Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

sábado, 13 de noviembre de 2010

OS MEUS CONTOS

SE DEUS NON É, EU NON SON.

PONTE DO PORTO

Sempre me chamou poderosamente a atención as imaxes bulideiras reflectidas sobre as augas do Río Grande da Ponte. Río que mantén viva, no seu eterno subir e baixar, á nosa ria de Camariñas.

Dende neno, cando aquel rapaz fracucho, de pernas incansables e tenaces, pedaleaba porfiado coa súa bicicleta por todo ó longo dunha estrada infernal, ó chegar a Ponte, erguía os seus ollos inocentes na procura dos reflexos da vexetación con que, caprichosas formas tremelucentes sobre as augas, agasallaban ó seu esgotado camiñar, e o facían soñar.

Figuras termadas sobre o rio nun revoltiño harmonioso de tons averdados nacentes na veira da súa canle. Xuncos e espadanas caprichosas, intercaladas pola infinita variedade de matices das herbas e as silveiras acaneadas polo flanquear das aves que aniñaban no seu lugar. Pinceladas de branco das paredes retratadas polas casas, mesturadas por asoballantes ocres de sombras dos nobres castelos e cabazos de mais de corenta pes, que o río sabia calcar, peneirando coas nubes caprichosas formas que xurdían nadando sobre as augas do lugar.

No letargo dos meus pensamentos integrábame, de cheo, como parte da grandiosidade que estaba a contemplar, mergullando a carón dos reos e dos salmóns que, naqueles intres, estaban a remontar a pureza clara entre cantos rodados dun paraíso terreal.
Patos asubiños, garzas, espátulas, ocas, tixeiretas migratorias, galiñetas, praieiras patimarelas, colibrís, birrotes e xílgaros, urracas e martíños pescadores… eran, cada cal cos seus amoedados cantos, os encargados de amenizar a fauna e a flora reinante, xunto coas morniñas brisas enriquecidas de gurgullos do río que, tamén el, quería engadir o seu bulideiro son nos harmoniosos cantares e cores reinantes do lugar.

Ondiñas amoreadas, tendían, en soños, unha alfombra ondulante, mentres amecían á barquiña que estaba á trasladar, no afastamento dos tempos, os restos do Apóstolo Santiago dende a Basílica da Barca. Brazos rudos e curtidos de sete mariñeiros do lugar. Remeiros que remontaban a nosa ría, vogando co ritmo das brisas e os trinos dos paxariños, que acollían a tan ilustre guerreiro, Patrón Maior de tódalas Españas.

Tan so un instante, cun pe na terra e outro no pedal, apoiado nas varandas da ponte milenaria, abondaba para me refrescar o meu corpo canso, e voar como un salmón sobre as augas claras erguendo, de seguido, a bicicleta e proseguir ó meu andar.

Antonio Puertas
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario