Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 8 de noviembre de 2009

MISCELANEA 2


Chegaron os “idus” de Novembro cun pouco de adianto. Trouxeron os ventos do mar. Provocaron mar arborizada. Amarre xeneralizado da frota pesqueira. Alerta laranxa O tempo meteorolóxico concorda co calendario. Os corpos, falando en maxestático, que fan a mesma función que a caparuza do frade, acougan mellor. Saúdos a todos. Ía escribir e a todas pero decateime que estamos nunha das poucas comunidades masculinas.


Nunha das convivencias próximas podemos tratalo antes da comida. Despois e mal momento. Os efluvios derivados do deus Baco deben ser alleos a este tema. Nunha ocasión,hai anos,propúxoo o amigo Alvite. Un dos argumentos,quedoume gravado, foi: Sentímonos mais homes se estamos sen as mulleres. Hoxe seguramente mantemos distinta opinión. A lei de igualdade é de aplicación progresiva. Como algunha dona pida asistir seguro que conta con amparo xudicial. De todos modos sempre temos a defensa de que as mulleres que estudaron en internados ou en institucións femininas tamén celebran as súas convivencias á marxe dos homes. Poderíamos alegar o principio da reciprocidade.


Despois desta paréstica introdución paso a comentar os postres literarios aos que nos convidou Eduardo: Macedonia delicada e selecta que nos ofrece en catro cuncas de porcelana de Sargadelos. Moi lucidos tanto o contido como o continente.


Respecto ao primeiro cunco teño que manifestar que con Vicente Verdú estou de acordo A forma como absorbemos, por ósmose, todo o que ven de fora é tremenda. A TV,di Ledo, é a causa ?Seguramente. Unha amiga de miña sogra prefería que lle levasen a cama a quedarse sen TV. Non é a única. Moncho Valcárcel chamáballe o “castravexo” .Non sei se era Heguel ou Marx quen dicía que a economía non condicionaba a totalidade da existencia humana senón que a determinaba. Eu penso que é certo. O da lingua tamén ten moito que ver coa economía. Que os filósofos exerzan.


En canto ao culto aos defuntos eu hoxe non estou ao día. No ano 69 e posteriores en gran parte de parroquias xiraba toda a acción pastoral entorno a iso. Hoxe supoño que será distinto.


O segundo prato deste menú é o do Premio Pintos Villar. Seguro que é merecido. E boa xente a de Irimia. Fan o que poden. O galego ten un potencial moi grande:Temos un criadeiro de actores, escritores, intelectuais, investigadores etc... que son a envexa de moitos países. Onte na TVG entrevistaban a Cristina Pato que é unha autoridade en Nova Iorque. Non estamos tan mal como parece e na adversidade medraremos. Iremos a mais. Hoxe estou optimista.


O terceiro postre non me gusta nada. Xa nin o probo. E un reclamo ou engado artificial. A sociedade que polemiza por iso está enferma. Cos problemas que hai de corrupción que deterioran gravemente a democracia e nós a falar dunha letra. Négome en redondo.


Por último do milagre das monxas mozas sustentadas polos poderosos e fillas dos movementos mais integristas e conservadores que se apoderaron da Igrexa, por un lado ti xa ves e por outro que queres que che diga?. A miña opinión vale pouco. Igual que a Fernando a min tampouco me ule ben. Eu penso que a Igrexa tiña que ofrecer o mesmo acollemento que ten cos movementos integristas a todos aqueles que a critican e que escriben en redescristianas, comayala, atrio e outras páxinas nas que colaboran os teólogos da asociación Xoán XXIII. Iso faríaa mais católica e diversa.. Pensaron que cando se lle foran todos os roxos e contestatarios e tiveran un pensamento único ían medrar e volver a encher as igrexas de fieis e nada diso aconteceu. Eu penso que a salva tanta xente honesta e bondadosa que a pesar dos seus defectos lle quere como a unha nai e, mal como pode ,segue dentro con certa fidelidade.


Aos 300 teólogos que fixeron o manifesto, o mes de Abril pasado, atribuíndo os males da Igrexa ao abandono da doutrina do Vaticano II debía de estarlle moi agradecida. Gracias a eles hai xente que pensa que outra Igrexa é posible e que cando veña outro Papa as cousas iran a mellor e poderá haber outra primavera como con Xoán XXIII. A esperanza tamén é unha virtude cristián. Dicía onte Torres Queiruga, nunha entrevista no Pais ,que os evanxeos séguense lendo e iso de por si é revolucionario.


Hai cen anos,no pontificado de Pío X, tamén foron tempos escuros e de condena de teólogos e logo no 58 veu Roncalli por quen chorou media humanidade a súa morte .Eu, incluso penso que esta acollida aos anglicanos mais integristas,que se opoñen a que as mulleres poidan ser curas e bispas, e aos de Lefebre que converten ao Vaticano nun reduto mundial de integrismo e ultraconservadorismo vai axudar a que por contraste, pola teoría do péndulo, se acelere unha nova etapa na Igrexa. Como di Vilariño ,seguramente non o veremos porque os reloxos do tempo na Igrexa andan moi amodo.
A Igrexa,penso eu desde a miña ignorancia radical, non se poderá permitir perder aos intelectuais e perder tamén as mulleres. Hoxe están presentes en todas as institucións. No Colexio de avogados son mais que os homes, na xudicatura, notariado,rexistradores,fiscalía están ingresando mais mulleres que homes. Na universidade son maioría. No Instituto maioría cualificada. A Igrexa se quere ser unha institución con vida non pode negarlle o acceso as responsabilidades para as que ten capacidade igual que nós.


Eduardo,Antonio Puertas e Fernando Ledo fanse acredores ao título de colaboradores distinguidos deste blog. No seu momento teráselles en conta aos efectos oportunos.

