Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 6 de julio de 2009

Teoloxía práctica (Andres GV <)

Tiña algo abandonada a miña participación neste blog pero, como seguen dicindo na Adoración Nocturna os que non asisten, con "Excusa e colecta". A excusa é o remate do curso que supón para min entre outras cousas dar lectura e cualificar máis de duascentes monografías dos alumnos de 3º de Maxisterio (220, para ser precisos), outros tantos exames dos mesmos alumnos (que xa llelos fago tipo test que me enreda facelos pero logro un aforro de tempo en corrixilos) e, por outra parte unha cantidade parecida de exames dos de 2º curso. Menos mal que as asignaturas (Relixión e Didáctica da mesma) son optativas. Aínda non saio do meu asombro pola masiva aceptación que ten esta oferta para o alumnado, pois sendo optativas os horarios non son os máis apetecibles (sempre polas tardes ou en todo caso na mañá do venres, como me ocorre nunha delas). Esta é a excusa.
A colecta, polo tanto, é en especie, e os destinatarios non fostes os copartícipes do blog senón estes rapaces e rapazas, sobre todo os que rematan a súa graduación como Mestres e están desexosos de facer o seu depósito de título para incorporarse ao exercicio profesional como docentes e educadores. Como podedes comprender, non son avaro na cualificación, anque demando un mínimo nivel máis de traballo que de coñecementos.
Véxovos a todos moi enfariñados con asuntos teolóxicos e eclesiais, cousa que me interpela e enche de curiosidade. O proído e picazón da pel normalmente responde a alerxias ou a intoxicacións. O ilustre François Mauriac deixou escrito (a cita é de memoria) que "os europeos teñen recibido social e culturalmente as doses de cristianismo suficientes como para quedar vaccinados contra el". Os nosos blogueiros non parecedes vaccinados senón propicios para coller máis virus infecciosos.
Das cuestións teolóxicas que aparecen no blog, xa sabedes que algunha nin sequera é teolóxica como é o caso do celibato, asunto disciplinar e canónico, que non afecta a todo o catolicismo, senón ao maioritario rito romano. Tamén é o celibato unha cuestión de espiritualidade, unha opción de vida que, tanto o occidente coma o oriente católico e o oriente non católico, estiman en alto grao e que non se debe desconsiderar con lixeireza: desde as orixes a castidade ou virxinidade están presentes como modos de vida cristiá e como expresión dunha entrega incondicional ao Señor e aos irmáns. Que os clérigos teñan que pasar por esa condción para acceder ao ministerio é o que hoxe parece menos necesario ou menos indispensable. Cóntovos unha anécdota persoal. Cando eu andaba co programa A sentinela, da TVG, un dos técnicos da compañía sempre me andaba dando a vara con que se o papa Xoán Paulo II era un conservador, que xa era hora de dar paso á ordenación sacerdotal das mulleres, que habería que abolir o celibato, cousas moi na liña do que lemos todos os días e tamén aparecen no noso blog. Eu, xa algo farto da cantilena aquela e sobre todo da súa insistencia en liberarme a min (el estaba casado) da carga do celibato, un día quixen poñer punto final ás súas lerias e díxenlle para cortalo: "Se a estas alturas da miña vida, despois de máis trinta anos de cura célibe, derogan a norma do celibato, eu reclamarei os atrasos". Botou a rir comigo e pensei que eu deixara sentenciada a cuestión, pero non. Pasoume a man polo ombro e moi cinicamente suxeriume: "Será mellor que vaias apañando algún anticipo". Xa vedes, qué consello...
Na miña opinión o celibato obrigatorio ten un prazo de subsistencia próximo a desaparecer, só que na vida da Igrexa o significado de "próximo a desparecer" pode supoñer o paso de cincuenta, cen ou cento cincuenta anos. Pero máis difícil o ten o acceso da muller ao sacerdocio ministerial. A teoloxía que defende esa exclusión está cada día máis en retirada, pero a igrexa católica non dará ningún paso neste sentido senón é ao mesmo tempo que todas as igrexas da ortodoxia oriental: gregas, rusa, armenia, etc. E aquí, que teñen sen embargo o celibato opcional e a maioría dos bispos os teñen que escoller entre os monxes, na cuestión da ordenación da muller están moi lonxe, pero moi lonxe... O ecumenismo ten complexidades que levan tamén por camiños non de progreso senón de freo ou retardo...
No que á teoloxía se refire, este amigo cura que vos escribe ten optado hai tempo pola "Teoloxía práctica" máis que pola especulativa, non porque esta non lle interese, que me interesa e moito. Desde hai uns anos dáse en chamar "teoloxía práctica" o que, plus minusve, antes se chamaba Teoloxía pastoral. Non me veñades con aquilo de que unha mala teoría dará lugar a unha mala realización e producirá incluso resultados nocivos. Non vos diría absolutamente que non e case podemos constatar que unha idea peconciliar do laicado e da igrexa está dando resultados máis que discutibles. Pero eu obtei, xa de hai tempo, pola dínamis oposta: fagamos desde a nosa pobreza persoal o que poidamos por unha realidade de neta identidade cristiá, onde a muller, o laico, as comunidades teñan participación e corresponsabilidades, os pobres se sintan acollidos e a vivencia da fraternidade non sexa só obxecto teórico de predicación, senón exercicio e vivencia dos que estamos aí. A miña esperanza é que a vida, na medida en que a vivimos con sentido de fidelidade e ante Deus e Cristo, empurre as teoloxías e as normas, facéndoas máis anchas, maís transitables, vieiros e estradas de alegría. Na vida e no ser humano, como ensina Torres Queiruga, é onde ten lugar a revelación de Deus.
Por certo, amigo Ramón Senín, estrañácheste hai tempo de que eu encontrase "críptica" unha das túas aportacións ao "Foro de Severino". E tiven que mandar unha aclaración sobre esa palabra. Agora pido eu explicacións: ¿Que son exactamente as parésticas e por que titulas así o teu artigo máis recente??

1 comentario:

  1. Apreciado Andrés:Pois agora que remata o curso a repor forzas para o seguinte. Paréceme ben que teñas unha teoloxía práctica na que apoiarte para vivir con ilusión que, como o humor,é unha peza esencial para que a bicicleta da vida, como di Senín, non se pare. Non sexas iluso. A curiosidade por asuntos eclesiais e teolóxicos que observas,polo menos en min,non obedecen a un rexurdimento. Entre nós de algo hai que falar e o que nos uniu, nun tempo, foi a comuñón nuns ideais vividos cuasi heroicamente. Hoxe queda unha boa amizade que se fraguou en circunstancias adversas como son os internados, o cárcere a emigración ou os hospitais onde din que se fan as amistades que duran toda unha vida.

    O que apuntas, supoño que respondendo a realidade, de que unha idea preconciliar da Igrexa e do laicado dá aparentemente resultados tamén poden ser fogos de San Telmo. Nos tivemos un excelente profesor da Hª da Igrexa: Rios é deixounos claro que as distintas situacións que se deron ao longo de 20 séculos foron consecuencia do esquema: tese,antítese e síntese.

    Unha aperta Andrés e amósate con frecuencia ,se as ocupacións cho permiten. E un pracer lerte. Rafael

    ResponderEliminar