A dialéctica de Tacón nos anos mozos enleaba ao mais pintado urbanita que tiñan fama de ser mais listos ca os do campo ou do mar.

Se escolles a xurisdición militar implicando a Ramón Senín tampouco ías saír mellor parado. Ademais como serviu na arma de artillería ía mandarche os tiros por elevación e tampouco terías moita salvación.

O mellor é que te acollas a xurisdición eclesiástica para que che bote unha man Ríal a quen como ti visitan as musas e por enchufe e cuña delas se quede todo nunha leve penitencia. Tamén Vilariño que che ten moito aprecio podía formar parte do Tribunal e sempre sairías mellor parado que con Tacón de fiscal.

Amigo Puertas deséxoche sorte para saír do encerellamento no que ti soíño te metiches. Como, mentres non teñamos outra xunta xeral da quinta, non se tomara ningunha medida sancionadora contra ti, tes aínda tempo de escoller o procedemento e o peor que che podería pasar e andar na boca do mundo como o moinante e pillabán que puxo un pouco de humor que tanta falla nos fai como terapia de moitos dos nosos males. Un saúdo para todos. Como xa rematou a oitava da festa de convivencia deste ano na próxima colaboración ,a esta canle comunicativa, xa diremos algo mais en serio.Rafael


viernes, 24 de septiembre de 2010

ENCERELLADO ( encererar, encerellar, encerelleime...)

RECURSO DE ALZADA ao vento- ( axeitado aos que teñen alas)
( É copia fidedigna da presentada, en día en forma, ante a Autoridad incompetente)
Refª: “Convivensia “ muxiana de corvos e corviños -

A SU SEÑORIA, avoa da miña tia:

Vistos os arjumentos de risa presentados na miña contra pola parte demandante do Comité de Sabios Incompetentes, cuia figura mais representativa é o Señor Tacón, representado este, polo Letrado Rafael Quieto Parado, mais conosido por alias o chafulleiro; actuando de Fiscal do caso o Señor Senín, militar da Santísima Inquisisión na reserva pasiva ( en paradero desconosido), teño a ben, erjer e desbaratar, punto por punto, os arjumentos da parte litijante, por consideralos liantes e chafulleiros

__________ENCERELLADA_______
Punto de cruz primeiro: A pedra sije no seu sitio, e, non avalou nin avalará, ata que Camariñas queira…
Punto sejido sejundo: A miña jamela non presisa de GPS, porque pode ir e foi ,dende Camariñas a Muxía, co motor apajado e sin artiluxios do demo, corvo maior… ( prueba sejunda desmontada).
Puntos suspensivos terseiros: Os pelouros de Muxia, conosoos cos ollos pechados; levan anos axordando e embalando a xente e ao peixe do meu povo con tanto ruído barato.
Puntada sen ajulla cuarta: O Dr. Castro, muxián e corviño, non pode persoarse no caso, por ser parte influínte nas desisións do tribunal de menores, e, máxime, engadindo probas falseadas como a do Titanic, que ninguén, de momento, consejiu rescatar do fondo do mar , a mais de 20.000 lejuas de fondo do Cabo Vilán, esas famosas mantelerías que dixo el ser de Muxia.
Punto quinto levanta: Ao rematar a misa, non puden ajuantar mais chafulladas, e, sen saín con paso lixeiro ( como dí o susodicho picapleitos)fon a cantar a salve mariñeira en solitario, e non a rianxeira, como dí. A ver si con eso, a nósa Vixiña do Carme, intercedía onde podía, e perdoaba ao terseiro ladrón de obras de arte.
Punto pendente sexto: Os intentos fallidos dos “técnicos” como Manuel López, pombiña de Carnota, de Juan Caamaño, temporeiro de Vimianso, Agustín Dios, sen canonisar en Camariñas, ou do CORVO RESPONSABLE O SR. MARTIN, pa avalar a ditosa pedra, son a ollos de carneiro dejollado, totalmente loxicos, pois non teñen peso dabondo pa faser bailar a quen non quere nin deixan.
Punto de remate septimo: Como non son calquer cousa en Camariñas, solisito a Su Chulería, no nome do meu povo, deixe as cousas como están, xa que sinon, nunca xamais, aquel pelouro avalará, e, os camariñans, novamente cantaremos…veño de cajar na pedra, de cajar na pedra veño…
 
