Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

sábado, 14 de abril de 2012

ESCRAVOS QUE NON SON DA ESCRAVITUDE

Historia que se repite
“É unha volta á escravitude”, escribe Rafael.
Ningún imperio se fixo sen escravos. Os imperios mesopotámico e exipcio non existirían sen escravos. Sen escravos, os gregos non terían inventado a democracia na ágora, nin os romanos o dereito nos baños públicos. Non existirían os palacios de Asurbanipal nin de Khorsabad nin de Persépole; nin as pirámides, nin os templos rupestres; nin o Partenón, nin o Coliseo romano (agora cos centurións en rebeldía), se non houbese escravos que traballasen baixo látego.
É boa a escravitude? Depende dos intereses de cadaquén. Para os amos, si; para os outros, non. Óese ás veces que escravo era Kunta Kinte, que os de agora son vagos que non queren traballar e si cobrar o paro e seguir tomando cañas. Todo é relativo. Nos barcos de escravos asignábase a cada un este espazo:
Homes: 1,85 X 0,40 m.
Mulleres:  1,54 X 0,40 m.
Moziños: 1,50 X 0,36 m.
Mociñas: 1,23 X 0,30 m.
Viaxaban xuntiños como as sardiñas ou os tranchos colocados na tixola. Moitos non soportaban a travesía e convertíanos en alimento de peixes. Pero quedáballes o consolo de que nas facturas de carga, os escravos describíanse como “embarcados pola graza de Deus”. Pobre Deus, se non fose Deus!
Os romanos crían que a familia estaba protexida polos deuses lares, pero eran os escravos os que mantiñan aceso o lume sagrado do fogar.
O Papado tamén tivo escravos cando exercía oficialmente o poder temporal.
Os negreiros -cazadores e traficantes de escravos- foron instrumento necesario da conquista dos novos mundos.
Os imperios español, portugués, holandés e inglés non serían posibles sen escravos.
Sempre houbo e hai escravos, pero en economía somerxida e en número insuficiente para calmar a voracidade dos outros humanos.
Moitos escravos foron comprando a liberdade, os asalariados foron adquirindo dereitos con loitas, sacrificios e revolucións.  Coas novas conquistas  sociais, fóronse adaptando a un estado de benestar. Ante os ataques actuais, reclaman, protestan na rúa con manifestacións e folgas parciais e xerais.
A man de obra máis barata está en China e na India: máis de 1.500 millóns de persoas dispostas a sacrificarse ao deus do mercado a cambio dunha ración de subsistencia. Europa e América do Norte son asaltadas por exércitos famentos  procedentes do Sur a ofrecerse como carne de canón.
A falta de escravos foi minando a respectable familia burguesa, que mantiña viva a chama do fogar grazas ao traballo mal pagado de xente máis pobre. Moitas familias de clase media manteñen o seu confortable fogar con vellos e nenos coidados por xentes do Sur.
Alemaña non ten poboación suficiente para tirar da locomotora que arrastra os avagóns de Europa.
Europa está en depresión económica porque carece de escravos que se sometan a condicións laborais felizmente superadas.
Onde están os escravos italianos, españois, portugueses, gregos e irlandeses. Estanse fabricando na factoría da remodelación actual do mundo, cos gobernos como axentes necesarios. Remodelación dirixida polos poderosos para  que os débiles perdan os aforros e dereitos conseguidos durante décadas de loita. Isto non é unha crise, senón unha asiatización ou terceiromundialización de Europa, escribe Maruja Torres.
Cando oias as trompetas do Apocalipse, acepta o teu destino: só sobrevivirás se te convertes en escravo. Homo homini lupus?

Quen desafina?
Ante esta situación, a sensibilidade humana e a sintonía cristiá aconsellan  poñerse de lado dos pobres. O artigo de monseñor Antonio Algora está moi ben, pero é noticia, unha flor nun deserto de salitre.
Quen desafina, o bispo manchego ou o coro completo, incluído o director? Cando un equipo de fútbol desafina con malos resultados, cambian de adestrador. Cando o coro episcopal e director desafinan, calamos todos con “resignación cristiá”.
Á xerarquía sempre lle gustou arrimarse ao poder, mellor se é de dereitas. E vailles ben. 
Tamén é alentador, pero noticia, que o bispo de Solsona retire da súa nómina 300 € para entregar aos pobres.
Tamén moi positivo que un cura canario enchese a igrexa de alimentos para os pobres, predicándolles aos fregueses; pero é noticia.
No reverso da páxina, apareceu na prensa unha foto da toma de posesión do bispo de Ourense co Exectutivo medio-axeonllado aos seus pés; digo  medio-axeonllados porque se ven incómodos, non sei se por estar en ambiente pouco familiar ou por quebrar a raia dos armanis. O poder temporal sometido ao poder espiritual.

… E cando espertei, o tiranosaurio estaba alí.

Pero estamos na primavera e coas flores tamén crece o optimismo. Con forza mental aínda podemos ser máis felices ca o monxe tibetano “máis feliz do mundo”, patrocinado por unha multinacional de refrescos.
É certo que Froilán e a prima (de risco) se disparan, pero o Titanic non se afunde mentres o capitán toque o violín acompañando a Serrat e a Sabina. Arxentina nacionaliza Repsol? España pode nacionalizar as botas de Messi, que son de ouro. Esquivamos icebergs máis xigantescos, como a reconquista da illa Perejil, cando sopraba un forte vento de poñente, e xa temos herba culinaria  para adubar todas as carnes vacúas da Pampa.
Remato, porque teño que meter uns cartiños nas tripas do colchón, respondendo á pregunta atinada de Fernando.
               Saúdos.
                           Eduardo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario