O prometido é débeda. Así que chegado o momento,metade da semana, hai que cumprir. Contarvos unhas cantas cousas seguramente sabidas. “Nihil novum sub sole” que dicían os clásicos.
Samaín en gaélico,fai referencia a el o amigo Eduardo, parece que significa fin do verán ou principio de inverno. Comprende a noite do 31 de Outubro ao 1 de Novembro. O gaélico e unha das linguas oficiais da Unión Europea pese a que habitualmente,s egundo o censo de 1996 ,non chegan a 100.000 os que habitualmente o falan. Enténdeno o 40 % dos 4 millóns e algo de irlandeses. Nese aspecto aquí andamos algo mellor de falantes habituais de galego. Cando se pregunta se o entenden é raro que xente nada en Galicia diga que non o entende. Os de fora que levan aquí anos non o falan se non fixeron nada por aprendelo. Din que o entenden a non ser que queiran tocar o carallo. Despois da lección de hermenéutica sobre o vocablo que nos dou Eduardo non hai nada que obxectar.
(Teño uns coñecidos andaluces. Ela é mestra. Fala moi ben o galego. O marido leva aquí 35 anos. Fala o andaluz sen disimulo algún. Dígolle a ela: Que raro¡ Ti que ben falas e o teu home nada¡.E problema do disco duro, Rafa. Dimo sinalando co índice cara a testa. Se o disco o bloqueas non grava e xa podes vivir en Galicia mil anos.)
Volvendo ao rego este ano coincidiu o fin do verán co Samaín. Tivemos un Outubro que algúns días parecía o mes de Agosto. Ao mediodía vías xente en Riazor poñéndose ao sol. Algo impropio da época. O cambio climático non é un conto.
Para saber do Samaín hai que visitar Cedeira onde o celebran por todo o alto. Rafael López Loureiro, colega noso, mestre de primaria,leva anos investigando sobre unha tradición dos nosos antepasados celtas que estivo a punto de esquecerse e perderse.
Con unha paciencia de amanuense,contaxiando a moitos do seu entusiasmo, documentou este costume a punto de desaparecer. Parece que esa noite, máxica como a do San Xoán, era a noite en que se abrían as portas do outro mundo e viñan as ánimas dos defuntos,ás veces para arranxar contas cos vivos.
E unha tradición que hai tres mil anos celebraban os pobos celtas de Europa. Os americanos incorporárona a través da emigración Irlanda que, ao non ser conquistado por Roma, mantivo unhas orixes mais puras.
Este mestre hai pouco comprobou como esta tradición sobrevive nas poboacións de fala galega da provincia de León e Zamora. Tiña distintos nomes:calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense...etc.
Para orientar aos defuntos que volvían esa noite deixábanlle, no cruce doa camiños, caliveras de melón cunha vela dentro para que non se perdesen e puidesen chegar ao seu destino. Outra explicación é que eran os cranios dos inimigos mortos en batalla.
Lembro de rapas, como xa vos dixen, de facer esas caveiras. Os melóns eran un ben apreciado e escaso. Usábanse para o engorde dos porcos desde o mes de Setembro ata matanza no Nadal. Colocábanse nos tellados dos cortellos para que se airearan e conservasen. Os moi pequeniños eran os que nos deixaban usar para facer as caveiras. O día de santos que pola tarde ía moita xente ao campo santo era cando se poñían no cruce dos camiños. Había que coller na casa, sen permiso, uns cachiños da vela do Xoves Santo para poñerlle dentro e alumease ensinando dentes e ollos. A xente facíase a asustadiza e ríase da gracia que lles causaba. Era unha diversión moi esperada pola rapazada. Ao marchar para Santiago acabouse esa diversión. E curioso como se recuperou esa tradición e se celebra en cantidade de colexios e vilas por toda Galicia. Os americanos soubérona exportar e véndense disfraces como no entroido Se queredes saber mais está inzada a rede con información sobre sobre está festa de orixe celta. Para hoxe xa está ben. Agora unhas notas bravas para fomentar a participación.
A Fernando que nos conte se é certo que o rural morre, so quedan vellos e os meniños son algo exótico ou non é para tanto. As pirámides de poboación de Galicia xa non se poden chamar así. Teñen forma de vasilla.
A Luciano dicirlle que a preguiza é un pecado capital e que ten un antídoto que se chamaba a dilixencia. Así que a mercar unha pouca. Tómala ao almorzo e pola tarde, se non tes que ir ao Concello, xa te podes poñer no computador e contarnos algo .Ides poder mercar o turrón para o Nadal ou as arcas municipais andan tan mal que non hai cartos para pagar aos chupatintas? Se as contas van mal agora o socorro roxo acabouse así que a chorar a Cangas. Non te sintas coaccionado que xa sabes que o meu aprecio non o perdes nin ti nin ninguén. Escribe o que quere e do que quere.
Finalizo cun recordo para D. Francisco Ayala. Apóstolo laico da democracia e da liberdade. No 36 matáronlle ao pai e a un irmán e prendéranlle a outros dous. En Febreiro do 39 marchou para América a formar parte da multitude do exilio. Fixo como Isaac Díaz Pardo. Nunca gardou unha migalla de odio para ninguén. A historia debe coñecerse para non repetirse. Mente e corpo privilexiado. Xa cumprira os 103 anos. Vivirá na memoria colectiva para sempre. Deica a próxima. Rafael
No hay comentarios:
Publicar un comentario