Pois ten razón Rafael, parece que o tempo de lecer deixounos aplanados e ninguén sabe xa escribir...Así que, empecemos de novo: a, b, c, d...supoño que saberemos ler...
Eu estiven practicando e compuxen, despois de moito esforzo, esta poesía: XA ESTAN AI AS FESTAS DA NOSA SEÑORA DA BARCA...
OS ROMEIROS
Unha vara de carballo,
Un sombreiro e unhas botas,
Un macuto remendado
E anacos de codias ás costas.
Pandeiretas e muiñadas,
Foliadas e bicos de mozas,
Lixeiriños romeiros da Barca,
Borboriños de coplas rumbosas.
Furricadas en prados e leiras,
Ateigados de píntegas e sapos,
Tortas corredoiras e chairas
Onde esbarran rachados farrapos.
Punteiros e gaitas de buxos,
Repeniques que á festa alixeiran,
Por atallos de diaños e bruxos,
Que axexan ás almas romeiras.
Ó erguerse a hostia bendita,
En fuxida, a espuma da gorxa,
O mar tenebroso a recicla
E o Moedor a moe na costa.
E os festeiros romeiros que cantan,
Coa ledicia no corpo e na alma:
A Muxia hei de volver
Se a saúde é a que falta.
Antonio Puertas
OS ROMEIROS
No hay comentarios:
Publicar un comentario