Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 14 de febrero de 2010

SAN VALENTÍN E SANTA ÁGAPE

San Valentín
Corren ríos de mensaxes comerciais e de lendas sobre san Valentín para reforzar o título de patrón dos namorados.
   A historia de san Valentín no Martiroloxio romano non ofrece nin un cravo para pendurar a percha do traxe de celestino, agás o amor que se lle supón a todo santo.
   - Díxose de Valentín que casaba parellas contra a vontade do emperador Claudio II, que non quería soldados comprometidos co amor, pois pensaba que iso mermaba o rendemento bélico.
   - Díxose que foi un santo elixido ao chou para cristianizar os ritos e costumes de Baco, Cupido e Fauno, este último en plenas festas lupercais o 15 de febreiro. As festas lupercais orixinaron o nome Lupercius, en grego Licurgo e en galego Lupercio (< lat. lupum "lobo" e arceo "escorrento"). No mundo rural entre xaneiro e febreiro os gandeiros levaban con estrondo os lobos cara a un ángulo formado por longuísimos muros que tiñan no vértice un foxo, onde os mataban. 
Na antiga Roma os sacerdotes lupercos celebraban a festa o 15 de febreiro sacrificando cabras e cans para amansar o lobo. Lembremos que a loba nutricia está nas orixes sagradas de Roma. Os sacerdotes, case nus, zorregábanlle despois á xente cunha xostra e acababa a cerimonia en carnavalada.
Chegados os cristiáns ao poder, substituíron a festa pola Candeloria.
Na Gallaecia do século  VI está documentado o culto a Lupercio (30 de outubro).
   - Díxose que o 14f os romanos celebraban os sorteos de parellas ou de namorados durante o ano. E que o papa Gelasius inventou o sorteo dos santos, de xeito que en vez de tocarche un mozo ou moza, tocábache un santo ou santa que debías imitar. E foi Valentín o do día do sorteo.
   - A san Valentín tamén se recorre en casos de epilepsia e partos. 

   Desde 1969 xeneralizouse o 14f como a festa dos namorados. En Galicia, san Valentín é titular só da parroquia de Fene e non era popular ata as campañas publicitarias consumistas. Ao santo refírense refráns sobre a primavera e as troitas, pero non sobre o amor, que en Galicia está baixo a protección das virxes, de santo Antonio, de santo André e de san Ramón Nonato.

Santa Ágape de Antioquía
   Falando de amor, mañá, 15, celébrase a festa de santa Ágape, martirizada en Tesalónica xunto con dúas irmás.
   A Ágape galega é unha misteriosa muller que influíu na Gallaecia do século IV,
    Dise que foi compañeira de Elpido e que ambos os dous introduciron a Prisciliano nas doutrinas gnósticas de Marcos o Exipcio.
A lenda di que Ágape e Elpido son os pseudónimos de Eucrocia e Elpidio, orixinados a partir de dúas virtudes teologais: esperanza (Elpis) e caridade (Ágape).
   O termo ágape aparece citado na Biblia unhas 1.800 veces e está perpetuado hoxe en miles de asociacións de todo o mundo.
   Era un tempo en que moitas persoas trataban de conciliar a mensaxe cristiá coas doutrinas tradicionais sobre a interpretación  da natureza e filosofía. A igrexa de san Pablo tratou como herexía o que non era pura ortodoxia e foron perseguidos personaxes que defendían ideas aparentemente tan ortodoxas como a caridade, o amor, a pobreza, a abstinencia da carne e as vixilias. Prisciliano, decapitado en Tréveris por herexe, é un exemplo.
   Deste tempo é a seita dos Quase-abstinentes, de certa acollida en Gallaecia. Defendían que o mundo, o alimento e o matrimonio eran obras do demo. Por tanto, había que absterse de todo o que non fose imprescindible para seguir vivindo. E con isto xa entramos, digo eu, no espírito da Coresma.
   Se nos falta o amor, nada somos. Sigamos, pois, en-amor-ados e abusemos da festa, que non ten secuelas para a tensión arterial, o colesterol, a glucosa nin para o ácido úrico. Só pode afectar negativamente á carteira, pero sabemos a receita: encomendarse á Virxe do Puño, de tantos devotos nestes tempos.
                   Eduardo Seco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario