FELIZ ANIVERSARIO
Flocos
A visión das fotos da reportaxe do cocido engordáronme 175 g; o colesterol LDL non se alterou, supoño que por seren viandas de porco de dieta mediterránea, aquela que infestaba o Levante de chourizos ibéricos.
A condena de Garzón hai tempo que se vía vir. Cando se organiza ben unha cacería, é raro non cobrar ningunha peza. Que lle entregaran a documentación da expulsión da carreira judicial o 23 F ten o seu aquel. Será un aviso para o outro xuízo pendente por investigar os crimes do franquismo?
Camps saíu non culpable “por non haber probas suficientes”. Os señores do torito e seguidores falan agora da imparcialidade da Xustiza.
Mentres, Camps acadou o título de doutor na universidade por el creada, coa tese dirixida polo presidente do Consello Xurídico Consultivo, Vicente Garrido, que chamou delincuente a Garzón para responder aos abucheos dos manifestantes ao seu querido doutorando. Oín e lin que a tese contén faltas de ortografía, quizais de hortografía.
Feliz aniversario
Aproveitando que hoxe, 24 de febreiro, se celebra o 175 aniversario do nacemento de Rosalía, filla do cura Xosé Martínez Vioque e de Tereixa de Castro, recollo un tema que hai tempo tocara Rafael.
Toponimia
Paseando un día de outono pola Coruña, cheguei a unha praza dedicada a escritores galegos. Levantei a vista e lin:
Plaza / Praza
del / do
Humor
|
Pensei que a rotulación obedecía ao humor da praza, pero estaba errado. Seguín paseando e lendo: Calle / Rúa Veramar, Estrada, Olmos, Riego de Agua…
Avenida / Avenida Arteijo, Finisterre…
Encántame ese respecto ao castelán falante que poida non entender: praza, rúa, avenida ou do. Pero isto só pasa nun país acomplexado que non se quere a si mesmo.
En vilas de Málaga sucede algo parecido co inglés:
Street / Calle …
Square / Plaza…
|
Outros exemplos
En Menorca, algúns horarios de misas teñen un asterisco para indicar que tal celebración é en castelán.
Aquí sucedía algo parecido para indicar que tal misa era en galego; agora os asteriscos escasean nas igrexas que visito.
Todo o material de propaganda de Mans Unides estaba impreso en catalán: carteis, trípticos, sobres…
Xuízo
Hai tempo que un coruñés foi xulgado por arrincar as plantas do L de La Coruña dos xardíns de Méndez Núñez.
O ex alcalde e ex embaixador do Vaticano empeñouse en seguir usando o L en documentación oficial, a pesar de que sentenzas declararan topónimo oficial: A Coruña.
Pasan os anos, pero non o aire infectado: Carlos Callón está sentado no banquiño dos acusados por criticar estas palabras do magistrado Antonio Fraga, que dixo:
“No tengo ningún rubor para usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”.
O mesmo xuíz xustificou La Coruña nun documento oficial por mor dun erro ortográfcio, ou hortográfico tamén? Aquí pódese aplicar: “O descoñecemento da lei non exime do seu cumplimento; o coñecemento, si”.
Cun xuíz volvemos topar. Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, espera unha sentenza dura, que está disposto a acatar: que o desterren de La Coruña e o confinen para sempre en A Coruña.
Casualidades
O presidente do Goberno contou hai pouco que preparara as oposicións en Sangenjo e que visitara ao finado en Villagarcía de Arosa, cargando a legalidade vixente desde os tempos de don Manuel. É ignorancia?
Isto pasa 100 anos despois de que:
- Curros fora condenado e indultado por escribir Aires da miña terra.
- Celso Emilio nacera para escribir: “Eu fáloa porque si”.
- Álvaro Cunqueiro, para pedir mil primaveras máis para Galicia.
Pero desandamos o calendario e camiñamos cara ao inverno. Mesmo din que unha alteración da corrente mariña do Golfo está arrefriando de máis a fachada occidental de Europa.
Podemos, pois, coller unha gripe, como a de Andrés, ou hibernar ata que volvan quentar os raios da primavera. Nesta opción teremos tempo de ler as receitas que atopei no fondo dun caixón:
Recitas contra a diglosite e a castrapite agudas*
- Non sintas vergoña de falar en galego ante ninguén, pois é unha lingua tan moderna, práctica e culta coma outra calquera.
- Fala en galego sempre con todas as persoas que o entendan, aínda que che respondan en castelán. En Galicia o galego entendeo case todo o mundo.
- Fala sen avergoñarte dos posibles erros. Verás que sabes moito máis galego do que pensabas.
- Se che resulta difícil falalo coas persoas coas que sempre falaches en castelán, empeza a falalo con outras persoas para despois facelo con elas.
- Fala cos nenos e nenas en galego, pois son capaces de entender varias linguas sen problema ningún.
- Non te burles das persoas que empezan a falar en galego. Anímaas a seguir facéndoo.
- Respecta a lingua dos demais, pero esixe que respecten a túa.
- Respecta as diferenzas da fala de cada lugar. Da fala, a escrita está normativizada.
- Le libros en galego. A prensa en galego case non existe.
- Escribe en galego, aínda que teñas faltas.
- O galego forma parte de ti desde o teu nacemento. É moi difícil desprenderse del. Aínda que fales en castelán, todos se decatarán de que ti es de Galicia. Isto é un orgullo.
- Non perdas o tempo discutindo coas persoas que non queren recoñecer que o galego é a lingua propia dos galegos e galegas. Fálalles do tempo, pero… en galego!
Para completar, achego estes libros complementarios:
- En castellano no hay problema. Carlos Callón. Xerais (Crónica). 2010. Escrito en galego, a pesar do título provocativo.
- Falar galego: “no veo por que”. Aproximación cualitativa á situación sociolingüística de Galicia. Ana Iglesias Álvarez. Xerias (Universitaria). 2003.
*Os consellos danse coa mesma facilidade coa que se poden mandar á papeleira. Estás autoizado.
Profunda metanoia coresmal e ata outra.
Eduardo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario