Coa suficiente previsión, para que o que queira poida facer un oco na axenda, esta comida de inverno será na adega “A CEPA” sobre as dúas e media da tarde do día 17,Venres anterior á coresma, do mes que andamos. Queda este mesón mesmo en fronte da Igrexa do Burgo,románica do século XII,arrodeada para a ocasión cun xardín de queirugas,tanto o templo como a adega. Está para os que viñesen de fora no lugar do Burgo, municipio de Culleredo,a entrada da Coruña. De vir pola autopista AP 9 hai que saír polo Burgo e na primeira rotonda xirar á esquerda e seguir recto uns cen metros para aparcar, unha vez pasada a ponte, á man dereita, nun gran aparcadoiro. Logo de aparcar seguindo dereito sen meterse á dereita, a 50 metros, xa vos atopades coa igrexa e á altura da mesma ao outro lado da carreteira xa vedes o sitio no que xantaremos:”Adega a Cepa”.Parece un pouco complicado pero é moi doado dar co sitio. Desde a 1 da tarde xa estaremos polo paseo do Burgo algúns compañeiros para recibir aos que vaiades chegando.
Os que queirades vir,estades todos convidados,polo prezo módico de 25 E,mais ou menos daremos conta dun cocido,coa súa sopa para facer boca e logo con todos os ingredientes que non deben faltar nun cocido galego,regado cun mencía da Ribeira Sacra, e por riba unhas sobremesas de orellas e filloas, cos seus cafés, será un xantar completo. Se alguén estivese a dieta podería pedir outras viandas acordes sen problema.
Debemos saber como data tope o 14,Martes anterior,quen pensa asistir. Para iso,llo comunicades a Agustín Dios Vigo a un servidor por teléfono ou se vos parece mellor neste blog,ao final, nese recadro branco para comentarios poñedes que pensades acudir identificándovos para que non vos contemos dúas veces.
Pois aí queda esta invitación para constancia de todos. Este fin de semana ando un pouco apurado con outras encomendas pero á semana seguinte, despois de pasar este frío siberiano que tanto medo no corpo nos meteu os mais vellos, porei algo para ir facendo esta memoria colectiva. Así que deica a próxima. Un afectuoso saúdo para todos ,sen esquecer a ninguén,dos que hai mais de cincuenta anos,medio século, que nos coñecemos. Rafael
N.B.
Van unhas imaxes das queiroas ou queirugas, e media ducia de nomes mais que teñen nos distintos lugares de Galicia, esta nobre planta e que agora empézase a repoñer nas urbes como adobío e ornamento nos xardíns e veredes que bonita é nos arredores da belida e fermosa Igrexa románica de Santiago do Burgo o día que veñades ao xantar.
Beleza ao natural digna de admi¡ración ou non?
Rafa, Agustín, matástesme. Ese venres pola noite teño que estar en Madrid, para participar nunhas Xornadas da Comisión Episcopal de Apostolado Segrar. Por razón de cargo teño que asistir (Andrés GV)
ResponderEliminar