Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

viernes, 6 de noviembre de 2009

MACEDONIA DE FROITAS DE TEMPADA. 1

     Esta receita gastronómica ten como ingredientes froitas serodias que resisten as chuvias do outono nas árbores da horta informativa. Non contén glucosa nin conservantes.

1. Todos os Santos
     A efeméride Santos/Defuntos resulta curiosa para os que xogamos con cabazos ou calacús, convertidos en caveiras iluminadas cun cabo de vela acesa. Eran lembranzas perdidas nun recuncho da memoria que volven da man de Hallowe´en e Samaín. Parece unha proba de que ignoramos o noso e nos deixamos colonizar facilmente pola cultura anglosaxona, que aceptamos como signo de modernidade.

     O libro El paneta americano, de Vicente Verdú (Anagrama. 1996) afirma que aceptamos a totalidade norteamericana como un lote completo. Non só aceptamos os modos de vida, senón o contido da vida: non só a maneira de divertirse, senón a diversión; non  só un refrán, senón a lingua; non só a receita, senón a comida. Todo, o espirito familiar; as formas de mercar, de amar, de vestirse e de cear; os plans de estudo e  xubilación; e ata as seitas son de natureza norteamericana.
Non só mercamos calacús de plástico con luces de pila, senón que se vive doutro xeito: disfraces, festas, consumo, negocio económico...

     Quizais sexa esaxerado o culto aos mortos. Creo que san Bernaldo, abade, dicía que o culto aos defuntos:
- Non era para favorecelos, senón para sacaren proveito os vivos: misas, funerais, ataúdes, flores, seguros...
- Era unha esixencia social para causar boa impresión á comunidade.
A min sóame un pouco a:
- Política de recomendación, innecesaria porque Deus é sumamante xusto.
- A capitalismo, porque os máis ricos poden investir máis en salvación ou en prestixio social.
Pero isto choca coa comuñón dos santos e co corpo místico. Alguén quere opinar?

2. Premio Xaón Manuel Pintos
     O Concello de Pontevedra vén deconceder o premio Xoán Manuel Pintos, por destacaren na defensa da lingua a:
- Romaxe de crentes galegos. Irimia.
-O Rei Centolo. Empresa de camisetas con retranca galega.
 Irimia pretende introducir o galego na liturxia; segundo a presidenta, con moi pouco éxito. Eles fan o que poden pero quizais necesitan máis colaboración.
 O Rei Centolo demostra que o galego tamén vende e produce riqueza, con tendas en toda España e algunhas en Europa.

3. Toponimia outra vez 
     Volven as pantasmas de finais dos 70. Nos primeiros anos da democracia, a Comisión de Toponimia (CT), formada por especialistas  da Universidade, do Instituto da Lingua e da Real Academia Galega, foi recuperando os topónimos, castelanizados brutalmente durante a ditadura.
A CT defendeu a forma A Coruña.
Artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística (1983):
                    "Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega".
O Concello segue usando La Coruña. A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia o feito ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que dita que o topónimo oficial da cidade é A Coruña.
O Concello recorre a sentenza. O Tribunal Supremo confirma o fallo do TSXG: A Coruña.
O Concello segue utilizando La Coruña. No 2004 preténdese rebautizar a cidade como La Coruña e A Coruña, apoiándose na Lei das grandes cidades.
A Xustiza revoga, de novo, o resultado do pleno municipal, denunciado pola Consellaría de Xustiza.
Maio de 2009. O recén elixido presidente da Xunta di estar disposto a estudar o tema do topónimo.
A Coruña xa ten tres sentenzas xudiciais ao seu favor. Non é presunta, é convicta.
Unión Coruñesa vai pedir sinaturas para recuperar o L de Liberdadde.
Espero que non cunda o exemplo e:
- Os de A Estrada non reivindiquen La Carretera.
- Os de O Carballiño, El Roblecito.
- Os de Niñodaguia, Niño de la Guía.
- Os de Boimorto non reclamen Toro Fallecido.
A min paréceme un L de Labazada ao idioma, aos especialistas e á Xustiza.

4. Sor Verónica e o milagre
Sorprendeume a reportaxe (El Paáis semanal. 1-XI-09) sobre o furacán de Lerma e Aguilera (Burgos).
A obra de sor Verónica, definida como un milagre, e apoiada polo Vaticano, mimada polos monseñores, financiada polos poderosos e encirrada, enxalzada, polos movementos neoconservadores.
Son clarisas pero opostas aos outros conventos de clausura. Son todas militantes de grupos neocón, de tanto predicamento en certos ambientes eclesásticos, e son monxas contemplativas.  
Aparecen mencionados Rouco Varela, Romero Pose (RIP), e Alonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo.
Seguro que vai dar moito que falar e que alguén de vós ten máis información.

   Deixo na neveira algún ingrediente para que non resulte sobremesa indixesta. Recuperareinos se non collen mofo.
                     Eduardo Seco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario