Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 9 de mayo de 2010

O QUE DA CONSELLOS...


Di o refraneiro que o que da consellos non da cartos. O noso ex-colega Xesús Ferro Ruibal, conviviu en San Martiño connosco até o 66, académico da Lingua, publicou xa hai anos un Refraneiro Galego, creo que en Galaxia, no que recolle mais de 10.000 ditos de todo Galicia. Ten como fonte, amais doutras,o  material aportado polos alumnos de D. Manuel García García , Profesor de Preceptiva Literaria, alias Ceuta, durante varios cursos. Nel cita a procedencia e aparecemos,moitos de nós,con nome apelidos e localidade onde se recolleu o refrán.

Conta Ferro, na introdución, que lle custou traballo dar con ese material. Os sobriños de D. Manuel non sabían onde foran a parar aquelas caixas onde gardaba os ditos e cando xa daba por imposible recuperalos soubo, por casualidade, que os tiñan os herdeiros dun crego galeguista de Lugo. Deduce Ferro que durante a ditadura algúns cregos galeguistas mantiveron algún tipo de relación,Por outra razón é case imposible xa que o clero estaba moi pechado na súa diocese e a non ser que fosen poboacións lindeiras carecían de relacións que non fosen familiares e neste caso non eran.

Esta digresión ven pouco a conto pero aí queda. Volvendo ao principio quero indicarvos un consello gratuíto do que nestes tempos é conveniente facer para non perder a sindérese e que nos toleen coa inxente cantidade de mensaxes contraditorios aos que nos someten acotío.

Partindo da premisa anterior que tamén se pode traducir polo de o falar non ten cancelas e o escribir tampouco, aí vai a recomendación ou consello. Ao final direivos que non é orixinal, nin loxicamente se me ocorreu a min. Douno hai pouco un dos personaxes mais influentes de mundo.

Os medios de comunicación escrita e algúns audiovisuais están tensando e aveces pretendendo envelenar pensamentos e ideas antagónicas sobre a mesma realidade. “Convén de vez en cando ler algúns diarios e ver algunhas teles coas que non se comparte ideoloxía nin orientación.Os cidadáns somos aveces axentes e vítimas dunha constante excitación política. Os causantes son os responsables políticos pola súa vulgar e oportunista forma de ganar seguidores”. A veces o que pretenden e o desinterese pola res pública. Cando nalgunha cadea de televisión e periódicos repitan constantemente mensaxes deste tipo:Tódolos políticos son corruptos e iguais .Tódalas feministas son histéricas e frustradas. Todos os sindicalistas viven a sopa boba. Tódolos nacionalismos son desintegradores etc...”Si escollemos expórmonos sempre a ideas e opinións en consonancia coas nosas conseguiremos aumentar a polarización, fomentar o fanatismo e confirmar reiteradamente os prexuízos””Isto impediranos discrepar sen necesidade de endiañar ou por en dúbida os motivos sinceros do que pensa dese modo”.

O consello subliñado e mais as frases que van entre comiñas están recolleitas dunha intervención que tivo o Presidente de Estados Unidos na clausura dun curso na Universidade pública de Míchigan. A min chamoume a atención porque non é frecuente escoitar aos dirixentes políticos,e mais desa categoría, baixar a esas miudezas. Os medios de comunicación e as autoridades teñen a obriga de facer pedagoxía social ensinando a vivir e convivir. Outra cousa é que sempre o fagan.

Cando ía a colar esta colaboración atopeime coa sobremesa de Eduardo e,como outras veces, non podo non probar a macedonia e mais comentar algo sobre cadanseu compoñente.

1ª.- Souben do concertazo e se non fose polo tratamento que me están pondo e non me aconsellan conducir. ademais déixame mais canso que facer unha etapa do camiño de Santiago,esperábame alí un sitio para animar a causa do idioma. Ao final van ter razón os que pensan que fai mais pola lingua esta Xunta ca de Touriño e Quintana.

2ª.- O público hai que defendelo. Pobres de nós se non tiveramos a sanidade pública que temos. Teriamos que arruinarnos economicamente cando tivésemos un grave problema de saúde. Quen pagaría un transplante? E falso de toda falsidade que un sistema de xestión privada é mais eficiente como moitas veces se nos intenta facer crer. O que hai que ter e escolas para directivos e administradores do público e un sistema de control e inspección coa máxima independencia e non como agora. Etc...

3ª.-O herexe. Miguel Delibes foi un sabio. Xa no seu momento deixamos constancia.

4ª.-Encrucillada. Manteñen a vela acesa. Algún día,cando a Igrexa volva ás fontes e non mire para Trento e o importante sexa a esencia e non os accidentes caerán da conta que o camiño é por aí e non por onde van hoxe en día.

5ª.-O Rouquiño é o caso de caciquismo e nepotismo mais grave que se ten dado na Igrexa nestes tempos e mais sen gardar as formas. O tío está na Comisión Pontificia de nomeamentos e cando lle preguntan di que el o día que elixiron ao sobriño non asistiu. Como din os cativos ten un morro que o pisa. Xesús Mato Mato,crego, un dos fundadores dos primixenios “Fuxan os ventos”cando o nomearon laiouse de cal sería i pecado que cometeron os cregos da diocese para que lle mandaran ese bispo e ademais tan novo. Sería para que rematase coa obra de Frai Xosé Gómez. Único bispo que se saiba que acudiu a manifestación en Lugo contra a guerra de Iraaq, nun lugar moi discreto case o final pero do que se fixo eco a prensa no seu día. Como os cregos, meirande parte, non lle facían caso no uso do galego que sempre lles pedía insistentemente forzou a que tomasen o acordo de que polo menos,na Misa, a homilia e o evanxeo fose en galego.

O grupo municipal do BNG emitiu un comunicado de condolencia resaltando del, entre outros valores, a permanente utilización do galego na sede do bispado de Lugo con ocasión do seu pasamento.

6ª.-O día das letras este ano haberá que celebralo en Santiago. Xa ves Eduardo que os froitos cos que formaches a macedonia probeinos todos e soubéronme ben. Cando fagas outra que che saia igual de boa. Por hoxe xa está ben de leria que vai ser noite e hai que ver algo o “castravexo”como lle chamaba o bo de Moncho Valcárcel (d.e.p.)Un saúdo para todos. Rafael

Post data: Tamén lin o que nos conta o amigo Fernando. Noraboa por esa prórroga vital que se nos concede a todos os que xa andamos en idades perigosas. Cando na convivencia, durante a Misa, pasan lista dos desaparecidos estremécenseme as carnes ao ver a cantidade de compañeiros que se foron despedindo. Cousas da vida que diría Castelao.

As boas noticias non son noticia case nunca. No Rexistro de Marcas e Patentes hai anos que está rexistrado un produto chamado medio de comunicación que se distinguiría por soamente dar noticias positivas. Xa o había cando estudei Dereito Mercantil e xa vedes que non saíu ao mercado .O seu beneficio social sería inmenso. O efecto contaxio existe. Eu penso que pouca xente confía nesa idea e nos que a levarían a cabo. Alegroume o que nos contaches comentando a reportaxe da Voz.. Hai moita xente formidable e debería saberse. A imaxinación ao poder .Saúde Fernando. Foi un pracer saber de ti. Ut supra. Rafael

No hay comentarios:

Publicar un comentario