Remato xa .Despois desta longa sobremesa é necesario tomar tamén un chupito literario. Podería ser do licor de Silvio Santiago. O primeiro libro que publicou chamado Villardevós, en Galaxía é costumista. E unha fonte de tradición oral, hoxe impensable porque cada vez falamos menos entre nós. Non hai tempo. Recolle moitas anécdotas e lese con fruición. Unha delas e esta:


“...o Euxenio tiña golpes moi chistosos. Nunca falaba en serio e argallaba con moita gracia. Dicía que non había no mundo quen bailase a muiñeira coma el. Contaba que sabía un punto que duraba cinco minutos xustos no aire,e que cando o bailaba por primeira vez diante dun publico, a xente nerviosa, mandábao baixar:
-¡ Póusate Eugenio póusate;xa está ben¡


Pero o Eugenio non facía caso e seguía no aire trenzando o seu punto e non se pousaba hasta rematalo. Hoxe non se baila así”·
Bo proveito. Deica a próxima. Rafael

sábado, 7 de noviembre de 2009

AD MAIOREM VIM

Acabo de recibir a miña ración de macedonia de froitas da tempada que nos ofrece Eduardo. Coma sempre, moi interesantes as aportacións que nos achega sobre asuntos da actualidade. Eu tamén estou de acordo en que se da un certo papanatismo na nosa sociedade, polo que tende a copiar os costumes e estilos anglo-saxóns sen tomar ningunha actitude crítica. Penso que un papel determinante para este mimetismo é o que xoga a televisión.  Pero tamén creo que se da unha solapada influenza dos axentes  laicistas para que as celebracións relixiosas máis arraigadas na poboación pouco a pouco se vexan substituidas por outro tipo de celebracións en base a supostos valores e tradicións que se queren recuperar. Así ocorre non só coa efeméride de Santos e Defuntos, senón co Nadal, Semana santa, etc. Por outra banda, tamén penso que os que non participan das nosas crenzas estan no seu dereito de organizar as súas festas en paralelo sempre que se manteña o respeto mútuo que debe prevalecer  nunha sociedade madura.
Tocante a que o culto ós defuntos está esaxerado e que ás veces máis parece un negocio para os vivos, tamén estou de acordo. Todo o que se leva ó extremo perde o seu auténtico valor. Esto no campo da relixión existíu sempre e o mesmo Xesús vivíuno no seu tempo. O tema dos defuntos é moi delicado pois entran aquí as sensibilidades máis íntimas da nosa xente, e toda actuación desafortunada por exceso ou por defeuto resulta traumática. A tentación dos cregos neste asunto é deixarse levar para non ferir susceptibilidades dando lugar, inconscientemente, á confusión entre a fe e a superstición.  Sempre resulta máis doado transixir que replantexarse unha nova evanxelización, e non só neste tema senón en xeral.
Descoñezo o tema da monxa clarisa á que fas referencia; sempre compro o suplemento semanal da voz de galicia pero esa semana non o fixen. Polo que deduzo da reseña que fas, como din os meus paisanos, "chéirame a can".
Como xa vai ser media noite, e mañá é domingo, venme á memoria unha fórmula pedante de poñer fin a esta epístola, que nos viña no libro de texto de literatura nos tempos de D. Manuel García e que dicía así: "Ceso porque el cornerino vaso ya no sumunistra el etiópico licor al ansalino cálamo".  Ahí queda eso.
Fernando Ledo.

MEUS CONTOS

CAGAR Ó KILO




Ninguén coñecía ó que era ó asfalto.Ás ruas de terra sementadas de pedróulos espallidos ou amoreados de calquer xeito, semellaban municións abandoadas de antigas pelexas entre veciños i, así permanecían impertérritas nó seu lugar de xeración en xeración. .Todos sabiamos ó seu lugar exacto que ocupaban ó longo dás escuras corredoiras,sen que xamás foran motivo de acidentes graves, salvando aquéles producidos á consecuencia dó etílico inxerido “ocasionalmente” por parte dalgún adicto incurable.



Dende logo, foi millor así, porque tanto ó cemento coma ó asfalto, hoberan sido causa dúnha verdadeira desfeita ná poboación.

Explicome: nó noventa i nove por cento dás casas non habia sanitarios nin ás xentes contaban cún lugar íntimo pá descargar ó bandullo inflado de berberechos d´ Area dá Vila , ou baleirar á tinalla intestinal inchada ná fonte dá Plaza,ou ná taberna de Braulio. Á propia terra, era á encargada de chupar saboreando aquéles manxares pousados ó pé dás casas.



Ó asfalto hubera sido pos, á máquina aceleradora en días de chúvia causante, talvez, dinundacións en cortellos ou tascas dó lugar.

Cada quén sorteaba como podía aquéles atrancos, ó tempo que “gozaba” dá fragancia rebosante dún chán humedecido, ata que ós ventos dó Nordés, levaban ós muxiáns á nosa propia esencia.



Aquélas pedras muitas veces servían ,cando á situación apremaba ou requiría calma, de apoio ou panca de forza. Ó tráxico dá situación viña ,ás veces, ó confundir á negrura dá mercancía con pandullos, entón comenzaba un rosario de xuramentos i maldicions ,muitas veses, en contra dún mesmo causante daquéla desfeita.



Nos interiores dás vivendas ás cousas funcionaban bastante ben.Ás bacenillas enchíanse de contado i con igoal premura, baleirábanse axiña á través dá porta entraberta, ocasionando á maior parte dás veces baños intempestivos ós tranquilos transeúntes que,sen atreverse á rechistar, perdíanse rapidamente polas revoltas dás esquinas, expostos sempre á outras chuvias mañaneras por parte dás amas de casa.



Á cousa chegóu á tal punto que, tivo que intervir nó asunto á Autoridade Competente, consensuando para élo un Pleno que ó fixo público PM (Pila Máis), leendo á saltitos un Bando ná plaza dó pobo. Ós homes feitos i dereitos asignóuselles á Carnicería ,como lugar idóneo, i alí acudían úns trás outros ininterrompidamente.



Pero,coicidindo cás mareas bermellas,á aglomeración era tal, que ó propio Municipio veuse ná obliga de controlar á setuación mediante tickes nomerados i que PM ia facilitando ós asistentes,(igoaliño ó que hoxe fai á S.S.) Ó mesmo tempo, sopesaba peso i medida. Ó QUILO era ó mínimo esixido ,que un home feito e agochado debería soltar. I ,á MEDIDA á distancia en brasos abertos suficiente entre ós aliñados, pá evitar trifulcas ou revoltas innecesarias.



Ó toque de queda espiraba coa xornada laboral dó persoal contratado.

De todolos xeitos, aconsellaban sempre pasar á maior parte dó tempo pescando nó Villano.



Antonio Puertas

viernes, 6 de noviembre de 2009

MACEDONIA DE FROITAS DE TEMPADA. 1

     Esta receita gastronómica ten como ingredientes froitas serodias que resisten as chuvias do outono nas árbores da horta informativa. Non contén glucosa nin conservantes.

1. Todos os Santos
     A efeméride Santos/Defuntos resulta curiosa para os que xogamos con cabazos ou calacús, convertidos en caveiras iluminadas cun cabo de vela acesa. Eran lembranzas perdidas nun recuncho da memoria que volven da man de Hallowe´en e Samaín. Parece unha proba de que ignoramos o noso e nos deixamos colonizar facilmente pola cultura anglosaxona, que aceptamos como signo de modernidade.

     O libro El paneta americano, de Vicente Verdú (Anagrama. 1996) afirma que aceptamos a totalidade norteamericana como un lote completo. Non só aceptamos os modos de vida, senón o contido da vida: non só a maneira de divertirse, senón a diversión; non  só un refrán, senón a lingua; non só a receita, senón a comida. Todo, o espirito familiar; as formas de mercar, de amar, de vestirse e de cear; os plans de estudo e  xubilación; e ata as seitas son de natureza norteamericana.
Non só mercamos calacús de plástico con luces de pila, senón que se vive doutro xeito: disfraces, festas, consumo, negocio económico...

     Quizais sexa esaxerado o culto aos mortos. Creo que san Bernaldo, abade, dicía que o culto aos defuntos:
- Non era para favorecelos, senón para sacaren proveito os vivos: misas, funerais, ataúdes, flores, seguros...
- Era unha esixencia social para causar boa impresión á comunidade.
A min sóame un pouco a:
- Política de recomendación, innecesaria porque Deus é sumamante xusto.
- A capitalismo, porque os máis ricos poden investir máis en salvación ou en prestixio social.
Pero isto choca coa comuñón dos santos e co corpo místico. Alguén quere opinar?

2. Premio Xaón Manuel Pintos
     O Concello de Pontevedra vén deconceder o premio Xoán Manuel Pintos, por destacaren na defensa da lingua a:
- Romaxe de crentes galegos. Irimia.
-O Rei Centolo. Empresa de camisetas con retranca galega.
 Irimia pretende introducir o galego na liturxia; segundo a presidenta, con moi pouco éxito. Eles fan o que poden pero quizais necesitan máis colaboración.
 O Rei Centolo demostra que o galego tamén vende e produce riqueza, con tendas en toda España e algunhas en Europa.

3. Toponimia outra vez 
     Volven as pantasmas de finais dos 70. Nos primeiros anos da democracia, a Comisión de Toponimia (CT), formada por especialistas  da Universidade, do Instituto da Lingua e da Real Academia Galega, foi recuperando os topónimos, castelanizados brutalmente durante a ditadura.
A CT defendeu a forma A Coruña.
Artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística (1983):
                    "Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega".
O Concello segue usando La Coruña. A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia o feito ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que dita que o topónimo oficial da cidade é A Coruña.
O Concello recorre a sentenza. O Tribunal Supremo confirma o fallo do TSXG: A Coruña.
O Concello segue utilizando La Coruña. No 2004 preténdese rebautizar a cidade como La Coruña e A Coruña, apoiándose na Lei das grandes cidades.
A Xustiza revoga, de novo, o resultado do pleno municipal, denunciado pola Consellaría de Xustiza.
Maio de 2009. O recén elixido presidente da Xunta di estar disposto a estudar o tema do topónimo.
A Coruña xa ten tres sentenzas xudiciais ao seu favor. Non é presunta, é convicta.
Unión Coruñesa vai pedir sinaturas para recuperar o L de Liberdadde.
Espero que non cunda o exemplo e:
- Os de A Estrada non reivindiquen La Carretera.
- Os de O Carballiño, El Roblecito.
- Os de Niñodaguia, Niño de la Guía.
- Os de Boimorto non reclamen Toro Fallecido.
A min paréceme un L de Labazada ao idioma, aos especialistas e á Xustiza.

4. Sor Verónica e o milagre
Sorprendeume a reportaxe (El Paáis semanal. 1-XI-09) sobre o furacán de Lerma e Aguilera (Burgos).
A obra de sor Verónica, definida como un milagre, e apoiada polo Vaticano, mimada polos monseñores, financiada polos poderosos e encirrada, enxalzada, polos movementos neoconservadores.
Son clarisas pero opostas aos outros conventos de clausura. Son todas militantes de grupos neocón, de tanto predicamento en certos ambientes eclesásticos, e son monxas contemplativas.  
Aparecen mencionados Rouco Varela, Romero Pose (RIP), e Alonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo.
Seguro que vai dar moito que falar e que alguén de vós ten máis información.

   Deixo na neveira algún ingrediente para que non resulte sobremesa indixesta. Recuperareinos se non collen mofo.
                     Eduardo Seco.

miércoles, 4 de noviembre de 2009

SAMAIN OU HALLOWEEN





O prometido é débeda. Así que chegado o momento,metade da semana, hai que cumprir. Contarvos unhas cantas cousas seguramente sabidas. “Nihil novum sub sole” que dicían os clásicos.


Samaín en gaélico,fai referencia a el o amigo Eduardo, parece que significa fin do verán ou principio de inverno. Comprende a noite do 31 de Outubro ao 1 de Novembro. O gaélico e unha das linguas oficiais da Unión Europea pese a que habitualmente,s egundo o censo de 1996 ,non chegan a 100.000 os que habitualmente o falan. Enténdeno o 40 % dos 4 millóns e algo de irlandeses. Nese aspecto aquí andamos algo mellor de falantes habituais de galego. Cando se pregunta se o entenden é raro que xente nada en Galicia diga que non o entende. Os de fora que levan aquí anos non o falan se non fixeron nada por aprendelo. Din que o entenden a non ser que queiran tocar o carallo. Despois da lección de hermenéutica sobre o vocablo que nos dou Eduardo non hai nada que obxectar.


(Teño uns coñecidos andaluces. Ela é mestra. Fala moi ben o galego. O marido leva aquí 35 anos. Fala o andaluz sen disimulo algún. Dígolle a ela: Que raro¡ Ti que ben falas e o teu home nada¡.E problema do disco duro, Rafa. Dimo sinalando co índice cara a testa. Se o disco o bloqueas non grava e xa podes vivir en Galicia mil anos.)


Volvendo ao rego este ano coincidiu o fin do verán co Samaín. Tivemos un Outubro que algúns días parecía o mes de Agosto. Ao mediodía vías xente en Riazor poñéndose ao sol. Algo impropio da época. O cambio climático non é un conto.


Para saber do Samaín hai que visitar Cedeira onde o celebran por todo o alto. Rafael López Loureiro, colega noso, mestre de primaria,leva anos investigando sobre unha tradición dos nosos antepasados celtas que estivo a punto de esquecerse e perderse.


Con unha paciencia de amanuense,contaxiando a moitos do seu entusiasmo, documentou este costume a punto de desaparecer. Parece que esa noite, máxica como a do San Xoán, era a noite en que se abrían as portas do outro mundo e viñan as ánimas dos defuntos,ás veces para arranxar contas cos vivos.


