REFORMA CURRICULAR: XUSTA E NECESARIA
Saúdos
As entradas de Rafael e Antonio anímanme a corresponder. Grazas, Rafael, por abrirme a páxina da túa Enciclorrafapedia para informarme dos compoñentes da Comisión da Doutrina e da Fe e da Comisión Permanente da CEE. O problema é máis grave do que pensaba. Un saúdo tamén a Fernando, que tan ben nos aclarou algúns dos temas cos que soñamos arreo
Avance
Como vivimos tempos tan materialistas, moitos falan de recortes en educación en termos económicos. Non comprenden que é unha reforma profunda, estrutural e equilibrada que impulsará o ensino público e potenciará o esforzo dos nosos escolinos. Acabouse a lei do mínimo esforzo.
Como adianto, algunhas pistas materializadas en recreto*-lei no xoves negro do 17:
* Recreto: palabra enigmática pronunciada polo Presi. Contén as letras de recorte.
Matemáticas
- A regra de tres pasará a ser regra de un, porque así tócalle sempre ao mesmo.
- Os alumnos de Primaria xa non estudarán as catro regras, senón tres: queda suprimida a multiplicación por innecesaria.
- A raíz cadrada será circular; afórranse así as catro esquinas e a tentación de mexar nelas.
- As potencias quedarán reducidas a flacideces. É necesario. A sufrir!
- Os triángulos pasarán a ter dous lados e dous ángulos. Os tríos non están ben vistos.
- Os polígonos serán, en xeral, olígonos: de poucos ángulos.
- A progresión xeométrica funcionará como a aritmética ata o ano 2016.
- O signo + será utilizado en caso de extrema necesidade. Exemplo: o I+D+i será reconvertido en I-D-i.
- Os séculos sufrirán un recorte do 20%. Durarán 80 anos.
- Os sexenios durarán catro anos; os trienios, dous. Non se cobrará por eles.
Estamos tan mal
que parece o
ano que vén.
Lingua e literatura
- Quedan suprimidos os superlativos e as hipérboles, por esaxerados.
- Os sinónimos e as comparacións de superioridade evítense no posible.
- Declárase a supremacía de mono- fronte a poli-. Os polifacéticos, como Valentín Paz Andrade, deberán ser monofacéticos.
- Quedan suprimidos os politraumatismos. Nos hospitais públicos só atenderán os monotraumatismos dos que teñan papeis.
- Todos os enchufes serán monofásicos.
- As corais polifónicas serán monofónicas ao día seguinte da publicación do decreto-lei. Gran noticia para Fernando, que poderá alixeirar os ensaios coa coral de Arnoís.
- O mono será animal especialmente protexido, agás o de familia monoparental.
- Os elementos con, maxi- e macro-cederán ante sen, mini- e micro-. Exemplo: consenso e consentido serán sensenso e sensentido.
- Recoméndase usar a discreción o prefixo latino in- e o grego a-/an-. Exemplo: inesgotable, innegociable, inhumana, analfabeta.
- O número plural irá cedendo ante o singular. No 2015 acadaremos a discrepatio 0 ou pensamento único.
- O m perderá unha pata ante b e p. Os grafemas discapacitados en mobilidade poderán usar bastón, previa compra.
- Os adverbios de lugar adiante e arriba serán substituídos polos antónimos atrás e abaixo.Excepción: Adiante, Presi! Arriba España!
- O dicionario, verbacén para embaucar, suprimirá palabras longas como otorrinolaringoloxía, nicenoconstantinopolitano ou supercalifraxilísticoespialidoso.
- O h suprímese por mudo. O Estatuto de Galicia permítenos esbirrar e dicir: H mico!
- Os sonetos, ata agora de 14 versos, non poderán sobrepar os 10: dous tercetos e dous binetos ou pareados. Máis fácil para os poetas, como Antonio.
- Garcilaso de la Vega perderá a propiedade das terras herdadas e será Garcilaso a secas.
- Los amantes de Teruel serán El amante de Teruel, con permiso de Hartzenbusch.Estamos tan benque parece oano que pasou.
Relixión católica
- Os mandamentos da lei de Deus serán oito. Consensuaremos coa CEE cales se suspenden.
- Dos mandamentos da Igrexa suprimirase un, que non sexa o cuarto: xexunar...
- A corte celestial será reducida. Anxos e Arcanxos son os máís ameazados de ERE. Permanecerán seguros os Tronos e as Dominacións. Isto pode afectarlle negativamente a Rafa, síntoo.
- Os Reis Magos serán dous. Vai ao paro Baltasar, por negro. Afórrase, de paso a mantenza dun camelo, que come e, sobre todo, bebe demasiado e pode atropelar nenos na cabalgata.
- Na mesma liña coherente, do portal de Belén retirarase o boi e a mula: comen moita herba.
- As virtudes teologais serán dúas. Permanecerá a fe, na reforma, e a Esperanza, por ter título nobiliario e apelido vasco.
- Os sacramentos serán catro: bautismo (do Goberno), confirmación (da mentira), penitencia (de votantes e veciños) e a extremaunción dos moribundos asfixiados.
- As potencias da alma serán dúas. Suprímese a memoria, especialmente a histórica e a recente da campaña electoral.
- Dos novísimos queda suprimida a Gloria, porque se prohibe ser feliz.
- En moral, o pecado mortal será recualificado como venial, de acordo co novo PXOM (Plan xeral de ordenación moral).
Estamos tan mal
que parece o
ano que vén.
Ecoloxía
- As xirafas recortarán o pescozo nun 25% para protexer a vexetación da sabana. Os cisnes, un 15% para reducir as afeccións respiratorias de animais que viven en permanente humidade.
- Os avións planearán a baixa altura para aforrar queroseno nas subidas.
- As focas non poderán aparearse cos seus machos: os focos consomen moita pila.
- As escolas infantís xa non terán galiña azul, que a pintura vai cara. Serán escolas de galiña de cor como Deus manda.
- Fumigaranse os insectos, tamén as abellas, para impulsar a monodiversidade, porque na biodiversidade pululan os gamberros e maleantes.
- A política dos tres R -reducir, reutilizar e reciclar- non sufrirá variación sensible. Os tres R servirán para recortar, recortar e recortar.
- No próximo bienio, as tesoiras subirán de prezo por efecto da lei de oferta e demanda.
Estamos tan ben
que parece o
ano que pasou.
Xeografía
- Non se estudarán os ríos máis caudalosos e longos. Serán substituídos por regueiros, regos e mexadas de campo.
- A montañas máis altas cambiaranse por outeiros, montiños e castros.
- Os océanos seran substituídos por mares, a poder ser cerrados, como o mar Morto e o Caspio.
- As rías galegas, nin mentalas. A invitaciónn á risa desdramatiza a coxuntura.
Estamos tan mal
que parece o
ano que vén.
Historia
- A bandeira de Galicia será só branca. Que agora xa non sobra pintura azul da galiña. Así gozaremos dunha paz irresistible.
- A bandeira española perderá a cor do ouro, por ser moi “ostentórea”. Lucirá o vermello.
- Recortarase a lista dos reis godos estudando só os números pares, para alixeirar a godienda.
- O Alzamento nacional planeará a rente do chan. Coidado coas cabezas!
- Quedarán suprimidas as 17 Comunidades Autónomas. Así España volverá ser unha, grande e libre (ou lebre,cambiada por gato?).
Estamos tan ben
que parece o
ano que pasou.
Consideracción final
- Queda garantido que non se rebaixará o calidade do ensino e o Estado de benestar.
- Estas medidas non están inspiradas polo proxecto de impoñer ideoloxías.
- Cada venres haberá novas reformistas, ou non.Palabra de Wert.Máis información sobre as causas:
Hic habitat felicitas
Pese á prima de risco, á recesión e á bolsa que nos leva a vida, a bankia non se afunde, hai diñeiro para rato.
Palabra de Presi. O dente queda para carnes máis tenras.
Outro recorte é posible, colaboremos dando ideas.
En vez de queixarte pola escuridade, prende a luz. Hai razón para a Esperanza. Para a primavera/verán quédanos o mar e a montaña: a praia das Gaivotas e a serra do Voitres.
Saúde.
Edu*
*Asino así porque ardo en desexos de recortar, unha patoloxía obsesiva.
Edu, eu teñoche que correxir algún detalle:
ResponderEliminarO mar Morto, deixarase así,na honra dos afogados.
A bandeira galega, ha levar como único cor o do alcatrán ( o más abundante nas nosas costas )
As 17 autonomías quedarán resumidas nunha gran lebre.
Haberá que respirar tan só 10 veces por día, pa aforrar pensionistas.
Andarase polas rúas con marcapasos, E, o que se pase, multa.
Pa aforrar luz, hai que utilizalo tembleque.
E,a prima de risco, irá en minifalda,pa aforrar " tela marinera."
Perdona, mais, a cada un o seu.
Antonio