_______ CONSIDERANDUM ____________
_______ REMATANDO A REDE_________
…peixe que entre non sae…..
…nin o corvo pia si non asubía…
…nin o peixe pica si ninguén o come…
…nin a ovella bala si está sen fala…
Dado, onde ten que darse, a tantos do tanto, de ano tenteiro.
Antonio Puertas

miércoles, 22 de septiembre de 2010

XA VEREMOS

ENCERELLADA
Sabíao eu que estábase a preparar unha encerellada. Dende o primeiro momento, fun consciente de que esta xornada de “convivencia” en Muxia, non se elixira ó azar, nin fora programada de antemá por uns poucos inocentes corviños. A manada enteira, convocada con noitebra e aleivosía na terra dos corvos, metidos de cheo no medio dos seus niños, plajados de peteiros agasallantes, e, baixo unha aparencia idílica de espumosas augas de mar carneiril, non traería nada bo. E non me faltaba razón: non so pretendían acurralarme no seu feudo pa que renunciara, con pluma de corvo, ós dereitos do meu pobo, a ser merecente da honra consagrada durante séculos, como Capital Mundial do Encaixe de Bolillos, sin on que, para elo, recorreron a probas tan rocambolescas de que, si o Titanic ( que en paz estee) era portador dos tesouros elaborados polas mans das súas mulleres, engadindo, por mais “ INRI” a marca muxiana no momento do afundimento…ja…ja…JA…
Non me amedrentan, nin os xuízos sumarísimos de Tacón, inda que nomee fiscal do caso, o mesmísimo Senín,( militar inquisidor onde os haxa), nin, moito menos, os preitos voandeiros, amañados de antemá, polos corvos confabuladores.
A razón está onde ten que estar. E, nin a nosa ría chámase de Muxía e Camariñas ( como tamén pretenden), nin os encaixes son da terra do Corpiño ( Corpiño, véxase no dicionario da Ignorancia Penouquiña ) , que o define como: un conxunto de pelouros amoreados, que agardan o definitivo amaño da pedra que baila- …cando Camariñas queira).
Non preciso, pois, devanarme moito os meus miolos, pa botar por terra firme, os famentos argumentos acusatorios das partes litigantes.
Por todo, me reservo, de momento, o meu dereito a non tomar en consideración tamañas ameazas que non me farán levantar o fuciño pa balar e perder bocado.
Antonio Puertas
 
 

 

CASO RESOLTO




Antes de que remate o verán, farao entre hoxe e mañá, intentarei amarrar uns cabos que aínda teño soltos para resolver un caso, “cuasi criminal”,e “sui xéneris” que andei indagando nestes días.

Antecedentes de feito que se consideran probados e acreditados:

1º.-A Pedra da Barca o día da convivencia NON AVALOU

 
2º.- Antonio Puertas, principal sospeitoso,o Sábado día 18 de Setembro ás 10 da mañá estaba na Coruña. Desprazouse ,a marxe dos seus compañeiros, no turismo particular a Camariñas por terra e desde alí por mar na súa “jamela”,a motor e con GPS, ata o peirao de Muxía.
3º.-Na viaxe en barco que realizamos todos comentou ,gabándose ante os seus compañeiros, que as pedras dos arredores do santuario as coñecía como a palma da man.
4ª.-Cando o profesor Castro,doutor en Hª da Arte, nos ilustrou de modo académico e sobranceiro sobre as orixes de Muxía e do seu santuario mariano aludindo a que pagaban as rendas, con encaixes, á nobreza, feito que estaba documentado xa na alta idade media, Antonio Puertas disentiu de forma alporizada, negando a validez e autenticidade documental citada. Segundo el os encaixes son orixinarios de Camariñas é o que o negue e pola xenreira que teñen os muxiáns aos camariñáns.
5º.- Ao rematar a Misa e durante o canto da Salve saíu sixilosamente dirixíndose con andares lixeiros e rápidos cara á pedra de avalar.
6º.- Despois de varios intentos, realizados de forma organizada, baixo a dirección de expertos que noutras infindas ocasións lograran avalala como Manuel López. de Carnota, Juan Caamaño destinado temporalmente en Vimianzo,Agustín Dios destinado tamén na zona ,o propio profesor, o meu homónimo Martín coa asesoría doutros moi versados ,entendidos e opinadores e non foi humanamente posible movela lousa.



7º.- Antonio Puertas non é un calquera en Camariñas. Conforme as miñas investigacións coñécese por Beldoña. Ten fans da súa obra poética por todo o término municipal. Calquera xerarquía relacionado co Concello ou co Pósito de pescadores lle colle o teléfono sen audiencia previa. Foi nomeado gentleman de Camariñas ao que vai unido o dereito a que o chamen Sir...et reliqua...



ITER CRÍMINIS: o autor deste óbice necesitaba gañar tempo e vir por Camariñas, desde a Coruña, para desde a súa jamela, por mar, facerse co pandullo que agochan mediante unha boia ou bourel, nos arredores marítimos do santuario, para poder calza,r a modo de cuña ,a pedra de avalar. Impedindo deste modo que o poida facer como agardabamos todos.

Non consta que tivese colaboradores necesarios, cómplices ou encubridores que o auxiliaren nestes mesteres.

