Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

sábado, 8 de mayo de 2010

MACEDONIA VII

   Hoxe sirvo outra macedonia ecolóxica para coidar a saúde. Dicía Sancho que "a saúde do corpo radica na oficina do estómago". Ao mellor, a saúde mental pasa pola mesma oficina e pódese evitar o bourn-out ou infarto da alma.

Concertazo
   Este maratoniano concerto foi organizado o 17 de abril en Pontevedra para defender o galego do decretazo que se aveciña. Grupos e solistas actuaron gratis durante seis horas. Hai conciencia de país. Había xente de todas as idades.

Sanidade pública
   Houbo tamén aquí unha manifestación masiva contra a privatización da sanidade pública, convocada por unha plataforma multisectorial que representa a Pontevedra e concellos limítrofes.
Hóubose que mollar, no preciso instante de iniciar a marcha caeu un chaparrón con vento; pero ninguén se retirou.
   Os resultados desastrosos da privatización do sistema público de saúde xa se ven no Reino Unido, en Valencia e en Madrid.

El hereje
   Lin El hereje, de Miguel Delibes, por recomendación de Andrés e Rafael. Unha sólida novela que retrata o Valladolid da época de Carlos V, das súas xentes, costumes e paisaxes. Unha historia ben tramada con doses de erotismo, debate catolicismo-luteranismo (igrexa romana-igrexa apostólica) e a actuación arrepiante da Inquisición (négome a usar o autocalificativo de Santa) cos seus autos de fe.
   Esta novela histórica é un canto apaixoado á tolerancia e á liberdade de conciencia; un tratado sobre as paixóns humanas e os resortes que as moven.
   "A relixión é o rincón máis íntimo da alma. Obra en conciencia e non te preocupes do demais. Con esta medida seremos xulgados". Dille Ignacio Salcedo ao seu sobriño Cipriano, encausado pola Inquisición.
   Por casualidade souben que Valladolid organiza A ruta do herexe, que comprende, entre outros, Valladolid, Burgos, Santander, Segovia, Simancas, Tordesillas, Toro e Zamora, lugares nos que se desenvolve a acción.

El camino
   Aproveitando o paso do Pisuerga por..., lin tamén El camino, publicada en 1950. Delibes fai unha penetrante e fina análise da psicoloxía infantil de nenos rurais ata os 11 anos.
   "Fillos, en realidade, todos temos un camiño marcado na vida", dicía don Xosé, o cura, que era un gran santo. O protagonista, Daniel, el Mochuelo, pensaba que renegaba do seu camiño porque seu pai quería que o fillo progresase, estudando na cidade e abandonando amigos e o seu querido val.

Encrucillada
   O número 167 desta revista de pensamento cristián contén tres artigos sobre o aborto, desde a perspectiva médica, cristíá, xurídica e ética. E outras achegas sobre o tema.
Rubén Aramburu, crego, dálle leña ao mono no artigo Annus sacerdotalis... horribilis? Como toca dieta curativa, non comento esta Rolda de Igrexa, pero está moi próximo a ideas que circularon por este nanoblog.

Non roubes, que te ven
   Este era o lema dunha pegatina, cunha imaxe dun cura con sotana escapando de noite cun carballo ao lombo. Naceu co conflito xurídico entre o bispado de Santiago e os veciños de San Xurxo de Sacos (Cotobade), pola titularidade da folclórica carballeira de San Xusto.
   En Ribadulla (Santiso), na ribeira do encoro de Portodemouros, parece repetirse a historia. Veciños e bispado de Lugo reclaman a propiedade do campo da festa.
   O neobispo Carrasco Rouco ten denunciados nominalmente a máis de 50 parroquiáns.
   Desde o inicio do conflito xa morreron dous curas: segundo os veciños, polo disgusto de se teren que enfrontar aos fregueses.
   Suprimiuse a misa: segundo o bispado, porque "o cura lle tiña medo ás ovellas"; segundo don Xosé, o cura, porque cumpría ordes superiores.
   En San Xurxo de Sacos o bispado recorreu ata o Tribunal Supremo e perdeu estrepitosamente, con pagamento tamén das costas.
   Esperemos que en Ribadulla, preto de Dombodán, non se actualize o recordatorio do sétimo mandamento.

Día das Letras Galegas: O galego, o noso existir.
  Co gallo desta celebración cultural e reivindicativa, o 17 de maio haberá unha manifestación na Alameda de Santiago ás 12 da mañá.
   Desde Pontevedra haberá autobuses a Compostela. Desde outras vilas e cidades supoño que tamén. Para máis información, ver http://www.queremosgalego.org/
Poderase asinar a Iniciativa Lexislativa Popular nas mesas informativas que haberá por todo o país ata o vindeiro mes de xuño.
   Ante o retroceso que vive a  lingua galega e o discurso agresivo e fóbico que se verte sobre ela desde certos ámbitos, esta iniciativa (ILP) pretende elaborar unha lei que blinde e garanta os nosos dereitos lingüísticos contra calquera desprotección en ámbitos como as Administracións públicas e o ensino, de acordo co Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística, o Plan xeral de  Normalización da Lingua Galega e a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

         Saúde. Eduardo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario