Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

jueves, 29 de marzo de 2012

VIVA LA PEPI. H2O!
Apuntamentos
Vivimos tempos tan libertarios que ata a primavera nos sorprendeu na mañanciña do 20, mentres o Levante se deitaba ou espertaba baixo un manto de neve. Isto pasa porque o Sol e a Terra non secundan nin apoian o calendario. Son ganas de opoñerse a todo. Unha especie de folga á xaponesa; os signos dos tempos.

O vídeo da catedral de Santiago é espectacular, marabilloso. O da procesión das chirimías ten un defeutiño, o título quedaría mellor: Ceremonia del echahumero. Je, je. Ou hechaumero?
Non sei se o noso ex profe de Moral sufriu coa condena de Hering, pero parece que os cóengos teñen capacidade de adaptación ao status xerárquico.
A caza de bruxas segue: Xosé María Tamayo. Di san Pablo (Corintios) que convén que haxa herexías. Outra teoloxía é posible? Outra teoloxía é necesaria e urxente? Parece que outros están na antesala da nova Inquisición. Tamén neva nas cátedras de teoloxía.

Viva la Pepi!
É o nome dunha chirigota exitosa do derradeiro Carnaval de Cádiz, con integrantes disfrazados de deslinguadas limpadoras de oratorio. Porque a Constitución de 1812 redactouse no oratorio de san Filipe Neri. Nós fixemos calos nos xeonllos durante tres anos de Filosofía no oratorio homónimo de San Martiño Pinario.
Na praciña anexa ao oratorio de Cádiz está o café San Filipe, que serve ensaladilla de las Cortes.
Grazas a esta Constitución, o ensino público converteuse nunha obriga do Estado, naceu a liberdade de expresión e imprenta, fomos considerados cidadáns e aboliuse a tortura.
Acabou co Estado absoluto e limitou o poder do Rei, entre outros logros.  
A pesar do artigo 12, a pesar do inicio similar ao da misa e de que se redactou baixo a mirada da Inmaculada de Murillo, que preside o oratorio, a Constitución durou só dous anos, por ser obra de ilustrados, librepensadores e liberais. Segundo Arturo Pérez-Reverte*, “as Cortes de Cádiz foron un fito fundamental, pero tamén unha grande ocasión perdida. Os liberais constitucionalistas non souberon ser realistas e aterse ao posible. Facía falta un traballo de educación que non houbo tempo de facer. O país estaba en mans duns curas fanáticos, dun rei tramposo e dunha aristocraccia reaccionaria, e iso non se podía cambiar cun papel. A Constituación de 1812 foi unha aventura fallida, pero tamén o xermolo da España que viría despois. O inimigo non eran os franceses, o inimigo estaba dentro”.
Tamén sorprende o cambio semántico experimentado pola palabra libreral. Algúns aprovéitanse de todo, ata dos conceptos: os liberais foron desafiuzados e tiveron que mercar outro apartamento ideolóxico para poder sobrevivir.

* El asedio. Arturo Pérez-Reverte. Punto de lectura.

Día mundial da auga
A rebufo da primavera, o 22 celebrouse o Día mundial da auga. Neste ano a xornada relacionou a auga coa seguridade alimentaria. Sabemos dos estragos causados en África pola sequía e o mal uso dos recursos. Á crise alimentaria nos países do corno de África súmase agora a alarma no Sahel (Mauritania, Senegal, Malí, Níxer…), orixinada por políticas locais erróneas e leis de mercado inxustas.
No 2025 1.800  persoas vivirán en rexións con escaseza absoluta de auga; dous terzos da poboación mundial vivirá baixo condicións de carencia. Para moitos estudosos, a auga será a causa dos conflitos do futuro, como agora é o petróleo.
A xestión da auga é fundamental para a estabilidade da produción mundial de alimentos. Algunhas ONGs, entre elas Mans Unidas, apoian proxectos ambientalmente sostibles que garantan o subministro de auga a comunidades que teñen a agricultura como único medio de subsistencia.
O mundo rico tamén empeza a sentir certa escaseza de auga, pero non resiste a comparación cos países africanos, que non pensan en campos de golf, nin en piscinas unifamiliares, nin en aquaparks.
A auga ten moito que ver co cambio climático. A ecoloxía non é unha preocupación de románticos soñadores. É unha urxencia, por iso alguén se acordou de reclamarnos atención e reflexión: Apaga a luz. Acende o Planeta!

Invitación
Vivamos con optimismo cósmico esta primavera na que todo crece: as flores, a prima de risco, as herbas, o número de parados, os arbustos, os recortes, as árbores, as hipotecas impagadas, os días, as dores de cabeza, a intensidade da luz, o déficit estatal, as horas solares, a revolución laboral, a revenda de aspirinas, o crecemento negativo e a venda de velas para acender a san Pancracio.
Saúdos.
Eduardo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario