Manifesto 2014
É NECESARIO UN COMPROMISO SOLIDARIO MUNDIAL PARA QUE TODOS SE POIDAN BENEFICIAR DOS FROITOS DA TERRA
No ano 2000 todos os países acordaron traballar xuntos para acabar coa fame antes de 2015. A menos dun ano para que acabe o prazo, comprobamos que estamos moi lonxe de poder conseguir este obxectivo.
Hoxe, 842 millóns de persoas pasan fame. É un escándalo que non podemos consentir. Está nas nosas mans ofrecer solucións para que se cumpra este dereito fundamental para todos.
Para acabar con esta traxedia é urxente xerar unha nova orde de relacións entre persoas, asociacións, empresas, organismos públicos e entre países, que reflicta a fraternidade que nos une a todos. Porque o desenvolvemento dos pobos depende, sobre todo, de que aprendamos a vivir como membros da mesma familia. É necesario un compromiso solidario mundial para que todos nos poidamos beneficiar dos froitos da Terra.
Por iso, desde Mans Unidas, asociación da Igrexa católica para a axuda, promoción e desenvolvemento dos países do Sur, na campaña que agora iniciamos, convocamos a todos a traballar fraternalmente por “Un mundo novo, proxecto común”, porque acabar coa fame é responsabilidade de todos, e só será posible se todos traballamos como auténticos irmáns.
Por estas razóns demandamos:
- A todas as institucións políticas, culturais e relixiosas que busquen un diálogo fecundo, capaz de analizar a fondo as causas das inxustizas, e propoñer as medidas necesarias para defender eficazmente o ben común.
- Ás empresas e entidades financeiras que desterren as relacións baseadas no logro de máximo beneficio e poñan no centro dos seus intereses o ben da persoa.
- Á comunidade internacional que mellore a cooperación e favoreza unha política comercial coherente coa defensa dos dereitos humanos.
- Aos países desenvolvidos que se comprometan a aumentar a Axuda Oficial ao Desenvolvemento, aliviando a débeda externa e compartindo cos países do Sur o acceso aos mercados, e aqueles medios que garantan a defensa efectiva dos seus dereitos fundamentais.
- Aos países en desenvolvemento que melloren a súa gobernabilidade, a transparencia na xestión dos seus recursos e o compromiso serio na defensa dos dereitos fundamentais.
- A todos os gobernos e institucións internacionais que establezan regras xustas para que os países poidan establecer relacións mercantís seguras e non discriminatorias.
- A todas as persoas e institucións que promovan un modelo de desenvolvemento sostible, que salvagarde os recursos naturais, utilizándoos responsablemente e poñéndoos a disposición, especialmente, dos maís necesitaddos; un desenvolvemento que fomente a austeridade no consumo e deteña o consumismo compulsivo e irresponsable.
- En definitiva, demandamos a defensa dun modelo de desenvolvemento que poña as persoas no centro, a súa inviolable dignidade, e os dereitos fundamentais que lles pertencen; e que atenda aos pobres especialmente.
Co papa Francisco, convidamos a todos “a dedicar un lugar especial, nos nosos corazóns, para esta emerxencia, que é respectar o dereito outorgado por Deus a todos de ter acceso a alimentos axeitados, a compartir o que temos, en caridade cristiá, con aqueles que teñen que enfrontarse a moitos obstáculos, para satisfacer esa necesidade básica”.
Ao comezar esta nova campaña, pedímoslle a Deus que nos conceda a graza de ver un mundo no que ningúen deba morrer de fame.
Un mundo novo, proxecto común.
O 9 de febreiro celébrase a xornada nacional de Mans Unidas e iníciase a Campaña LV, para desenvolver durante o ano o 8º Obxectivo do Desenvolvemento do Milenio: fomentar unha alianza mundial para o denvolvemento.
Saúdos
Eduardo
No hay comentarios:
Publicar un comentario