Mañá é hoxe
Falaba Andrés GV da parábola do rico epulón e das diversas mesas que se poden compartir. A concesión do premio Príncipe de Asturias da Concordia a Mans Unidas é un recoñecemento a esta ONG fundada hai 51 anos por mulleres de Acción Católica. Como loita contra a fame, hai que incluíla na mesa dos pobres.
No 2009 recadou 54.021.970 €.
Aprobáronse 692 proxectos de desenvolvemento en 58 países:
- 259 proxectos en África.
- 180 en América.
- 253 en Asia e Oceanía.
Os proxectos foron agrícolas (92), educativos (261), de promoción da muller (88), sanitarios (130) e sociais (121).
O lema para o 2011 é "O seu mañá é hoxe". Gabriel Miró escribiu: " O futuro dos nenos é sempre hoxe". Maña será tarde".
Os 50.000 € do premio Príncipe de Asturias serán destinados a reconstruír Haití.
Concerto sinfónico benéfico
Para celebrar o 50 aniversario Mans Unidas organiza o 20 de novembro un concerto, dirixido por Imma Shara, da Orquestra Sinfónica do Teatro Regio di Parma, no teatro Monumental de Madrid.
A recadación do concerto destinarase a desenvolver 25 aldeas do norte da India.
Existe fila cero para quen queira colaborar:
BBVA. 0182 - 2325 - 08 - 0011344904
Referenza: Concerto benéfico.
Máis información: http://www.manosunidas.org/
Deus existe
Falando de Oviedo, acordeime da lóxica do seu bispo: "Deus existe, e se non, que veña Deus e o vexa".
Se vén, está claro que existe, se non vén é que está moi liado. Esta sexta via da demostración da existencia de Deus non a explicara don Modesto; pero claro, a ciencia avanza...
Una cosiña más
Non pensaba insistir sobre o galego, pero sigo o rebufo do todoterreo de Rafael. Procurarei ler Estudos xurídicos sobre o decreto para o plurilingüísmo. Grazas pola información e formación.
En Fiopáns creo que soaría mellor o funeral en galego. O problema é que a Igrexa casou coa lingua do imperio e parécelle que cumpre intercalando un Noso Pai ou unha cancionciña. Queda bonito. Así fan os que, nun alarde de graciosa concesión democrática, nos din: "Hasta lueguiño" y "algunha cosiña más", como "cultivar las vaquiñas" (Fernández Albor). Imitan á Señora de Palmírez (Luar) e non se senten parodiados por ela.
Un peregrino máis?
Paréceme que non. A non ser que inventemos a realidade. Quizais viñese como peregrino ilustre, como pastor e como líder político. Tres realidades e unha soa persoa. Ata puido ser o precursor da cicloxénese explosiva e mediática que nos anuncia frío e inverno.
Parabéns para Andrés polos comentarios desde a TVG para a visita a Santiago e a Barcelona. Non me sorprendeu velo neste cometido.
Sorprendéronme, pola contra, as lecturas da misa. A dos Feitos dos Apóstolos e a da Carta aos Corintios insisten na persecución sufrida polos cristiáns. Nesta idea insistiu o Papa desde as alturas, referíndose á España actual: anticlericalismo e laicismo agresivo; persecución comparable á dos anos trinta.
A pasaxe do Evanxeo de san Mateo refírese á vocación de servizo: "para servir e non para ser servido". Esta mensaxe parece contraditoria coa das imaxes vistas.
Agradecería que alguén me aclarase se as lecturas correspondían á liturxia do día ou se foron seleccionadas adrede.
Ante tantísimas medidas de seguridade, que seguramente asustaron aos fieis: 6.000 axentes armados, gardas do vaticano, cazas do Exército español escoltando o avión papal..., a divina Providencia e os santos Anxos da Garda non saen ben parados.
Pese ao dito sobre o galego no funeral, é de agradecer que a nosa lingua tivese algunha presenza, aínda que fose testimonial. Conténtome con pouco. Como defendo todas as linguas, gustoume a misa trilingüe, ou mellor multilingüe.
Quedan moitos aspectos doutrinais e visuais que se poderían comentar. Espero que outros opinen sobre este psunami da fe que mollou o finis terrae.
Saúde e saúdos.
Eduardo Seco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario