Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 22 de marzo de 2010

Malos tempos e bo tempo


Queridos amigos: Hoxe Domingo, inicio da primavera, despois de xantar tivemos que cumprir co ritual ,conforme fixeron moitos dos habitantes da area metropolitana coruñesa, de tirar proveito e gozar desta tarde soleada, limpa, temperatura agradable e que daba gusto andar por fora. Cando empezou a arrefriar, ao solpor, houbo que recollerse como as galiñas. De volta na casa,entre lusco e fusco, póñome a argallar esta comunicación e sinto un rechouchío e algarabía no patio interior do edificio que me altera de forma agradable e non saio do meu asombro ao ver unha parella de andoriñas que acaban de arribar e bailan e brincan arredor dun dos niños que teñen neste edificio desde hai moitos anos. E todo un espectáculo presenciar a danza destes paxariños que nos alegrarán as tardes e sobre todo as mañás, co canto de matíns e vésperas, ate o mes de setembro que collerán o camiño de volta. Son as primeiras pero virán mais pese a que cada ano veñen menos das que marchan.
Penso escribir algo sobre o que estes días abre os telexornais e primeira páxina de case todos os medios pero estanme dicindo que vai empezar o partido do Barsa e haberá que velo. Mañá continuarei.
Sigo hoxe Luns pola tarde. Levamos uns días que pese a chover sobre mollado a Igrexa e mala noticia en todos os medios de comunicación. A carta do Papa dirixida aos fieis ,bispos e cregos de Irlanda e dura nas formas e incluso no contido pero non vai ser suficiente, quixera equivocarme, para solucionar o vello problema da pederastia dalgúns,moi poucos, cregos e relixiosos.

Coa longa experiencia dos problemas que tivo en Estados Unidos por esta causa e que levou a ruína económica e a insolvencia a algunhas dioceses é a primeira vez que nun documento oficial do Vaticano, nunha carta pastoral,se afronta o problema. Digo que quixera equivocarme porque esta pastoral está forzada polos acontecementos de Irlanda onde o Estado e a Xustiza leva anos investigando estes feitos e ante a cantidade,falan de milleiros de vítimas, non houbo mais remedio que afrontar os abusos sexuais a menores que levan tantos anos ocultando deliberadamente. Hoxe estamos na sociedade da información e resulta imposible practicar o escurantismo.

Hoxe mesmo toda a prensa faise eco da situación en Irlanda e na mesma Alemaña e resto de Europa e como dixen teño a impresión que vai haber música para bastante tempo. Non é nada agradable para os compañeiros cregos nin para ninguén .Non hai desculpa posible. Son delitos. Como refería sempre a nosa querida paisana ferrolán, Dona Concepción Arenal, débese odiar o delito e compadecer ao delincuente. Fraco favor se lle fai a causa dicindo que é peor o aborto ou que se trata dunha campaña para desprestixiar a Igrexa ou para non falar de Deus.

Chama a atención que sexa Irlanda onde desde o 1 de Xaneiro deste ano aprobaron que sexa delito blasfemar e defínena así: “una expresión “tremendamente abusiva o insultante en relación a una materia tenida como sagrada por cualquier religión”.A pena é unha multa de 25.000 Euros. Como vedes deixa nunha gran indefinición o tipo penal. Insultante?Sagrado?

Mais do 90% dos centros educativos dependen da Igrexa Católica. Que Eduardo, persoa lida e viaxada, aspiración que todos se supón que temos, pese a que o finado Manuel Espiña se queixaba de que os cregos compañeiros seus lian pouco ou nada, nos informe como anda o mundo das ideas por Dublín.

A recente estreada Constitución ou Tratado Europeo de Lisboa que rexeitaran os irlandeses e que houbo que repetir o referendo, como recordades,houbo que poñerlle un anexo no que todos os países presentes ou futuros da Unión se obrigan a deixar fora a Irlanda das lexislacións que poidan regular o aborto ou o sistema tributario amais dalgunha outra cousa sobre o exercito. Parece que estamos ante unha sociedade ultraconservadora e integrista e con tan pouca conciencia sobre os dereitos dos nenos .A ver se o amigo Eduardo coa perspicacia e rigor que o caracteriza nos alumea algo neste sentido.
Agora uns avisos. O primeiro é para o amigo Luciano que ten tempo para facer declaracións á prensa “canalllesca” (Hoxe no Pais) e ningún día do mes para deixarnos unhas letras neste encerado. Estás perdoado de antemán pero se cambias de opinión es benvido. Polo que dis parece que estás algo desencantado e descrido. Pola fe non te preocupes. O importante é que non falle a caridade e maila esperanza. Unha aperta Lucho.

Os que entrades algunha vez en ATRIO xa o leriades pero os que non seguro que tedes interese en coñecer o que escribiu o compañeiro de Espiña (d.e.p.) e que sacaron do libro co que festexaban os 50 anos de cregos. Podedes atopalo poñendo en Google: El mundo,un pañuelo.La vida,un regalo. Pasaredes un bo momento rememorando o nome dos tramos nos que viviamos cada curso:San Luis.. e os letreiros que había na porta de cada aula: Initium sapientiae timor Dómini. Describe moi ben os anos pasados en san Martiño uns nove anos antes que nós e mais outro mundo de cousas que se len con agrado. Xa veredes.

Ao amigo Eduardo, ademais do encargo xa feito, debemos agradecerlle as contribucións tan acertadas que nos deixa. Con carraca ou sen carraca o xacobeo de recente creación que non é o mesmo ca o ano xubilar que xa se celebraba no A.T. parece que non arranca. Onte informaban que no que vai de ano chegou menos xente a Santiago que ano pasado e que fora dos días en que virá o papa de Roma non se esperan cantidades millonarias de xente. Loxicamente non é para celebrar. Mellor sería que tanto xan como pedro tivesen iniciativas mais imaxinativas e de futuro. Cando se anda para atrás retrocédese e non se vai a ningures a non ser que ese sexa o sitio ao que se quere chegar.

Xa está ben de lería. Un saúdo agarimoso para todos. Hai que cambiar de pola. Deica a próxima. Rafael


No hay comentarios:

Publicar un comentario