E unha tradición que hai tres mil anos celebraban os pobos celtas de Europa. Os americanos incorporárona a través da emigración Irlanda que, ao non ser conquistado por Roma, mantivo unhas orixes mais puras.


Este mestre hai pouco comprobou como esta tradición sobrevive nas poboacións de fala galega da provincia de León e Zamora. Tiña distintos nomes:calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense...etc.


Para orientar aos defuntos que volvían esa noite deixábanlle, no cruce doa camiños, caliveras de melón cunha vela dentro para que non se perdesen e puidesen chegar ao seu destino. Outra explicación é que eran os cranios dos inimigos mortos en batalla.


Lembro de rapas, como xa vos dixen, de facer esas caveiras. Os melóns eran un ben apreciado e escaso. Usábanse para o engorde dos porcos desde o mes de Setembro ata matanza no Nadal. Colocábanse nos tellados dos cortellos para que se airearan e conservasen. Os moi pequeniños eran os que nos deixaban usar para facer as caveiras. O día de santos que pola tarde ía moita xente ao campo santo era cando se poñían no cruce dos camiños. Había que coller na casa, sen permiso, uns cachiños da vela do Xoves Santo para poñerlle dentro e alumease ensinando dentes e ollos. A xente facíase a asustadiza e ríase da gracia que lles causaba. Era unha diversión moi esperada pola rapazada. Ao marchar para Santiago acabouse esa diversión. E curioso como se recuperou esa tradición e se celebra en cantidade de colexios e vilas por toda Galicia. Os americanos soubérona exportar e véndense disfraces como no entroido Se queredes saber mais está inzada a rede con información sobre sobre está festa de orixe celta. Para hoxe xa está ben. Agora unhas notas bravas para fomentar a participación.


A Fernando que nos conte se é certo que o rural morre, so quedan vellos e os meniños son algo exótico ou non é para tanto. As pirámides de poboación de Galicia xa non se poden chamar así. Teñen forma de vasilla.


A Luciano dicirlle que a preguiza é un pecado capital e que ten un antídoto que se chamaba a dilixencia. Así que a mercar unha pouca. Tómala ao almorzo e pola tarde, se non tes que ir ao Concello, xa te podes poñer no computador e contarnos algo .Ides poder mercar o turrón para o Nadal ou as arcas municipais andan tan mal que non hai cartos para pagar aos chupatintas? Se as contas van mal agora o socorro roxo acabouse así que a chorar a Cangas. Non te sintas coaccionado que xa sabes que o meu aprecio non o perdes nin ti nin ninguén. Escribe o que quere e do que quere.


Finalizo cun recordo para D. Francisco Ayala. Apóstolo laico da democracia e da liberdade. No 36 matáronlle ao pai e a un irmán e prendéranlle a outros dous. En Febreiro do 39 marchou para América a formar parte da multitude do exilio. Fixo como Isaac Díaz Pardo. Nunca gardou unha migalla de odio para ninguén. A historia debe coñecerse para non repetirse. Mente e corpo privilexiado. Xa cumprira os 103 anos. Vivirá na memoria colectiva para sempre. Deica a próxima. Rafael































lunes, 2 de noviembre de 2009

A MESMA, CARGADA DE BOMBO

     Pensaba que tiña esgotados os lectores do blog, pero Ramón fai unhas preguntas, quizais retóricas, sobre a lingua, talvez para seguir paresticando, pois basicamente coincidimos.

1. Para que usan os vascos e os cataláns a lingua...?
     - Se a utilizan para comunicarse entre eles, como dis, non me parece uso perverso.
     - Outros usos avesos? Non os coñezo, pero desconfío das versións que se oen ou len.
As miñas estadías en Cataluña e Euscadi, ás veces longas e inmersas na vida cotiá, danme pistas para pensar o contrario. Uns e outros sempre se expresaron comigo en catelán. Minto: 12/IX/2009, Salvatierra, Rioja alavesa, territorio euscaldún. Dixen: "Buenas tardes"  ao saír dunha cafetaría. A dona contestou: "Adeus". Ante a mirada de sorpresa dos outros clientes, era establecemento pequeno, contestoulles: "Es que son gallegos".
     - Desconfío de certas campañas  que usan a lingua como arma para defender outras cuestións.

2. A que vén ao caso que se ande racaneando horas asignadas ao castelán...?
     - Nego a maior. Hai tres anos que non piso as aulas, pero unha transformación como a suposta é imposible. Ata setembro de 2006 a situación era exactamente a inversa: a lexislación non se cumpría. Nalgúns casos ata se daba galego en castelán. Non falemos de Ciencias Sociais ou de Coñecemento do medio. E o máis importante, a lingua de relación na escola era o castelán, con alumnos e pais e entre profesores. Neste curso, moitos equipos directivos xa falan sen reparo en toda reunión na lingua cervantina, segundo me din ex compañeiros. Tamén nos Claustros e nas actas.  
     - Repasemos o contexto lexislativo:
. 1978. Constitución española. Artigo 3.
     " O catelán é a lingua oficial do Estado".
     " As demais linguas españolas serán tamén linguas oficiais nas respectivas comunidades, de acordo cos seus Estatutos".
. 1981. Estatuto de Autonomía de Galicia.
     - Artigo 1. " O galego é a lingua propia de Galicia".
     - Artigo 2. "Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma". 
Son referencias breves, pero fixan as liñas que rexerán as leis posteriores.
. 1983. Lei de Normalización Lingüística (LNL).
     Aprobada no Parlamento galego, con alto valor simbólico e político.
     - Artigo 1. "O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos".
     - Artigo 12. 3. "As autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ao remate dos ciclos en que o ensino do galego sexa obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán".
     - Sempre tiñan maior competencia lingüística en castelán ca en galego, segundo me dita a experiencia.
. 1988. Lei da Función Publica de Galicia.
            Lei do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais.
. 2004. Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL).
     A evidencia de que o devalo social da lingua comezaba a ser rechamante levou ao Goberno a elaborar o PXNL. Participou nel amplo número de representantes de distintos ámbitos profesionais. Aprobouse en setembro por unanimidade de Parlamento galego. 

     No 2005 dicían os autores do Estatuto xurídico da lingua galega (Edicións Xerais):
     "En Galicia, os escasos avances experimentados son a consecuencia evidente do desinterese por realizar ese labor de desenvolvemento normativo que precisaba a LNL".
   Os do ensino sabemos que sempre os alumnos estiveron  moi lonxe de conseguir igualdade no coñecemento do galego e do castelán.

     No 2005, Anxo Lorennzo Suárez publicou:
     "O Goberno da Xunta de Galicia perseguiu en todo momento a finalidade de non xerar ningún tipo de conflitividade social por cuestións lingüísticas. Enfocouse a promoción do galego como un asunto individual e non colectivo, e como un asunto de convencemento e persuación. Foi unha política reactiva e pouco práctica, unha actuación á defensiva".
Cadernos da Lingua. 27. RAG. Anxo Lorenzo é o actual Director xeral de Politica lingüística.

     Correspondeulle ao Goberno saído das urnas de 2005 iniciar o desenvolvemento do PXNL. Os pasos que se deron foron tímidos e escasos.
     Marcos Valcárcel escribiu no 2007:
     "En Galicia chegouse a un pacto razoable plasmado no PXNL. Cando ese plan comeza a levarse a cabo con iniciativas, un sector político do país recúa e ponse en contra. Saben que terán ao seu favor moitas voces ultraconservadoras, sobre todo nas portadas dalgúns xornais de Madrid".

     Agustín Fernández Paz fai esta avaliación da política lingüística desenvolvida en 26 anos (1983-2009):
  • Apoucada no desenvolvemento lexislativo da LNL.
  • Desleixada ou cómplice co incumprimento da lexislación.
  • Incapaz de favorecer a planificación lingüística para conseguir os obxectivos marcados.
  • Pasiva, ou mesmo negativa, na función do liderado do proceso,
  • Excesivamente cautelosa ante os hipotéticos avances do galego.
     O Tribunal Constitucional avalou como lexítimo "un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en funnción do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado".
    Cal é en Galicia o lingua que necesita apoio singularizado?

3. Podemos chegar a que os mozos de 16/18 anos descoñecezan o castelán?
     Creo que non. A lingua que se está perdendo é o galego. Basta esoitar nun parque infantil, á saída dun centro de Primaria/Secundaria, ou nun botellón, para comprobar que case todas e todos falan castelán.
     Os datos da RAG confirman un descenso de 40 puntos (do 60% ao 20%) de galego falantes nos últimos 12 anos (1992-2004). Creo que agora o resultado sería máis negativo para o galego.
     Se descende o número de galego falantes, supoño que aumentarán na mesma proporción os castelán falantes, a non ser que se queden mudos ou pasen ao inglés.

4. Que che parece que en Bruxelas algúns deputados nacionalistas teñan a menos expresarse na lingua de Cervantes? E esixan tradución simultánea?
     - Paréceme que non debo entrar en xuízos de intencións presupoñendo que teñen a menos expresarse en castelán. Porque tamén podería pensarse que teñen a igual expresarse na lingua de Rosalía, como facemos nós no blog.
     - Por que hai que pensar en clave negativa asignándolles aos outros retorcidas intencións?

     - Espero que a historia aclare algo:
. 1992. Cara Europea das linguas rexionais e minoritarias.
     Aprobouse polos Estados membros do Consello de Europa. Ratificouse polo Estado español no 2000.
     Pretende protexer e fomentar as numerosas linguas europeas que están desprotexidas, minorizadas (ecolingüística).
     A  Unión Europea ten actualmente 23 linguas oficiais, pero a realidade lingüística é máis complexa: 60 linguas rexionais e tres alfabetos.
     A incorporación de novas linguas á oficialidade foi e é un proceso longo de negociación política. Pasou de catro a 23 e o proceso segue aberto.
     O Goberno español vén solicitando que galego, catalán e éuscaro sexan declarados linguas oficiais: as que se poden usar nas Comisións e na Sesión plenaria do Parlamento Europeo.
     Para conseguir a oficialidade dunha lingua necesítase unanimidade do Consello da Unión Europea.
     España aínda non o conseguiu, pero si logrou que:
  • Calquera cidadán poida dirixirse en galego , catalán ou éuscaro ao Parlamento Europeo, que debe contestar no mesmo idioma.
  • No Consello de Ministros da Unión Europea e no Comité das Rexións se poidan falar as catro linguas oficiais de España.
     O Parlamento Europeo rexeitou hai pouco o dereito a que os pais elixan a lingua oficial para educar os seus fillos.
     Alabou tamén e aprobou o programa de inmersión lingüística en catalán para Cataluña.

Conclusión:
    - Se os deputados nacionalistas non usaron a lingua de Cervantes foi porque podían usar outra.
    - E se podían expresarse en galego e o fixeron, a tradución non se esixe, xa se pon en marcha por protocolo.
    Pareceríame penoso que o Goberno dun Estado consiga dereitos para as súas linguas oficiais e os deputados implicados non fixesen uso do dereito. En Europa hai que defender os intereses de España; e o plurilingüismo é interesante, é un ben. Ou non? Iso se defende na Carta Europea das Linguas...
    Pedir a oficialidade do galego non é unha utopía, porque hai linguas oficiais, como o gaélico e o maltés, con moi poucos falantes, que tamén teñen outra lingua.
    Acabo de oír o resultado dun estudo, que coloca o castelán como:
     - A segunda lingua materna, despois do chinés.
     - A terceira lingua de utilidade, despois do chinés e do inglés.
O castelán goza, pois, de moi boa saúde. E temos que felicitarnos porque tamén é a nosa.

Gustaríame rematar (de cabeza) con esta mensaxe positiva da Universidade de Vigo:
Quen sabe galego, sabe máis.
+ linguas = + coñecemento + cultura + civilización + liberdade.

                            Eduardo Seco.


    
    
    



    

sábado, 31 de octubre de 2009

MISCELÁNEA 1

Compañeiros todos: E fin de mes. Un menos e un mais. E Sábado pola tarde, O tempo segue atormentado .Polas noites non vai frío e polo día vai calor. Un saúdo para todos. Que a vida vos trate ben. Cumpro hoxe esta obriga porque mañá estaremos ocupados cos compromisos familiares propios destas datas.

O conto de Puertas é maxistral. Ánimo por todo e para todo.

Debo dicirlle ao amigo Fernando que quen me dera pertencer a súa parroquia, non para participar no canto, para o que non teño aptitude, senón para gozar desas celebracións. A medida que ía lendo e maxinaba aos do coro, remexidos entre os fregueses, interpretando polifonías contaxiábame da mesma emoción que ti nos describías. O fermento disolto na masa é o que fai medrar o pan e “mutatis mutandis”tamén fai crecer a participación da xente. Parabéns por esa experiencia pastoral. Ademais na terceira idade, na que andamos, teño amigos e coñecidos participando en corais. Algúns tamén os coñeces ti: Alfonso Fernández Barros está no coro parroquial de José Godoy ,en San Antonio e Manolo Pazos Riveiro, que ía uns cursos diante de nós, está no chamado coro sanitario do Hospital “Abente y Lago”no que a maioría son persoal de enfermería e médicos. Eu, que nin coa inestimable axuda de D. Moqueró fun capaz de pasar de 5º de Música, seríache de pouca utilidade a non ser que me encargases das cuestións administrativas e da intendencia.

Cando estabamos en 1º de Teoloxía, pasabamos a Semana Santa en Santiago, repartíannos aos que non eramos da “Escola Cantorum”polas parroquias e Centros de Culto da cidade. A Luciano Pena e a min correspondeunos ir a parroquia de Conxo. Os oficios eran en latín e o párroco quería que cantásemos a Misa de Kirie,me parece que era. Durante varios días, Castro Bahamonde que tiña a virtude da caridade cos compañeiros en grado sumo, como dicía Eduardo de Constantino Trillo,ensaiounos varias horas cada día. De tanto repetir considerou que o desafine xa era aceptable. O Xoves Santo, desde a tribuna ou coro, interpretamos os dous, con acompañamento dun señor no harmonio ,a referida misa con altofalantes. Pareceunos que eramos o dúo dinámico nunha Igrexa ateigada de xente. Ao rematar a cerimonia ,enchidos de satisfacción,pareceunos que o fixeramos moi ben, dixémoslle ao párroco que para o Sábado de Gloria podiamos interpretar outra distinta: A “Fons bonitatis”coido que era. A nosa sorpresa, recordas Luciano, foi que os tres concelebrantes dixéronnos todos ao unísono que lle désemos un repaso mais a ver se nos saía mellor. O noso estaba visto que non era a música.

Alégrame moito Fernando que a saúde te acompañe. Un amigo meu conta sempre o que lle pasou, sendo estudante en Santiago,cando foi a un baile nunha parroquia dos arredores. Sacou unha rapaza a bailar e díxolle que tiña uns ollos moi bonitos. A moza alporizada contestoulle que iso non tiña importancia ningunha. O mais importante era ter saúde.

O galego que escribides,tanto ti como Puertas, é tan bonito como os ollos da moza. Mirade eu tiven a oportunidade, por vivir nunha cidade con Escola de Idiomas, de diplomarme en galego pero a meirande parte de xente que escribiu en galego,os da xeración NOS, e aínda hoxe algúns escreben con moita liberdade. Anxel Fole, tamén seminarista en Lugo, escribiu un galego tal como escoitaba aos paisanos que trataba dos lugares polos que andou para gañarse a vida. Escribía fídago, faguían,,aldeia, iauga que era o que escoitaba polo Caurel ;non por iso se deixa de recoñecer a súa valía literaria. Así que complexos fora .Que Puertas siga coa gheada e o seseo propio dos camariñáns e Fernando co galego no que se entende cos da súa freguesía.

Na escola de idiomas en 4º curso,no 1981, tiñamos que pasar ao galego normativo varios libros. Naquel momento había tres normativas distintas. O criterio do profesor foi que cadaquén elixise, pero había que ser coherente coa escollida. Lémbrome que A esmorga de Blanco Amor tiven que, practicamente, reescribila.

-Por certo:O galego da de comer e para comer. Todas as compañeiras da 1º promoción de galego, case todas eran amas de casa,ao pouco tempo eran as que lle poñían voz a X.R.e demais personaxes no dobraxe daquelas series americanas .Algunhas seguen. A maioría están xubiladas. Con bo acerto formaran un grupo de adultos na E.O.I. e tiñamos a clase de 12 a 1 todos os días -.
Hoxe, se non é como exercicio de clase, a ninguén se lle ocorre pasar a obra de ningún autor a galego normativo. A non ser que pidas unha subvención . Se a conceden vai condicionada a que escribas conforme a normativa oficial.

O Luso – brasileiro, que nolo diga Eduardo, até hai poucos anos non tiña, como nós, unha academia que limpa, fixa e da esplendor. Segundo me ten contado Xosé Luis Axeitos,arquiveiro da Academia Galega, carecía dunha normativa unificadora e non sei se hoxe en día a ten.

A Eduardo estoulle moi agradecido por seguir dándome material para facer pequenos comentarios sobre o noso idioma. Ademais ilústranos e fainos tomar conciencia da noso sinal mais importante de identidade que é o idioma,cousa moio necesaria ,nos tempos que corren.


Pensaba escribir sobre o Samaín ou Halloween que lle chaman os americanos: No Cabo da Cruz, de rapaces faciamos cos melóns pequenos as “caliberas” que poñiamos nos cruces dos camiños para meter medo cunha vela acesa dentro. Durante a semana, se teño azos e xeito contareivos algunhas cousas. Este curso, hai 34 anos que estou no ensino, é a primeira vez que non teño que ir polas tardes así que pola metade da semana farei unha contribución fora de programa . Estas colaboracións a”d libitum” que nos comunican e irmandan ,animo a todos a que, se dispoñen de tempo, se sumen contándonos algo. Como lle digo eu aos rapaces é como poñerse a estudar que ata podes collerlle cariño e facelo con gusto. Por hoxe mais nada. Feliz día de todos os santos. Rafael

viernes, 30 de octubre de 2009

ÓS MEUS CONTOS

Non sei, se esta páxina é un monólogo de catro ou cinco ou,por contra,é que temos máis lectores que escribentes.De todolos xeitos,coma supoño somos moitos máis,asomade á patiña por embaixo dá porta.
Eu, entretanto,prosego cás miñas faltrucadas.

CATRO HORAS PÁ PENSALO




Estabase á construilo peirao dó Curbeiro i, á rampla dá dereita que mira cara ó Campo, apenas levaba posto unha fiada estreita de pedras laterais, que servían de base pó seu recheo posterior.



Pola tardiña,un grupo de catro ou cinco rapaces, estabamos pescando con liñas de cordel, rematadas cunha carta de tanza,mercada ná casa de Moncho de Bautista i, ós nosos cestos de vimba ,estaban cheos de panchos, xurelos, fanecas,maragotas… .



Á concentración era tal, que unicamente tiñámos ós ollos i ós sentidos postos nó mar i nos peixes que estaban á picar, nunha posición que máis parecía estar rezando devotamente i en silencio



Á correntada sorteaba fácilmente á única barreira de proteción que había nó porto i, aquél espigón feito cás pedras dó antigo Castelo, era un xoguete que a forza dó mar burlaba fácilmente ó seu antoxo i, que pouco apouco, ia derruíndo,como ó estaba á facer cós reinos que ós rapaces construiamos ná praia .



