DÍA MUNDIAL DA MALARIA
O 25 de abril lembrounos esta enfermidade dos países pobres para espertar conciencias. Nunca é tarde cando a información é preocupante e esperanzadora.
O sexto obxectivo do desenvolmemento do milenio, marcado pola ONU, pretende combater o VIH / sida, o paludismo e outras enfermidades.
· O paludismo ou malaria mata máis de medio millón de persoas cada ano.
· O diagnóstico e o tratamento temperáns son imprescindibles para controlar a enfermidade.
Informe mundial da OMS sobre paludismo 2011:
- No ano 2010 houbo no mundo 216 millóns de enfermos de malaria.
- Consecuencia: 655.000 defuncións, o que representa unha disminución do 25% desde o ano 2000.
- A maioría dos mortos foi de nenos africanos, onde cada minuto morre un neno por paludismo.
- A malaria causa un 22% das mortes infantís.
Jharkhand (India)
Hai tres anos, nalgunhas aldeas do estado indio de Jharkhand era altísima a taxa de mortalidade por malaria; a enfermidade, endémica na zona, afectaba á maioría da poboación. Moitos dos seus habitantes quedaban cronicamente incapacitados polos repetidos ataques de malaria, o que afectaba gravemente ás súas economías. Os afectados entraban nun círculo vicioso: debían gastar gran parte dos seus ingresos no tratamento médico e os ingresos mermaban pola imposibilidade de traballaren.
A situación empezou a cambiar coa chegada á zona de Dumka Social and Educational Society, socio local de Mans Unidas, que leva xestionando centros de saúde desde 1978, nos que se executan programas preventivos e curativos de concienciación en saúde, formación de parteiras e grupos de autoaxuda.
Despois de tres anos de implantación dun programa de control da malaria en 36 aldeas, reducíronse os casos malaria e a taxa de mortalidade nas aldeas seleccionadas. Menos é nada.
Encrucillada
No número 177 de Encrucillada aparece este escrito: O Consello de Redacción de Encrucillada con Andrés Torres Queiruga.
Son sete páxinas sintéticas, didácticas e profundas. Parécenme útiles para quen non estamos actualizados en teoloxía.
Para a actualidade, tamén destaco:
- Documento: A HOAC e a XOC ante a nova reforma laboral.
- Crónica: Premio a Francisco Carballo. Bo e Xeneroso.
Saúdos, mentres contemplamos gromos verdes xurdidos das chuvias mil.
Eduardo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario