Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

jueves, 3 de abril de 2014

O de hoxe na RG- Programa Pensando en ti, de Marcial Mouzo:

A QUINTA DO 57

O sufoco do verán estaba xa tocando a seu fin. Os preparativos de ingreso, a punto, despois de ter pasado pola miña casa o emisario da xastrería Porto pa tomarme as medidas, e, así, poder lucir as novas sotanas co meu corpiño esmirrado de rapaz. Os libros de texto, mercariámolos, logo, no propio economato do Seminario. E, finalmente,  os derradeiros en acudir, éramos precisamente nos: una morea de nenos de tódolos recunchos e de tódalas condicións sociais de Galicia, pa completar aquel monumental formigueiro de sotanas remangadas nos mellores momentos de fedello do noso corpo inquedo.

As pedras recen talladas, lucían coa imaxe mariana de nosa Señora da Asunción, naquel colosal centro de humanidades, inaugurado no ano 1956 polo cardeal ourensán Don Fernando Quiroga Palacios. E, san Martiño Pinario, quedaba, pois, aliviado pola cantidade de rapaces que pasaran a formar parte do flamante edificio de Belvís. Nunca tantos corviños pisaran o seu chan na historia de Compostela.

E, aló, en torno a festividade da Pilarica, arrancaban as andanzas da QUINTA DO 57.

Naqueles primeiros días, polo monte Pedroso, ouveaban os cans acirrados polos estoupidos das escopetas e pola algazara dos cazadores. Unha nova temporada, espertaba en min a saudade dos momentos felices compartidos co meu ben querido pai, cando  abeirábamos aniñados polas carballeiras do Castro, ou agochados tras os muros seme derruídos da Xesteira dos Pardiñas, agardando a que o meu canciño Tuno, meteranos os coellos a tiro de chambóns fogueteiros.

 O seminario menor, contaba con dúas comunidades ben diferenciadas, onde os nenos compartíamos cuartos e aulas en colectividade. A capela, cunhas elegantes i esplendorosas vidreiras de cores con estampas de santos, facían de fronteira coa comunidade de maiores, onde cursaban de terceiro en adiante; a meirande parte deles, achegados de san Martiño Pinario ou do internado de San Roque.

Os comedores eran, tamén,  independentes, sen que ningunha das colectividades tiveran trato directo, a non ser en dias moi sinalados ,con actos multitudinarios esporádicos, e solemnidades por onde todos pasabamos.
O xantar, serviámolo recollendo cada un o seu prato, que chegaba virando a través dun torno conectado coa cociña, onde, unhas monxiñas, cociñaban as escasas viandas que por aqueles tempos de fame había.  Lentellas, ou fabada sen chourizos- mágoa que tamén ,entón,  foran tan agudos pa saír voando dos pucheiros sen deixar rastro- .
A carne, esa dama descoñecida, paseábase garbosa  facéndose de rogar, colándose nos días de festa a forza dentro do pote. E, cando saía, estaba feita unha “desjrasiada “ fora alma, por tanta cara dura que tiña a hora de roela. Galiñas, a verdade, eu, no nas vin, a non ser que o raposo paseara con algunha pola porta d´atrás.

Un dia, estaba eu devorando unha ración de garavanzos, e, sen desexalo, rocei coa fonte, que estalou en mil anacos…
-¿ Como fixeches iso, rapaz, pa escacha-la perola dese modo…Preguntou o noso mordomo Don Arturo…?
Pois, a verdade, no no sei, señor . Eu, non fun. De súpeto, apareceu no chan, e mandáronme pasar por aquí, pa trata-lo tema con vostede.
-“ Está ben. Tes que pagar o dobre “
¿ E logo ? Preguntei intrigado.
- Aquí, as fontes máxicas, cóbranse como se fosen lampadarios de Aladino. Así é que, xa sabes: pa outra vez, procura rachar pratos que non estalen eles sós, se non desexas pagar mais da conta.

Lembro, tamén, aquel primeiro dia da clase de latín, onde tivera que aprender de memoria o capítulo primeiro de historia de Tobías:
“ Tobias, ex tribu e civitate Neftali, cunta mandata Dei observaba, ab etate ineunte…” Ou a Eneida, con Laoconte de protagonista;  Ou as cartas de Cicerón a súa amada Tulia:
“ Si vales, bene es, ego valeo…” Si estás ben, alégrome, eu tamén estou ben.
E, así, podería seguir con esa ladaíña, desfollando o rosario dos recordos, ata aburrir a todos vos.

Naturalmente que tamén eu estaba ben, como Cicerón, sen coñecer aínda case nada da vida, malia a incerteza polo noso futuro.
O país enteiro, estricábase lentamente nunha modorra económica esmagada pola guerra, con medidas severas que tiñan sometida a cidadanía con infinidade de leis e de prohibicións; como, por exemplo, a que prohibía a fala do galego. Fermosa filla do latín, anque desprestixiada, por estar considerada como a mal criada daqueles tempos; propia dos aldeáns pailáns e analfabetos. Pouco a pouco, foise tolerando facendo a vista gorda. De tódolos xeitos, nunca tiveramos a linga de Rosalía, como materia de curso.

Recordo, tamén, como asentíamos coa cabeza a todo canto o profesor ía lendo, sen comprender nin papa de todo aquelo. E dicíanos o mestre:“ ¿ Entiendes Fabio lo que voy diciendo ?…
Y como que si que lo entiendo.
-Mientes Favio que yo soy quien lo digo y no lo entiendo.
En fin, anécdotas da quinta do 57, que quedarían eclipsadas por outros acontecementos mais preocupantes, que estaban por vir  a finais d´aquel ano e principios do seguinte.

Algo serio, dende logo, foran aquelas treboadas que eu lembro acotío dende entón. Noites sen luz,  renxendo as portas e petando as saraibas encol das cegas cristaleiras apegadas as nosas camas, onde agochaban inertes, entre as sabas, os corpos duns nenos tremelicando de medo. E, onde os mesmos estrondos fungaban nas nosas orellas, confundidos cos rumores da invernía, que traían das nosas costas o seu dixomedíxome desolador.

Ou aquelas noticias inquietantes que circulaban encol dunha peste procedente de Asia, que xa estaba  a facer estragos na poboación. E, ao noso amedrento nocturno, engadíase esa nova angustia polas historias dos maiores que estabamos a escoitar dunha nova praga bíblica que estaba a viaxar, propagándose a escape por toda Europa e Amarica.

En tocante ao fútbol, o grupo B- do que eu formaba parte- fora o mais temido por aquel entón. Poderíamos enfrontarnos a calquera dos grandes de España, sen medo a perde-lo encontro. O muxián Martín Gómez, fora unha auténtica figura do noso equipo. Unha ledicia velo acanear co balón, levando por diante a tódolos contrincantes, e plantándose el só diante do porteiro.
O meu xogo pola extrema dereita, non era moi habilidoso que digamos, malia que tiña un sprint endemoñado, como Gento, e, con iso, desconcertaba ao inimigo cunhas cabriolas que agora chámanlle “ chilenas “ ,cando xa foran “ inventadas “ por min, pois ninguén coñecía semellantes pinchacarneiros. E, dicían os compañeiros: ¡ que gol mais fermoso con esa xogada tan rara que fai Puertas…!  Así é que, a cada quen, o seu.

Certo dia, cunha mala patada, tombei a un rival amigo meu, que era da Estrada. E, dime outro do equipo oriúndo da Illa de Arousa :
- Que dereita a torces, Antonio. Deixáchelo coa cara do revés.
E, así fora, malia que, dias despois, a Gripe Asiática xa formaba parte de nos. De nada servían os vasos de auga osixenada mesturada con auga do cano, pa facer os gargarexos que receitaba o doutor do seminario, como remedio de tódolos males. Mais da metade dos alí presentes, estabamos xa tombados na cama delirando coa febre, e toda Galicia contaxiada con aquel mal do demo.

E, ¡ que cousas ten o destino, señores ! Ese compañeiro noso,…si, ó mesmo que levara aquela labazada co meu balón, e, ca que tantas veces estiveramos de chacota co tema, tamén el morreu por causa desa maldita peste.  Un sino, que levou pa sempre a un nobre rapaz, cal fora aquel amigo da Estrada.
I, en evitación de danos maiores, os dirixentes decidiron pecha-lo centro, en tanto non fosen espertando nuboeiros mais conciliadores coa raza humana. Namentres, mandáronos a todos pas nosas casas.

Novos capítulos e novas historias agardaban pola Quinta do 57, moitísimo mais alegres e divertidas, a partir, xa, do primeiro trimestre do 1958 en adiante.
Antonio Puertas


JABA

Sopraba un vento do norte,
as lanchas viñan do xeito,
o sol despuntaba na ria,
i en terra sardiñas a eito.

Un home cun sacho ó lombo,
nos pes botas mariñeiras,
unha gamela deitada
con gaivotas polas beiras.

- ¿ Onde vas, amigo Pepe: ?
 Vou cachear pola area,
teño antollo de paella
i hoxe hai moi boa marea.

O vento, seguía voando,
levando a nosa conversa,
sen chegar ata ningures,
pois a ninguén interesa.

- Vaite pa casa, amiguiño,
que, ameixas, non has atopar,
e tes contigo un tesouro
coa obriga de contentar.

Ten antollo dun versiño,
que o vento do norte ha levar,
 se é que non sabes o modo,
eu direite como has falar.

Dille que fora unha perla
que estaba na beira do mar,
 brillando, o mirar pa ela,
polas noites do noso luar.

E o vento que alí axexaba
a escape foi ca marea
a  levar nosa conversa,
 cos pes fozando na area.

Antonio Puertas.











2 comentarios:

  1. Parabéns Antonio por retroceder mais de medio século no tempo e facernos acordanza de aqueles tempo de infancia e preadolescencia.Cada vez custa mais,polo menos a mim,traer aqueles tempos ao presente.Din que hai que mirar para diante pero non é un bo conductor se non mira tamén polo retrovisor todo aquilo que se deixou atrás.A ver se o fin de semana escribo algo tamén de aqueles felices anos finais dos cincuenta e principios dos sesenta.Un saúdo Rafael

    ResponderEliminar
  2. Tes razón, Rafael, hai que mirar pa diante, pero os mais novos. Nos tan só nos queda mirar polo retrovisor. A estas alturas da vida, asusta mirar pa diante.
    Unha aperta, amigo.

    ResponderEliminar