ALGO SE MOVE EN VILA CARTÓN
Dereito a crecer sans.
Dereito á educación.
Son as cinco da mañanciña. O Sol asoma e Ariane vístese silandeira para non espertar os seus irmáns. É martes e ten que ir buscar auga para cociñar, fregar e lavarse. No seu barrio non hai auga corrente, nin electricidade, nin rede de sumidoiros. A fonte máis cercá está a dous quilómetros e só funciona dúas horas cada tres días.
O barrio chámase Vila Cartón: as vivendas están feitas de chapas, materiais reutilizados, terra e cartón.
Ariane encárgase de levar auga e de todos os labores da casa. Coida tamén tres irmans pequenos: Xonás, Daniel e Ed; por iso non pode ir á escola.
Seu pai e súa nai, na época da zafra, traballan na finca do señor Bonnet, pero o resto do ano subsisten grazas a pequenos traballos.
Ariane recolleu da fonte o caldeiro de auga que necesitaba para os tres días seguintes e chegou á casa co tempo xusto para preparar o almorzo e espertar os irmáns antes de ir traballar, porque Ariane traballa tamén para o señor Bonnet.
A auga era escasa pero tíñao todo ben calculado para os tres días. Repartíaa en dous caldeiros, un amarelo e outro vermello. Pero un despiste de Xonás complicou as cousas: tropezou cun caldeiro e perdeuse metade da auga. Faltaban aínda dous días para que a fonte volvese funcionar.
Non tiñan cartos para mercar auga ao camión cisterna que percorría os barrios e Ariane sabía que a auga do surtidor do barrio non era potable: había dous anos que súa irmá pequena morrera por beber dela.
Decidiu ila buscar alí e usaríaa para cociñar, fervida non facía dano.
Advertiu aos irmáns de que non bebesen do caldeiro amarelo e marchou a traballar, despois de deixar os irmáns ao coidado da veciña Nora.
Ao día seguinte Ed estaba mal; tiña dor de tripa e Ariane sospeitaba o peor.
- Ed, de que cor era o caldeiro do que bebiches?
- Non me acordo, Ariane.
- Pero é moi importante que o lembres, era amarelo ou vermello?
- Non o sei…, creo que era amarelo.
Cando mamá chegou de traballar levaron a Ed ao hospital: tiña diarrea e necesitaba un tratamento urxente.
De onde ían sacar o diñeiro para curalo?
Na época da zafra saían camións diarios con traballadores para a República Dominicana; pagaban mellor ca nas plantacións haitianas. Por iso os pais de Ariane decidiron deixar as plantacións do señor Bonnet e probar sorte no país veciño.
Cando Ariane chegou á finca, o señor esperábaa na porta.
- Bos días, señor Bonnet.
- Bos días, Ariane. Esperábate para falar contigo. Teño entendido que teus pais marcharon hoxe á República Dominicana.
- Si, señor, así o fixeron.
- É certo que van trraballar alá nunha plantación?
- Si, é certo.
- Sabes o motivo?
- Alá o salario é algo maior, señor, e agora necesitamos moito o diñeiro porque Ed está enfermo.
- Así que é polo diñeiro! Por iso mesmo pensei contratar outra mocosa máis necesitada ca ti.
- Pero, señor, díxenlle que o necesitamos moito.
- Xa, pero co diñeiro de máis que van gañar teus pais iravos mellor.
- Pero eu estou moi contenta aquí e querería seguir con este emprego.
- Síntoo, Ariane, xa chamamos outra moza, que empezará hoxe mesmo.
- Está ben, señor, marcharei cando me pague os 20 días de traballo.
- De que me falas? Bastante tiveches cun prato de comida cada día!
Todo estaba perdido, era unha loita desigual. Regresou a Vila Cartón; estaba moi preocupada.
Cando chegou á casa sorprendéronse de vela chegar
- Que pasou, Ariane?, preguntou Nora.
- O señor Bonnet despediume.
- Pero iso non é xusto. Ti sempre cumpriches ben co teu traballo.
- Estou cansada e estou triste. Non sei que podo facer para atopar un traballo.
- Non te preocupes, Ariane. Seguro que se nos ocorrerá algo.
- Ariane agarimou a Ed contra o peito e estivo sentada moito tempo.
Xonás sabía como animar a súa irmá: ir buscar a Arístide, o mellor amigo de Ariane.
Arístide vivía en Cidade Mosquitos, pero era moi coñecido en Vila Cartón. Cando chegaba ao barrio todos os rapaces o seguían para que fixese os seus famosos xogos malabares. Arístide percorría os barrrios ricos das cidades facendo xogos con pelotas de papel, latas, botellas de plástico e outros materiais reciclados.
Xonás avisou a Arístide, que veu ver a Ariane.
Ela estaba sentada no chan, xunto a Ed, que tiña febre. De súpeto, asomou unha cabeciña pola porta:
- Oín que busca un novo emprego, señorita. Precisamente necesito eu unha axudante para os meus xogos. Acepta o traballo? Cobrará pouco, pero rirá moito.
Arístide deu un salto e apareceu sorrindo.
- Arístide! Que alegría verte!
- Xonás díxome que estás triste e iso non pode ser.
Ariane contoulle ao amigo todo o sucedido.
Arístide pensou que había dúas cousas que solucionar:
- Atopar un traballo para Ariane.
- Facer algo para que non se repetisen esas inxustizas e as persoas coñecesen os seus dereitos.
Así naceu o Grupo Titiriteiro Vila Cartón, que animaba as rúas con xogos malabares, pinchacarneiros, música e bailes.
Mentres uns actuaban, outros dedicábanse a ofrecer servizos como limpar zapatos, facer compras, dar recados e atraer posibles compradores aos postos de venda.
Non gañaban moito pero sobrevivían. Arístide aproveitaba, ademais, cada actuación para informar sobre os dereitos dos traballadores, relatando contos que el mesmo inventara: Contos do dereito e do revés.
O medo e a pobreza impedíanlle á xente atreverse a loitar polo que era xusto.
- “Son dereitos humanos que nos pertencen e que ninguén nos pode quitar nunca!” Dicía isto e camiñaba sobre as mans berrando:
- “Agora que coñeces os teus dereitos, tenta que non se volvan do revés”.
Cuentos del derecho y del revés. Mans Unidas. 2012.
Saúdos cordiais.
Eduardo.
Moi bonito o conto Eduardo. Ademais ten miolo.Pódense, de o ler amodiño, sacar conclusións.Acordame aquela máxima ou consigna das cousas que tiñan proverbio ou aforismo.Ou sexa do que podías aprender algo.Un saúdo e a ver se este ano podes vir ao xantar do antroido que na próxima xuntanza de pequeno, grupo que nos axuntamos enparladoiro semana, decidimos o día que será ao remate do mes mais o menos.seguramente o derradeiro Xoves deste mes.Un saúdo afectuoso Eduardo.Rafael
ResponderEliminar