Aquelas aguas mesturadas arrastraban consigo moreas de residuos naturais desprendidos dó fondo que servían de alimento á toda clas de peixes.

Un dós crios pá desenganchar unha enorme maragota, levóuna colgada ná liña pá enriba dó Curbeiro i,de seguido, baixou correndo pá seguir pescando.Ó pasar á altura miña, rozóume lixeiramente i, alá, funme de fuciños direito pá auga.



Agarrotado polo peso dá roupa empapada, i polos zapatóns recien estreados que á concencia tíñame feito ó meu veciño Modesto, meus esforzos pá manterme á flote eran inútiles i, pouco á pouco, vinme sumerxido i sen alento nó medio daquélas augas turbulentas..

Ós amigos que alí estaban, empezaron á correr asuntados pás suas casas.

Ó Curbeiro,coma todo ó pobo, estaba ás escuras i ós farois “brilaban” pola sua ausencia.

Ó sol facía xá bo cacho que habíase deitado nó mar i, ós nubarróns dó Outono ennegrecian ainda máis,si cabe, aquéla tarde camariñana.



Quixo á casualidáde que á esas horas chegaban á terra Pepe Pardiñas i ó Madrileño, que regresaban de pescar.Vendo chorar á unha rapaza,preguntóulle Pepe:¿Qué che pasa Dorita, por qué choras?...”É que caío Toñito ó mar i afogóu..”.Non fixo falta máis nada....Sacándose ás grandes botas i ó impermeable que levaba posto, ó meu salvador-que en gloria estea- ,sen pensálo,lanzóuse coma un corborán, buscándome polo fondo ás apalpadas i, dando conmigo, arrastróume pá terra firme,mentras estaba a loitar enconadamente contra aquéla marusía que envolvíanos inexorablemente, levándonos mar adentro.



Eu non respondía á ninguha dás técnicas de rehabilitación, nin había en mín sinal algunha de vida Ó meu corpo estaba frío i branco, i ós ollos rebirados miraban pá ningures coma fan ós afogados . Naquéles intres eu era un déles.



Leváronme pá miña casa i metéronme ná cama, chorándo todos sen consolo i así, permanecín CATRO HORAS noutro mundo.

Ese interín, pá mín non fuy nada, xa que á miña actividade cerebral latente nó máis recóndito dó meu cerebro, formou unha nube espesa de infinitos cores, unca xamás vistos antes,que facían dó

arco da vella unha pobre caricatura en comparanza con aquéla divina visión, espertando en mín unha placidés tal,que ó meu subconscente sometéume á unha disiuntiva de quedarme así pá sempre ou voltar novamente ó mundo dós vivos.



Certamente, nunca xamás tíña experimentado nada igual i, era tal á felicidáde que me estaba á invadir,que non importaba nada en absoluto, permanecer pá sempre nó máis alá.

Ó torbelino formado por aquélas nubes brancas,desprendían unha especie de eco impercepctible, semellando á unha lonxana treboada que á miña mente dormente, concretizóu nunha frase: “TES CATRO HORAS PÁ PENSALO :OU QUEDAS PÁ SEMPRE… OU VOLVES COS TEUS ”.

I, ó que para mín, fuy unha decesión inmediata i unha resposta nún plis-plás, esas CATRO HORAS, foron unha angustiosa i interminable espera pá todos aquéles que estaban á rodearme.



A eternidáde non tíña tempo nin medida i,por iso,coma sempre está aí, decidín voltar i gozar dás miñas cousas i dá miña xente, que tamén eran experencias novas prá min.

¡Que á Eternidáde agarde,que xá virá ó seu momento!. Respondín.



Antonio Puertas

miércoles, 28 de octubre de 2009

Bueno,pos cós ánimos que me está á dar ó amigo Eduardo Seco,deixovos este contiño´có único fin de matalotempo.

Á DERRADEIRA GERRA.




De vespera, todos estaban concienzados dó momento crucial que estabase por aveciñar i,en consecuenza, en grupos de dous (mínimo), explorábamos leiras i pinales máis próximos á fin datopar á pola máis axeitada.

Outros, armados dantemán, pasaban horas i horas afilando finamente espadas i coitelos laborados por mestres adistrados en técnicas de combate, que seus antepasados lles tíñan trasmitido dantemán.



Estas contendas non eran novas. Nin siquera á Guerra dós Cén Anos, tíña comparanza nin en duración ni en fereza.

Ó entrenamento,era machacón i ós reflexos deberían estar á punto á fin de poder esquivar, nó seu momento preciso, ás habilidosas estoucadas opoñentes, cuia reconocida fama ,traspasaba ós marcos dás leiras veciñas.



A fronteira parecía tranquila i ó Río dó Prado baixaba, coma sempre normal, lixeiramente ondulado aquel día, pola forza dún vendavaliño que facia abanicar ambalasduas bandeiras ribais, imprimindo ricitos de cores sobre ás augas.



Pola nosa banda, contabámos có máis experto olleador i vixiante que xamás parío ó nóso lugar.Ó mesmo tempo, experto en interpretacións de AUJAS MOVIDAS,á quen bastáballe un simple golpe de vista , pá saberes ó que estabase á cociñar.

Aquéla imaxe plasmada nún rio aparentemente tranquilo,non deixaba lugar á dubida: Á DERRADEIRA GRAN GUERRA ENTRE Ó CAMPO I Ó RUEIRONOVO, terá lugar á partires dás déz en punto dó quinto día dás Calendas de Maio… –Ós hados i ós espantállos reflexádos nó fango pousado, berráron alto i claro.DIXI“.



Efectivamente así fuy.Cá mesma precisión dó reloxo suizo prometido por REIRA á cambio de figos, fóronse congregando ás millores espadas, núnha espesie de” ruedo estirado” i, có toque de “ zafarrancho total “, escomenzou á definitiva i derradeira grán batalla de Camariñas.



Eínda que,como todos sabedes,ás tropas dó CAMPO eran superiores en número ás dó RUEIRONOVO, por contra ,contabamos cun canciño-mascota, que apenas levantaba dó chán vinte centímetros,mal medidos.Ó rabo sempre ergueito (endexamáis víoselle antraspernas) que combatía en primeira fila, trincando ata onde chegaba que,rabo arriba ou rabo abaixo, case sempre era polo medio i medio dó corpo inimigo.

Entón,comprendín aquelo de que non fay falta ser grande pá chegar onde hai que chegar.

Se ós cáns son decendentes directos de lobos,por linea paterna, por moito que á sua especie dexerara, como era este caso, sempre conservan á valentía dós seus primates.



Ó verdadeiro heroe dá guerra dás espadas, en definitiva, fuy ó noso canciño.

¡ Qué Dios ó teña ná sua gloria.!



Antonio Puertas

ALGÚNS PREXUÍZOS SOBRE O USO DO GALEGO

     Está ben ser humilde, pero sen pasarse. Algúns piden perdón por usar castelán ou galego de "andar pola casa". Todos os rexistros dun idioma son válidos e enriquecedores.

     A lectura da entrada de Fernando (25/X) foime arrecadando formigas que me empezaron  a rubir desde as plantas dos pés, avanzaron polo lombo e concentráronse nas cuncas dos ollos para facerme cóxegas.  Pódese pedir máis a unha narración? Fernando e Rafael alteraron o calendario semanal e transformaron un luns neboento en sábado de gloria. As notas psicoantropolóxicas e etnográficas de Antonio potenciaron as vibracións positivas.

     Sabia estratexia fertilizar con corcheas as raíces para que  a seiva nutra, vivifique,  tronco e follas da árbore parroquial de Arnois. Coñecín  un cura que se empeñaba en que participásemos todos nos cantos. Entoaba mal e medía peor: era imposible seguilo.
     Celebro a evolución positiva da enfermidade de Fernando. Lin un libro que recolle a experiencia e reflexión dunha muller enferma. É a crónica dunha estremeña que se abrazou a Galicia e ao galego, "de sinceridade asombrosa, escrita desde a coraxe de quen sabe que unha doenza non muda a personalidade de ninguén, senón que resalta os trazos característicos de cadaquén". Título:
Diario da luz e a sombra. Mª. Victoria Moreno. Edicións Xerais. 2004.

     Cando fun apoiar a candidatura de Tino Trillo para a rúa da Coruña, lin comentarios sobre falcatruadas que tivo que sufrir ao final, posiblemente máis dolorosas cá propia enfermidade. É indiscreción pedir que alguén aclare isto, se o sabe?

      Non esquecín o título; dicía que os prexuízos sobre o uso do galego tiñan orixe histórica, froito da diglosia que vivía o galego. Actualmente, a situación diglósica (lingua A/lingua B) está cambiando a un proceso de substitución do galego polo castelán.
     Se se eliminasen estes prexuízos, considerariamos o galego como unha lingua normalizada, válida para calquera uso. Recollo e actualizo ideas dunha campaña de normalización lingüística deseñada hai anos por Agustín Fernández Paz para Vigo.

Prexuízos e comentarios
    
1. Coa clase de galego xa abonda para que os/as alumnos/as o aprendan.
     É certo que o estudo dunha lingua axuda a adquirir competencia lingüística. Pero tamén é certo que unha boa competencia só se adquire cando se utiliza en moi diferentes contextos. É dicir, cando se escoita, se fala, se le e se escribe nela, non só na clase de galego, senón para expresarse e comunicarse cos demais.
Isto significa que se debe transcender a clase de galego e utilizar este como lingua vehicular noutras materias e noutras situacións de comunicación.

2. Ao teren clase en dúas linguas, os/as alumnos/as non falan ben ningunha delas.
     Cando se falan dúas linguas aparecen interferencias lingüísticas. Aquí son frecuentes as contaminacións do galego no castelán e do castelán no galego. Pero máis ca lamentar, procede corrixilas, porque usar dúas linguas supón moitas vantaxes.

3. Só se lles debe ensinar o castelán, que lles vai ser útil para a vida e para cando saian fóra.
     Se pensamos así, partimos da crenza equivocada de que só é posible a competencia nunha lingua.
É posible a competencia en dúas ou máis linguas. Aprender galego non se opón a aprender castelán ou outras linguas. Pero o galego é a máis clara manifestación da nosa identidade como pobo e un aspecto esencial da nosa presenza no mundo.

4. Non se pode perder o tempo co galego, hai que ensinar outras materias máis importantes.
     Sabemos que a lingua está presente en todas as operacions mentais, e que hai unha forte correlación entre competencia en lingua e rendemento nas outras áreas. Cando se imparte Matemáticas en galego, estase aprendendo Matemáticas e mellorando a competencia lingüística. Non hai oposición entre unha e outra.

5. Non se pode dar clase de galego porque os/as alumnos/as son castelán-falantes.
     O galego está moi presente entre o alumnado, que ten un coñecemento básico, cando menos en comprensión.
Tamén é certo que moitos alumnos/as preceden de familias co castelán como lingua vehicular. Isto é un problema que se pode resolver con tratamento pedagóxico axeitado, tratamento que deberá pasar polo uso do galego como lingua vehicular, para que teñan competencia nas dúas linguas oficiais.
As vantaxes de medrar en dúas, ou máis, linguas son evidentes.
Por que frear o galego, que non nega nin impide o castelán? Uns queremos sumar, outros empéñanse en restar.
Estes prexuízos están enfocados  ao ensino, pero son extrapolables á sociedade. Por experiencia sei que os/as alumnos/as non teñen ningunha prevención contra o galego, e ata se motivan ao comprobar os seus progresos. O problema está nos prexuízos dalgunhas nais e pais, poucos, que llos queren deixar en herdanza aos seus retoños.  Son moi poucos, pero os medios de comunicación, e outros, magnifícanos  e convértenos en moitedume (aparente), como Galicia Bilingüe, que significa Galicia monolingüe en castelán.  

6. O galego é unha lingua sen futuro, só  válida para falar na casa e cos animais     O outro día falaba da importancia de cada lingua, independente do número de falantes. Non dixen que o galego pode conectar perfectamente coa extensa área lusofónica, con millóns de falantes, na mesma  península Ibérica, en África e en América do Sur. O luns en Foro aberto (TVG) entendíanse perfectamente portugueses e galegos nas linguas respectivas. Isto ten consecuencias positivas tamén para a economía.
Os Xogos Olímpicos de Río darán argumento para lembrar que o portugués, coas súas variantes continentais, naceu do galego que se falaba na Gallaecia. Por que se separaron? Porque o galego quedou lastrado pola política dos Reis Católicos e seguintes (Séculos escuros), e a corte de Lisboa permitiu a evolución natural do idioma ata impoñelo nas terras conquistadas. A nosa formación académica ignorou sistematicamente estas posibilidades dun galego maltratado. Podemos facer algo por cambiar?

                                 Eduardo Seco.