Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

miércoles, 17 de febrero de 2010

MACEDONIA V

Problemas do disco duro
   Súmome ao grupo de amigos que se alegran pola arribada de Rafael a porto Fogar, despois da travesia polo océano de augas verdes con salpicaduras de escuma branca. Nas recuperacións é aplicable a filosofía da medalla da dor: hoxe molesta menos ca onte, pero máis ca mañá. Coidádevos!

   Coa información achegada sobre o doutor Garimet reflíctense dúas verdades:
- As fronteiras máis perigosas son as mentais. As trincheiras das ideas son máis inexpugnables cás de arames de picos.
- Os que teñen problemas co galego son normalmente os galegos que o mamaron de pequenos. Problemas do disco duro.

Factoría de soños
   A prensa do luns dá noticias sobre a fábrica de soños, onde Ágora consegue 7 Goyas; Celda 211, de produción galega, 8; e onde Luís Tosar fala en galego diante de xente tan emperifollada, só Andreu estaba emperi, sen subtítulos en castelán ou inglés.

   Na cova dos soños vimos:
- A deputados galegos afincados en Santiago que cobran dietas mensuais por máis de 1.000 quilómetros que non fan.
-Os fondos da Lotería Nacional do 25 de xullo xa non serán para o Xacobeo.
- A algún cura de Ourense, Tui-Vigo e Santiago como presuntos colaboradores-encubridores da trama corrupta de restauración de bens eclesiásticos coa empresa Da Vinci.
Da diocese de Santiago aparece a transcrición dunha conversa telefónica de don Crisanto, non o de Santo Antonio de Louredo, senón o cura de Lérez.
- Hoxe, dentro de poucos minutos, asistiremos a pactos de Estado, como os que propón Forges na súa viñeta do País.   
Supoño que son efectos especiais destes tempos de cine.

Lectura
   viaxe do elefante levoume as viaxes de Caín. José Saramago. Alfaguara. 2009.
Saramago entra nos primeiros libros da Biblia. Tras o asasinato de Abel, Caín foi expulsado do paraíso e condenado a viaxar dun presente a outro, tanto do pasado coma do futuro, para atoparse con Xob, con Noé na arca, con Moisés no Sinaí, con Isaac; para estar en Sodoma, na Torre de Babel...nunha especie de Pentateuco apócrifo.
Nun itinerario heterodoxo Caín percorre cidades decadentes e establos, palacios de tiranos e campos de batalla, guiado por protagonistas do Antigo Testamento.
Caín manifesta a capacidade de Saramago para facer nova unha historia coñecida. Este irónico e mordaz percorrido lévanos a unha guerra secular, e quizais involuntaria, entre o Creador e a súa criatura.

55 mentiras sobre a lingua galega.
O outro día citei aquí este libro colectivo de Laiovento, publicado en novembro de 2009. Hoxe podo engadir que é unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma. É un libro útil para desmontar falacias, mentiras, sofismas ou arbitrariedades que circulan sobre o galego.
   Os sofismas están recollidos de nove ámbitos:
A. Mentiras sobre a historia das linguas. 5.
B. Mentiras sobre sociedade e identidade. 12.
C. Mentiras sobre ensino e dereitos. 17.
D. Falacias na Administración. 2.
E. Falacias no mundo do comercio e a empresa. 7.
F. Mentiras sobre os medios de comunicación. 2.
G. Mentiras sobre a normativa do galego. 4.
H. Mentiras sobre a utilidade do galego. 3.
I.  Mentiras verbo da cultura. 3.

O limiar non ten desperdicio. É unha obra rigorosa pero sinxela  (77 páxinas), amena, fácil de ler e barata (5 €). Se non a mercades, estou tentado a flaxelarvos por unha tempada cun látego-resumo de 55 cordas ou mentiras.

De volta
As entradas de Senín e Andrés GV confirman que Ramón segue nas súas dúbidas metódicas e que o grupo coruñés sabe coidarse, a pesar do parte de feridos na guerra das idades.

                      Eduardo Seco

No hay comentarios:

Publicar un comentario