Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 16 de mayo de 2010

Antonio Puertas: Unha equivocada conclusión. (Andres GV)

Meus ben queridos amigos todos: acabo de ler esta liña nun texto aportado (nunca mellor dito, pois supoño que aportare debe ser un verbo relacionado con porta: levar algo á porta), digo que "aportado" por "Puertas": De proseguir con estas polémicas, deixarei definitivamente de entrar en esta páxina.

Antonio, a min Garzón non é que me traia sen coidado; e as leis educativas e os proxectos sobre o galego tamén forman parte dos meus intereses e non soamente profesionais; a lei da memoria histórica e a rehabilitación de nomes e persoas son cousas das que falo cos meus compañeiros e no seo da miña familia. Aconsélloche que fagas coma min, se queres. Eu, estando interesado coma ti nestes asuntos, non "entro", porque non quero entrar, enténdeme ben, en réplicas ou contrarréplicas de matizacións, nin fago "apostolado" das miñas posicións ideolóxicas, socio-políticas, nin tampouco fago campañas reclamando adhesións para unha causa ou outra. Ti fai o que che pete. Discute, se o necesitas. O que si che pido é que non deixes de aportarnos os teus refrescantes poemas, algúns deles ben cargados de morriñas e saudades, moi na liña popular e tradicional do costumismo e enchoupados en orvallos de emotividade.
Eu vexo que tanto Rafa como Eduardo viven cadanseu compromiso cívico e expóñeno con liberdade neste "mural" seminarístico, preocupados por darnos información e sensibilizarnos sobre determinadas causas. Non me queda máis remedio que admiralos e estou desexando ter unha feliz xubilación, coma eles, para desenvolver as miñas afeccións e compartirlas con quen o estea disposto a facer. Eles non che piden que discutas con eles. Ti tes tamén a páxina á túa disposición, para expresar os teus pensamentos. O que todos debemos evitar é facer das ideas unha cuestión persoal. Teñamos moito coidado en non transferir ás persoas os desencontros ou distancias das nosas ideas.
A Rafa e Eduardo, xa que aludín a eles, tamén lles rogaría, ser menos monotemáticos. Pïdollelo coa confianza do amigo e, tamén, como estratexia pedagóxica que anime a participación dos compañeiros no blog. Se polarizamos excesivamente os temas, é posible, que sen pretendelo, desanimemos de escribir ao que quere compartir recordos, invitar a unha festa, ou contar un chiste. Aquí non caben censuras e sentiríame mal comprendido e tamén ofendido se alguén interpreta esta intervención miña como advertencia sobre os contidos. Nada diso, todo o contrario. Remítome ao perfil co que naceu esta páxina aberta.
E xa me vou deste xardín no que me metín a conta da que considero unha equivocada conclusión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario