Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 5 de abril de 2010

ETNOGRAFÍA ESPIRITUAL 3.

   O tema que tiña iniciado, as achegas de Rafael e Fernando, a que podería ser letra de saeta de Antonio e o visto en Murcia van ser o fío condutor desta achega etnográfica, estritamente espiritual e non no senso lato que lle daba Taboada Chivite.
   Sobre o chaparrón con pedrazo que está caendo sobre a Igrexa e o PP haberá tempo de falar. Espero que os milagres do Escorial non lancen un fume tan mesto que oculte a realidade mentres uns e outros levitan, porque os seus pecados non son deste mundo.
 
Cruz de Caravaca 
   Visitei o santuario-castelo de Caravaca da Cruz e quedei  moi sorprendido. Pensaba que a cruz de dobre brazo estaba moi relacionada con eses amuletos que valen para todo e conseguen o imposible. Estaba errado, compite en santidade con Santiago, Santo Toribio de Liébana e Roma. No 2003 o Vaticano declarou o primeiro ano xubilar de Caravaca in perpetuum cada sete anos. No 2010 están celebrando o segundo e téñeno moi ben organizado, para fomentar o comercio, a superstición e a relixiosidade.
   A cruz é un lignum crucis, consérvase nun relicario en forma de cruz de dobre traveseiro. A historia arrinca dunha lenda medieval nacida nunha cidade fronteiriza, vítima de incursións constantes de árabes e cristiáns. Segundo a lenda, o musulmán Zeit Abuzei, señor do castelo, quería sacar proveito das habelencias
gremiais dos prisioneiros e foi preguntando a cada un que sabía facer. Tocoulle a quenda a Xenxo Pérez Chirinos e contestoulle que era sacerdote católico e que celebraba misa. Zeit sentiu curiosidade e pediulle que celebrase unha misa. Cando estaba empezando, o cura deuse conta de que lle falataba un elemento imprescindible: a cruz. Pola ventá do salón entrou unha luz cegadora que precedía a dous anxos que depositaron a cruz na mesa que ía ser altar. Así puido celebrarse  a misa. Zeit Abuzei e a súa corte convertéronse e bautizáronse.
   Ás 11,30 organízase a peregrinación desde a igrexa do Salvador ao santuario da Vera Cruz, a uns 500 metros, encabezada por unha cruz que vai pasando de peregrino a turista ou viceversa.  Ás 12, misa solemne do Peregrino. Un acólito, con traxe negro e escudo (da confraría?) dixo que non fosen comungar os que non chegaran á misa completa. Bicar a cruz xa estaba permitido a todos. No 1736 concédese á Vera Cruz o culto de latría. Fileiras longuísimas para o bico, incluídos rapaces de 6-8 anos de colexios que durante a misa xogaron na explanada da igrexa, dentro das murallas do derrubado castelo medieval.
   Tendas semirrelixiosas por todas as esquinas, un museo adosado case baleiro e un pergameo por dous euros que acredita que gañaches o xubileo, despachábanos aos 10 minutos de dar o nome. Algúns turistas pedíanos para amigos. É unha especie de Campostelana xacobea con requisitos mínimos.
   Só lle falta o botafumeiro para perfumar o ambiente e crear efectos místicos. Tampouco teñen Xacobeo, supoño que para o 2017 xa terán creado un Caravaqueo para tirar da economía.

Semana Santa murciana
   A Semana Santa de Lorca é diferente: nun espazo público habilitado representan escenas e personaxes do Antigo Testamento, do Apocalipse e do mundo romano, estilo Benhur. As confrarías chámanse pasos: Azul, Branco, Encarnado e Morado. Os dous primeiros son os ricos, teñen museo propio, obradoiros de bordado que traballan todo o ano e santa rivalidade para maior gloria do espectáculo. Os traxes bordados son incriblemente perfectos, os mellores do mundo. 
   As procesións de Murcia son as clásicas, con munerosos pasos de Salcillo e outros de recentísima factura. Curiosidade antipedagóxica: cada confraría ten asignado un día para saír en procesión, sacar todos os pasos e lucir todas as galas. Así, a arquiconfraría que xestiona o museo Salcillo sae o venres santo pola mañá coa Última Cea do famoso escultor. Se a imaxinaría relixiosa era un catecismo para xente pouco instruída, este desorde debe ser para alumnos avantaxados.
    Os nomes da confrarías de Semana Santa sempre me chamaron a atención pola linguaxe barroca (culterana). De Murcia chocoume esta por ser conceptista: Archicofradía de la Sangre.
    O aggiornamento podería empezar tamén por aquí.

   Outros santos
   En Cartaxena asegurou un guía que Santiago apóstolo pisou solo hispánico no porto de Cartago Nova. Razón: Santiago predicaba nas sinagogas para converter xudeus e por alí había moitas.
   Descubrín a san Patricio como patrón de Lorca. Este santo é titular de catro igrexas/catedrais: Dublín, Nova York, Rouen e Lorca. É curioso que Patricio, apóstolo católico de Irlanda (390-461), sexa agora titular da catedral protestante de Dublín. A dominación británica e a independencia do sur da illa (1922) explican esta curiosidade.
   A igrexa católica levantou modernamente a catedral de santa Ana, de estilo neoclásico.
  En Calasparra no interior dun santuario rupestre, que antes fora cova de pastores, nunha paisaxe espectacular da garganta do Segura, vin unha máquina anticapitalista e moi devota: introducías unha moeda e saía transformada en medalla da Virxe da Esperanza. Cousas veredes Sancho!

Nacemento da etnografía
   Niebuhr (s.XVIII) deu base científica á etnografía e desde entón moitos estudosos comprenderon a importancia desta ciencia para coñecer a historia. Vicente Risco: "Determinar a alma dun pobo nas súas formas culturais puras é o que chamamos interpretación fisionómica da historia".
   En Galicia o Padre Feijoo e, sobre todo, Martiño Sarmiento poden considerarse precursores da etnografía científica. Tocan tamén temas etnográficos Murguía, Verea e Aguiar, Barros Silvela, Xosé Antonio de la Iglesia, Emilia Pardo Bazán, Saco y Arce e García de la Riega.
   Abundan referencias literarias en escritores que beben no costumismo rexional, nas crenzas e nas supersticións para retratar o ambiente campesiño: Neira de Mosquera, Curros Enriquez, Lamas Carvajal, Alfredo Brañas, Labarta Pose e Noriega Varela.
   En 1883 constitúese a Sociedad del Folclore Gallego baixo a dirección de Emilia Pardo Bazán. A Biblioteca de las tradiciones populares españolas publica un tomo en Sevilla, 1888, dedicado case todo a Galicia. Desde entón, os estudos etnográficos son máis científicos e rigorosos.
   Desde 1920, a revista Nós, Boletín mensual da cultura galega, é un escaparate de material etnográfico. En 1923, o Seminario de Estudos Galegos abunda no tema.
En 1976, nace o Museo do Pobo Galego, creado para recoller elementos da cultura material e espiritual, en transo de desaparición, para conservalos e coñecelos, para explicar mellor o presente e formular o futuro do pobo galego.
   Os mellores desexos, no luns de Pascua, para que sexamos señores da Vida.
             Eduardo

No hay comentarios:

Publicar un comentario