Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 28 de marzo de 2010

MISCELANEA V

Ola¡ compañeiros: Esta última tarde domingueira do mes de Marzo,metidos xa na Semana Santa,nada ten que ver coa do Domingo pasado na que todo o mundo se votou fora das casas. Hoxe estamos ante unha tarde que invita a manterse recollido saboreando unha taza de fumeante café, cunhas pingas contadas de augardente , e unha música de fondo dos “Indios Tabajaras” que nos relaxa e transporta a un mundo sosegado en paz con nós mesmos.

A semana pasada non deixaron de aparecer noticias relacionadas coa pederastia e coa Xerarquía da Igrexa, tanto na prensa xeral e tv. como na prensa dixital especializada en temática relixiosa como Religión Digital. Despois dos ríos de tinta e cuspe que xa correron e posiblemente dos que queden aínda por correr nada debo dicir que xa non se teña escribido ou dito. Polo menos no que corresponde a nosa diocese, nos tempos en que estaba mais ao tanto,había unha especial sensibilidade e se nos ten alertado para detectar ese fenómeno naquelas persoas que se ofrecían voluntariamente para realizar actividades cos nenos .Recordo que Xosé Antonio Iglesias Pérez, irmán de D. Manuel e de Xavier, compañeiro noso, cando era responsable do Movimiento Junior Diocesano tenme falado de que había que ter as antenas postas,todos aqueles que tiñamos ao cargo grupos Junior, para descubrir posibles pederastas naqueles descoñecidos que se ofrecían para colaborar como educadores, sobre todo, nos campamentos de verán.

Xa non agora pero cando algunha vez ten saído na conversación este tema con compañeiros profesores ou do mundo do dereito que, como vos teño xa comentado, estudaron moitos deles ou en seminarios diocesanos ou en congregacións relixiosas,todos coñecen algún caso,por experiencia propia ou allea,de como había algún superior ou profesor que tiña fama diso.

Estes días desapareceu unha páxina en internet: Iglesiasinabusos.com que supoño que terá rabo.(Contan dun crego que cando lle facían un regalo preguntaba se tiña rabo aínda que fose un cartón de tabaco. Referíase a que despois do regalo viñan a pedirlle unha recomendación para un traballo ou para que falase con alguén importante para conseguir algunha comenencia).Terá rabo tamén este suceso?

Despois da pastoral do Papa non sei que temen os nosos bispos ou responsables institucionais para ser transparentes. Hoxe é imposible ocultar algo. O Opus Dei do que nun tempo se descoñecía todo por ser unha sociedade secreta, hoxe, xa hai moitos anos, desde a canonización do fundador, hai unha páxina:Opuslibros.org. onde ademais dos testemuños dos que se marchan están todos os documentos internos traducidos dos orixinais do latín que os propios integrantes descoñecían, estando dentro, que non fosen dos mandamais. Veremos o que pasa.

Os lexionarios de Cristo(Comentaba Andrés unha vez que en Salamanca coñecíanse como os millonarios de Cristo),poder económico poderoso, a universidade Francisco de Victoria de Madrid e deles, imparte as mais importantes carreiras.:Medicina, Arquitectura, Dereito,Periodismo, Biomedicina... non foron capaces de ocultar as miserias do seu fundador do que o papa anterior cualificou como un modelo a seguir.

En Santiago, en épocas anteriores a nosa, tense truncado algunha carreira episcopal por denuncias a Roma de pederastia. Cando estudamos nós,xa collemos superiores e profesores moi novos, estaban xa moi sensibilizados sobre todo dunha posible homosexualidade propia dos internados.

A primeira vez que escoitei falar das amistades particulares, ás que sempre aludían cando dirixían aqueles exames de conciencia,pregunteille a Agra Garcia que como era repetidor xa estivera o curso anterior e díxome que se referían a aqueles que lles gustaba andar cos mais guapos que tiñan cara de nenas. Ti e mais eu como somos feos podemos andar xuntos que xa verás como ninguén nos di nada. Tardei tempo en comprender o que me dixera.

A materia ou disciplina que naquel tempo suspendiamos todos era a da sexualidade. Non existía educación sexual de ningún tipo. Tabú total .En Teoloxía o libro de Regatillo sobre dereito matrimonial ,a lección nove, estaba en latín. Eran outros tempos para todos.

Vou rematar. Pese a que hoxe a tarde será mais longa xa levo mais dunha hora fronte a pantalla e tamén hai outras cousas para facer e hai que deixar algo para contar outro día.

No apartado dos avisos teño que dicirlle a Fernando que me gustou o que nos contou sobre as luces e sombras da peregrinación. Ese criterio crítico e inconformista, separando o importante do accesorio, é moi útil para andar pola vida. Na Igrexa que se presta un servizo aos demais é tamén moi importante que haxa heterodoxos e ollo critico. Son os que sempre abriron camiños en todas as ordes da vida. En relación coa desaparición deste Blog que consideras noso eu tampouco penso que desapareza. Seremos mais ou menos pero mentres Antonio Puertas teña contacto coas musas que o inspiran e ti e mais Eduardo e todos os que participaron algunha vez o sigan facendo esta vela manterase acesa.

Cando haxa que facerlle a revisión anual poderemos pensar en como promover unha meirande participación a través de seccións distintas para que cada un poida participar naquilo que mais lle apeteza. Podemos ir a “Desván e los Monjes” pero para darlle mais vida e non para enterralo alí.

A Eduardo que supoño que andara de viaxe desexarlle boa viaxe. E a todos que teñades un bo descanso neste tempo de vacación .Adeus .Rafael

No hay comentarios:

Publicar un comentario