Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 15 de abril de 2012


Hoxe puxeches o dedo na chaga, Rafael. Empresas que se abren con catro chicas, quebran e logo, os seus responsables, decláranse insolventes e aí morre o conto.
Outro galo cantaría pa mellorala nosa economía ,se, como ben dis, se cambiaran as regras do xogo, en estas cuestións.
Parabéns, amigo.

Agora, déxovos un contiño, pa que con decaian os ánimos


O SANCRISTÁN

Os que estiveches a ler algún dos meus relatos, sabedes que, durante un tempo da miña infancia, estivera de acólito,  sendo  cura don Ramón, cando Camariñas pertencía  a dioceses de Mondoñedo; e, logo, un par de anos mais, con Don  Xosé, que xa era  un cura mais adiantado pa aquelas épocas e que dependía de Santiago.

Os acólitos, toda a vida, tiveron  fama de ser un pouco trasnos e pillabáns, inda que eu, sinceramente, non creo encaixara dentro daquel  “sambenito” que levabamos colgado. Máis ben, penso , era un rapaz boíño, ou polo menos, así me tiñan  en consideración ás xentes.
Habería moitas cousas que contar daqueles tempos vividos ó pe da nosa igrexa, e moitas anécdotas que  recordar,  sempre con nostalxia e agarimo, outras, pola contra, duras e impropias de ser vividas, que é preferible esquecer.

A falta de  hixiene, a alimentación inadecuada e a carencia de medicamentos,  eran o caldo de cultivo axeitado pa que tivera lugar  unha grande mortaldade infantil,

Alí arrimaban correndo os aflixidos pais co neno moribundo, pedíndolle o cura que fixera algo pola criatura, e o pobre de Don Ramón, tomándome a  min como padriño, e único testiño do acto, derramaba aquela auga santa pola testa do anxiño, a quen os presentes, víamos como voaba directo po Paraíso. Foron tantos os que pasaron por aquela pía bautismal, que nin eu mesmo sabería dicir nin o número, nin de quen  eran fillos (agora comprendo o por que non afoguei aquel día de inverno no Curbeiro…)

A pesares de tanta mortaldade, as familias amoreaban nenos e mais nenos, e, os que menos, contaban xa con unha ducia de  fillos por “banda” …(a falta de televisión e as palilladas nocturnas, facían “ majas “…e non só puntillas…),
Os rapaceiros abarrotaban as nosas rúas, e a súa ledicia buliciosa, semellaba manadas de berrotes comendo no centeo.

Todos eles remataban sempre xogando a pelota no Adro da nosa Igrexa, e, precisamente alí, estaba  o único e non repetible Señor Mariano, o sacristán por excelencia, pa impoñer orde e respecto dentro do que el boamente podía.

O home andaba tan esgotado, non so polo traballo de escorrentar aqueles demos do interior do templo, si non que, tamén, polo esforzo que supoñía ó estar sempre colgado dos badalos, anunciando  misas, enterros, funerais, procesións, festas e desgracias habidas e por haber… mais, sobre todo e a diario, anunciando mortes e enterros de neniños. Sen apenas  tempo de baixar , xa o estaban a chamar da súa casa, pa que fora o monte a por un carro de estrume. O meu xefe foi un santo  mártir sen gloria  nin beneficio, e, por elo, quero deixar hoxe constancia e recoñecemento público debido  neste Libro.

Nas escolas de Don Evaristo e de Don Cándido, inculcábamos ós rapaces o respecto e a boa educación ,e, a recoñecer SEMPRE a autoridade de quen ía cos pantalóns postos, abotoados ou non - impensable nas mulleres que sempre estaban a levar o saio- .O home, pos,  era o patriarca indiscutible a quen todos obedecían sen rosmar, inda que de portas pa dentro, a realidade era moi distinta… chovían zapatazos e os rabos das escobas voaban por riba das portas, sorteando aos adormentados gatos pousados nelas, que, coa costume, xa non se inmutaban ante  aqueles litixios matrimoniais.

Eu, como axudante do Sr Mariano, facía de comodín, e, tamén a min me desbordaba a labor.O que máis me estaba a gustar, non era axudar na misa, nin levar a cruz nos enterros, nin empinar da botella do cura ás agachadas,…non,…o que mais me amolaba de verdade, era escalar ó campanario e repenicar as campás.
Logrei tal destreza que ninguén me amolaba  interpretando a “Raspita” ó mover sincronicamente as mans, mentres  acompasaba co martele harmonioso dos badalos, e, dese xeito, facía bailar ás xentes ó escoitar tan apegadiza sintonía.  Aquelo, case me costa o posto, debido ás queixas das beatas ante o cura,,que, pa reparar tamaña ofensa, facían a sinal da cruz, mentres dicían: ”o que hai que ver e oír nestes tempos modernos...Estes rapaces son o demo…”  

Os nenos, sempre foran máis medrosos que as rapazas, á hora de gabear por aquelas caracoleadas escuras escaleiras, e, para vencer o “pavor”  á escuridade, estabamos a requirir a compaña  dalgunha  rapaza amiga, que,  sempre, a mandabamos por diante, nos momentos de subir…e, logo, pa baixar,íamos nos primeiro. Así, d´ese xeito, axudabamos a votarlle unha man, moi “amablemente”…cando fixera falta, tal como habiamos aprendido na escola.

A pesar de toda a nosa “ boa idea” algún aqueloutro rolo pola costa abaixo, tivo lugar naquel campanario.

Antonio Puertas












3 comentarios:

  1. Refírese o compañeiro Puertas ao que publica, na sección de opinión, hoxe a Voz de Galicia.De vez en cando mándolle algunha carta que,con moita amabilidade e sin mutilalas,publican.Di así:

    REFORMA EMPRESARIAL

    ¿Cantos anos levamos falando e facendo reformas laborais?.Esta última, a mais agresiva destruíndo dereitos dos traballadores, din os que a defenden que de momento valerá para perder mais de medio millón de postos de traballo e cando a economía medre empezará a valer para crear emprego.Do que se deduce que non é xusta nin necasaria.
    Hai uns días fomos sabedores da conversa sostida por un socio do famoso empresario Dorribo cun asesor fiscal:“La madre que me parió vaya elemento”.Non entendía,a vista das contas, como unha empresa de farmacia tiña vinte coches de luxo,barcos e avións e non tiña intervido a Facenda, a Garda Civil ou a Cia. Toda unha xoia do despropósito. Debería utilizarse como caso práctico na Facultade de Dirección e Administración de Empresas.
    A vista do que pasou co até hai pouco Presidente da CEOE señor Díaz Ferrán a quen lle embargaron todos os bens encontrando unha conta con seiscentos Euros soamente e a vista do que aconteceu coas empresas de Ruiz Mateos e coas Caixas de Aforros ¿non será mais urxente ca reforma laboral unha reforma empresarial da que ninguén fala nin fai?

    ResponderEliminar
  2. Se queredes tamén coñecer a conversación que mantén o asesor fiscal co socio do antiempresario Dorribo poñede en google:«¡La madre que me parió, vaya elemento!» e veredes que non ten desperdicio.Rafael

    ResponderEliminar