É xoves, pola tarde,
despois de xantar, abro o noso blog por si hai algunha novidade e
decido escribir algo para evitar que esmoreza como outros de vida
efémera e fugaz. Reúnome comigo mesmo e,en breves segundos para non
dar tempo o trasacordo,decido facelo agora mesmo nesta hora e media
que falta para que regrese a miña compañeira de traballar e fagamos
a hora de paseo que tódolos días me impuxo como penitencia a
doutora no informe de alta hospitalaria. É difícil hoxe, despois do
bombardeo de información ao que nos someteron todos os medios coa
remodelación do goberno,cambialo chip para falar de algo mais
intranscendente.
Chámolle refrito ou
rustrido porque será un revolto cos ingredientes que xa nos comentou
de modo maxistral Eduardo e algún outro que irá aparecendo, polo
camiño, da miña colleita.
Acórdome nesta tarde de
Xoves de aquelas tardes de paseo que de nenos,adolescentes e mozos
faciamos polo Pedroso,a ponte da Rocha,o monte da condesa, San Lázaro
ou o campo dos cabalos no que se podía xogar o pano da man,o marro,
ou incluso ao futbol.
Lémbranos Eduardo que
o 4 de Novembro é o día da ciencia en galego e os persoeiros aos
que se adica. Dounos a todos a posibilidade de navegar unha boa
singradura,eu volvín varias veces as páxinas coas que enlazan e
abofé que aprendín algunhas cousas que descoñecía como a
diferencia que hai entre un longueirón e unha navalla apesares de
andar a eles,de rapaz, coa espita, na praia de Barraña (Boiro) na
que había moitos.
Ramón María
Aller,homenaxeado, foi crego, ten unha biografía apaixonante. Vén
resumida en Wikipedia. Coñecín moito a un sobriño que viviu con el
ata o 66 no que fina e que foi xunto con Rafael Bárez dos primeiros
avogados laboralistas que exerceron na Coruña, ambos faleceron moi
novos. Enrique Aller nun accidente de coche, en Nicaragua ,onde
estaba de cooperante, a finais dos 80, e Rafael ,co que empezou a
traballar Barreiro Barbeito que era licenciado en dereito antes de ir para o Banco e logo na
Deputación da Coruña e Consellería de Industria en Santiago, que
morreu de enfermidade.
Respecto a castelán ou
galego hai que recoñecer que temos un segundo idioma ,o castelán,moi útil para
viaxar. Co galego, o castelán e un pouco de Inglés somos as persoas
mais capacitadas e habilidosas en cuestións comunicativas. Hoxe os
profesionais da arquitectura estano pasando moi mal. Están cerrando
as oficinas e despachos por non poder pagar os alugueres. Viven dos
aforros e das rendas dalgún inmoble os que levaban anos e teñen
algún patrimonio. Os que viven mais o día ou estaban endebedados a
situación económica é tráxica .Os galegos teñen unha alternativa
si emigran ao Brasil onde, igual ca en Portugal, é moi doado de se
entenderen. O outro día comentáronme a marcha dalgúns para o
Brasil onde a construción está como aquí fai un lustro en pleno
apoxeo. Non todos van ser problemas: Algunha vantaxe tiñamos que
ter en comparación cós do resto da península.
En canto á película
“La buena nueva”chamáronme algúns amigos que a viron despois ,a través
de Internet, e comentáronme que para os cregos debería ser de visión
obrigatorio. Alá os alciprestes e bispos se lles parece oportuno.
Polo que toca a visita
do Papa hai que recoñecer que é un acto dunha gran transcendencia
económica e social. Non se pensa o mesmo da dimensión espiritual
pero tampouco debemos ser uns fundamentalistas intransixentes.
Disputan autores como se dicía nas teses escolásticas.
Hoxe as 8 e media, na
sala de actos da asociación Alexandre Bóveda, informáronme os
consocios da Mesa pola normalización lingüística que terá lugar a
presentación do libro Estudos
xurídicos sobre
o decreto para o plurilingüismo. Intervirán
Luís Villares o maxistrado-xuíz que coordina, en Galicia,a
asociación Xuíces para a democracia, Carlos Amoedo catedrático de
dereito administrativo e secretario xeral da Universidade da Coruña
e mailo editor Paco Pillado.
Nun próximo apuntamento farei unha pequena recensión
deste libro despois de que o lea. Así fórzome a min mesmo a lelo
e de paso fago un resumo para vós.
Pois o tempo foise e o reloxo pasou das 4 e media ás 6
sen case decatarme. Non pensedes que é poñerse a teclear e xa vai
todo de corrido como as rancheiras mexicanas. Despois hai que
corrixir o escribido,poñer as comas e os puntos no seu sitio e
aquilo que se dixo dunha maneira dicilo doutra mais bonita e leva o
seu tempo. Hai pouco, unha de esas mañás que teño que pasar no
hospital de día para un tratamento que me están pondo, levei un
exemplar da novela de Cela: “La Colmena”. Nunha introdución que
lle fai o propio Cela di que se un se pon a escribir unha novela e
lle sae mal, se a corrixe unha e mil veces e lle adica miles de
horas, o que antes foi un churro pode acabar sendo unha Divina
Comedia ou un Quixote. Cando o fillo era pequeno,había pouco que
inauguraran a sede da súa fundación en Iria ,paramos para visitala,
e chamounos moito a atención as cuartillas tachadas dos borradores
da” Colmena” e da “Familia de Pascual Duarte”que se
expoñían.
Por último comunicarlle a Vilariño que xa sei que os
de Muxía son corvos e os de Camariñas carneiros de toda a vida.
Díxomo o fillo de Puertas, o pai do neno, para o que o avó nos
pedía que asinásemos en Facebook. Dicía que cando se xunta un
carneiro cunha corva saen eses nenos tan bonitos como o neto de
Antonio Puertas. Esperamos que gañe ese concurso e ,os que non o
fixestes, mostrádelle a vosa adhesión que nos pedía o compañeiro.
Nada mais. Saúdos para todos. Que a vida vos trate
ben. Deica outra Rafael
No hay comentarios:
Publicar un comentario