Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 21 de febrero de 2010

FESTA DA FILLOA

Hoxe celébrase a tradicional festa da filloa en Lestedo. Este é un deses días no que me sinto seriamente perxudicado na miña propia casa. Como ben sabedes, teño a casa á mesma beira da plaza donde se celebran as festas todas do ano (é son unhas cuantas). Para empezar, hoxe pola mañá á hora de saír para a parroquia xa tiña un coche aparcado diante do garaxe e tiven que dedicarme a "tocalo pito" un bó anaco de tempo para poder marchar. Ó medio día non puiden vir para a casa porque tería que deixar o coche a un kilómetro e había temporal de vento e chuvia; así que collín carretera e fun a comer lonxe e pasei a tarde na casa dun familiar. Chegadas as dez da noite seguía o vento e a chuvia polo que determinei voltar prá casa, cavilando que a festa estaría rematada debido á meteoroloxía e a que mañá é, ou debería ser, día de traballo. Pois nada de nada, son agora mesmo as once da noite e, mentras escribo estas liñas, está a famosa orquestra Olympus dándome a tabarra con eses bramidos desaforados que nestes tempos lles chaman música. Estou na planta alta da casa, con dobles ventás, cortinas corridas e portas pechadas e asegúrovos que non podo leer, nin ver a tele, nin falar por teléfono; o rebumbio dentro da casa non permite outra cousa que o que estou facendo con esta entrada.
En Lestedo pódese facer calquera tipo de festorro durante o ano adiante que, por estar cerca de Santiago, aquí acode canto can e gato hai ainda que caian raios e centellas. E a de hoxe é a primeira do ano. Pero ainda teño algo máis aldraxante que vos contar:
No pasado mes de setembro, chegados os días grandes das mellores festas do ano, paguei disciplinadamente a cuota que me correspondía como veciño, ou sexa noventa euros. Cal é a miña sorpresa que, chegado o primeiro día, aparecen as tres grandes orquestras de moda (Panorama, París de Noia e Olympus), montan as tres diante da miña casa e celébrase un macrobotellón ata o día seguinte as nove da mañá. Eu non sabía que se trataba dun botellón pero tiven o acerto de marchar xa pola mañá da casa e non voltei ata o día seguinte á hora do xantar. Quedei mesmamente abraiado ó contemplar a esa hora o chan de toda a plaza cuberto de un espesor de unha cuarta formado por vidros de vasos, botellas, plásticos, etc. etc. e outras substancias que prefiro non nomear. Tampouco se salvou o xardín que teño diante da porta protexido con reixa de ferro. E menos mal que non atacaron á casa. Logo contáronme o das nenas e nenos en idade escolar arrastrándose pola mañá para voltar ó seu fogar, mentras algúns dos seus compañeiros eran recollidos polo 061 en coma etílico. Xurei solemnemente que a miña cuota para festexos quedou suspendida "sine die" e probablemente usque ad calendas grecas. Sentinme avergoñado e aldraxado por haber contribuído cos meus cartos a este tipo de actos culturais. Lástima de non poder trasladar esta casa ó cumio do Pico Sacro. Polo de pronto, pra que non me pase como ó gato escaldado, de agora en diante marcharei de vacacións nos días grandes de festa e incluso cos 90 euros poderei permitirme a licencia de degustar un bó xantar.
Gustaríame saber qué opinades do botellón os que sodes pais de familia. Ós meus chavales que se Confirmaron o ano pasado parecíalles do máis normal. Nunha ocasión cheguei a Vilagarcía na mañá seguinte dunha noite de botellón que se fixera na praia Compostela e, mentras contemplaba a esterqueira, topeime con un profesor de instituto que, ante o meu comentario, miroume con sorriso benévolo e engadíu que o único fallo estaba en que o Concello debera mandar de madrugada a brigada de limpeza para facer o seu traballo.
¡Vivir para ver!. Quousque tandem? diría Cicerón. Fernando Ledo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario