Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

sábado, 13 de febrero de 2010

ETNOGRAFÍA ESPIRITUAL 1. O ENTROIDO

Percepción do tempo
   O galego ten unha vivencia especial do tempo, do tempo campesiño marcado polo ciclo anual da serpe, un ciclo anual que posibilita a continuidade da natureza, que une o tempo e a eternidade e conforma un "continuo feito de descontinuo", marcado polo tempo cualitativo: o tempo das patacas, o do millo  ou o da matanza do porco.
  
   O ciclo anual está dividido en dúas metades, a que vai de outubro a finais de abril e a que se estende de maio a setembro. A primeira metade está dominada polas referencias ao porco, animal oculto na casa e coidado polas mulleres, encerradas na casa. Son mitos nesta metade o magosto ou festa das castañas (1/11 de novembro), o Santo Antón Abade (17 de xaneiro) e o Entroido. A serpe tamén hiberna, está oculta neste período.

   A segunda etapa do ciclo fai referencia ao mundo visible, é tempo de colleitas; homes e mulleres van ao campo. Tempos fortes desta metade son San Pedro Mártir (29 de abril), San Xoán (24 de xuño) e San Miguel 29 de setembro). A serpe sae á superficie e pode ser perigosa. É posible que a serpe sexa a dona do tempo dos galegos. 

   O tempo está marcado por traballos significativos relacionados coas colleitas e por festividades do calendario relixioso. Unhas e outras teñen antecedentes antiquísimos. Os traballos no campo e os cambios estacionais seguen marcando no mundo rural os tempos cualitativos. E os antigos cultos pagáns foron orientados polo cristianismo cara a outros deuses / santos en vez de seren combatidos directamente. Así evitaban os rectores cristiáns enfrontarse ao ancestral sentimento relixioso fortemente arraigado nas xentes.
O final das colleitas asóciase co outono e coa festa de San Miguel e o solsticio de inverno co ciclo de Nadal.
A explosión da primavera relaciónase coa resurrección de Cristo, precedida da Semana Santa e da Coresma; a festividadde de San Xoán coincide co comezo do verán.

Tempos fortes
   Tres festas importantes representan tempos fortes do primeiro ciclo anual:
- San Martiño.
- Santo Antón Abade.
- O entroido.

O Entroido
   É unha celebración de moita tradición. O domingo de septuaxésima ou domingo fareleiro a xente bota fariña ou farelo aos que encontra polos camiños. En sitios tamén se lanza auga cunha especie de xiringa e outros procuran tisnar con carbón de leña a cara dos veciños.
   O xoves seguinte é o de compadres porque estes se convidan a comer.
   O domingo de sesaxésima ou corredoiro celébrase a carreira do galo, desenvolvida en Galicia con fórmulas diferentes.
   O xoves seguinte ou de comadres, estas convídanse a comer.
   O día forte é o domingo de quincuaxésima ou de Entroido, que abre paso á semana grande. Os disfraces adoptan formas moi vistosas e características de determinadas localidades ou comarcas. Os disfraces, individualmente ou en comparsa, saen tamén o luns e o martes de Entroido.
   Faceta importante da celebración son as comidas típicas, a base de carne de porco, e as sobremesas. Entre as comidas destaca o cocido e o lacón con grelos; as raíñas das sobremesas son as filloas, as orellas, as follas de limón e as flores.
   O mércores seguinte séguese celebrando co  enterro simbólico dalgún animal: sardiña, loro, cabra, galo... para despedir a etapa de festa e facer crítica festiva. Aínda que no calendario litúrxico católico o mércores é xa o primeiro día da coresma, en moitos sitios séguense prolongando as celebracións festivas ata o domingo seguinte ou de piñata.
   O calendario lunar quixo que este ano coincidan o Entroido e a festividade de San Valentín. Usade do primeiro con moito sentidiño, queridos mozos. Da segunda... falarei mañá.
                    
                Eduardo

P.D.: Sopra forte o vento nas velas do mariñeiro de Cabo da Crus? Rafael, informa cando poidas.

                 

No hay comentarios:

Publicar un comentario