O móbil do crime hai que buscalo no mal que se levan e na envexa,cobiza e xenreira que se profesan mutuamente muxiáns e camariñás sen que, de momento e que se coñeza historicamente, o sangue teña chegado ao río.

POLA BOCA MORRE O PEIXE

A proba do nove, ven a confirmar esta sucinta investigación ,vese corroborada pola propia confesión do imputado. É a proba reina que ,hoxe non, pero noutros tempos intentaban arrancar por todos os medios aos presuntos delincuentes. O mesmo reo recoñece no último verso da súa bonita poesía:... 
... e volverá a avalar
cando Camariñas queira.

O asunto eu penso que queda visto para sentencia.Como a xustiza vai moi lenta poderémolo xulgar mediante o procedemento do xurado popular en calesqueira das próximas convivencias dentro dun tempo prudencial de 3 a 5 anos.De todos modos necesitarase unha maioría cualificada de dous terzos dos asistentes para poder mandalo a outro cárcere que non sexa o de papel.Comcedeselle ao inculpado un prazo de sete dias naturais para que poida alegar no seu favor todo o que, en dereito ou sen el, lle conveña.De non facelo terase por autor convicto e confeso.O que cala outorga. Un saúdo para todos compañeiros presentes ou ausentes na festa do sábado pasado.Dado nas derradeiras horas do verán deste ano santo de 2010 á veira do camiño inglés que pasa por diante da casa en que vivo.Rafael

lunes, 20 de septiembre de 2010

AS MIÑAS POESÍAS

FESTA MUXIANA
Pasei polo medio da ría
Abordo dunha jamela,
Entre manadas de corvos
Daquela vila mariñeira.
A Barca estaba repleta
De negras sombras festexeiras,
Corviños que viñan de lonxe
E outros que eran da terra.
Un voceiro muxián,
De peteiro fino e moita leria,
Pretendeu devorar ao carneiro
Que navejara sen vela.
Entre chafalladas e trapalladas,
No medio de tantos pillos,
Fíxolle ver ás bancadas
Ser da terra dos bolillos.
Ata aquí podía chejar
A paciencia dun carneiro,
Que maldicindo fixo calar
A pedra que calou primeiro.
…Abalar si que avala,
Sen timón e tamén sen vela,
E… volverá a abalar,
Cando Camariñas queira.
 
 Antonio Puertas

XORNADA DE CONVIVENCIA: MUXIA, 18 DE SETEMBRO DE 2010 (Andres GV)

"Inolvidable" é a cualificación tópica deste tipo de encontros e convivencias. O que pasa é que ese é o adxectivo apropiado. Podemos completar con animada, fraterna, amigable, festiva, exitosa, magnífica.... Tamén podemos engadir amena e divertida, con saudosa e nostálxica. De todo iso tivo o noso encontro anual en Muxía. Na imaxe vemos os participantes do mesmo acudindo ao santuario da Barca, xa no medio día, para escoitar as doctas explicacións do profesor Antón Castro, muxián el mesmo, e de seguido celebrar a Eucaristía, momento sempre especial no que é inevitable lembrar os compañeiros ausentes, especialmente os enfermos, e tamén os falecidos. O lento camiñar sobre os penedos da Barca débese á canseira contraída no considerable esforzo de querer que "a pedra de abalar" fixese honor so seu nome, pero non houbo maneira.
Antonio Puertas Lema, medio muxián e medio camariñán ("Mee" e "Cuá" ao mesmo tempo, alcumes que debe explicar el), como persoa experta e entendida nas tradicións locais, dilles aos compañeiros que "abalar, o que é abalar, a pedra abala, pero ten días en que non, e ese día, o 19, era un día de non". Por certo, Puertas foi e veu a Muxía na súa "jamela", como el di e escribe, desde Camariñas.
Juan Caamaño Calvo, pola súa parte, segue no intento de abalala, pouco convencido da confusa explicación de Puertas.

O día 19 vaise fixar na memoria dos participantes na convivencia anual coma o día da Barca. Un día axeitado para embarcar, como así fixemos, grazas as xestión de Rafael Martín, que exerceu de anfitrión, e a exquisita dispoñibilidade da familia Castro, que nos ofreceu un dos seus barcos -como xa fixera na ocasión anterior (¿1999?) . Neste blog, na entrada anterior a esta Rafael Garcia Ramos inseriu a entrevista que lle fixeron a Martín en La Voz, edición de Carballo.. Na imaxe vemos a Gómez Verdía no momento de "embarcar" e diante del xa o fixeron Bermúdez Outes, Fernández Barros, Dans Couto, Tacón Míguez e Quei(po) Bu(rón). Escribo así os apelidos deste para que vos decatedes de que Satur(nino) Quei(po) é o que se ve a medias. O "embarcar" tivo o seu aquel e máis dun pensouno moito antes de facelo, non por medo ao mar, non porque soprase o vento, non por medo a marearse, senón porque o acceso obrigounos a un despregue físico que fixeron renxer algúns ósos do corpo. Esta que vemos foi a entrada fácil. A menos fácil consistiu en pasar dun barco ao outro. Preguntádelle a Alfonso Outes Ruso...
O paseo en barco polas augas da ría permitiunos comprender experimentalmente o que significa a expresión "Vento do nordés, forza 4" e, situados diante do faro e do santuario, lanzar ao mar un ramo de flores, rezar xuntos polos mariñeiros e compañeiros falecidos e cantar, con certas dificultades de notas agudas e de nitidez de texto, a sempre emotiva Salve mariñeira. A familia propietaria do barco tivo o significativo detalle de instalar para esa travesía a imaxe de pedra da Virxe da Barca que se bendicira no encontro anterior en Muxía  (¿1999?) e que eles gardan devotamente na casa.
Xa no restaurante, os manxares mariños (longueiróns ou navallas, ameixas e lubina ou robaliza á brasa), ben regados, como se di, con viños apropiados, animaron a conversa e, xa na sobremesa, disfrutamos un prometedor adianto do DVD preparado por  Vázquez Pose e o seu colaborador Alberto, no que se recolle a memoria gráfica da convivencia do 2009 na Guarda.
Non faltaron os cantos nin os contos. Acordamos en principio que a  xuntanza do 2011 teña como lugares de referenza o mosteiro de Armenteira para a parte cultural e relixiosa, antes do xantar, e un restaurante de Deiro, no mesmo Salnés, pero concello de Vilanova, para a parte gastronómica e recreativa .
E así, ata o ano próximo, compañeiros e amigos, se Deus quer ou, por seguir sendo amigo do latín, Deo volente". (AGV)





viernes, 17 de septiembre de 2010

Ecos de sociedade (Rafael)

Quedei con Agustín Dios para tomar unha auga ,a medía mañá,e comentoume que na Voz,edición de Carballo de onte, saíra a noticia da nosa convivencia. Por se alguén entra neste cuarto escuro aí queda para constancia dos cronistas na véspera do reencontro anual. Unha aperta para todos.


a pé de rúa «Cada día que pasa vasche facendo maior e valoras moito máis todo»

rafael martín gómez




Organizador dun encontro de ex seminaristas en Muxía
Autor:
K. L.
Localidade:
carballo/a voz.
Data de publicación:
16/9/2010

Este sábado volveranse a reunir decenas de ex seminaristas da promoción que se configurou en Santiago no ano 1957. Nesta ocasión será Muxía o escenario no que se desenvolva o acto, e Rafael Martín Gómez (1946), natural da localidade, o seu principal organizador.
-¿Por que Muxía?
-Este ano resérvome o dereito a facelo na miña terra. Con motivo do ano santo, decidimos volver reunirnos en Muxía, cada cal reserva un ano para o seu lugar de orixe. Se Dios quere, no 2021 volveremos repetir.
-¿Que actividades realzarán?
-Embarcaremos no barco da familia Castro de Muxía. Antón Castro é un catedrático, moi amigo meu que permitiu que repitamos a saída por mar ata a Punta dá Barca, como xa fixeramos hai seis anos. Abordo irá unha imaxe da Virxe dá Barca que nos acompañará ata o santuario por mar, onde realizaremos unha ofrenda floral por todos os que xa non están. Posteriormente iremos por terra ata o santuario para celebrar unha misa oficiada por varios dos nosos sacerdotes. Despois iremos comer un peixe ao Tira dá Barca.
-Será un día para recordar moitas anécdotas.
-Levamos preto de 40 anos reuníndonos para recordar aqueles tempos, anécdotas e canalladas. Cada día que pasa vasche facendo maior e valoras moito máis todo. Por desgraza, falta moita xente daquel ano pero isto fai que nos sintamos vivos.

XA OS GALOS CANTAN EN MUXIA...

CACARACÁ
Canta a galiña para ó xantar:
Galiña poñedora
Señora do curral.
Ovos de dúas xemas,
Peteiro de petar.
Crista abarquiñada,
Roxa chafalleira,
Cachola baleirada,
Repenique de peteira.
 
QUIQUIRIQUÍ…
Artesa repleta temos aquí:
Tortilla de Betanzos,
Verzas do lugar,
Millo da colleita,
Trigo do trillar.
Cazola de estofados,
Festas e festeiros,
Novas pataquiñas,
Asados e larpeiros…
…Pandeiretas e pandeiros,
Fartura e bo xantar,
Monllos capoeiros
E pitos á estrear.
Antonio Puertas