Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 2 de mayo de 2010

O MAIO

Queridos amigos:Aí ven o maio...Petou á porta. Dóuselle permiso. Pasou e xa está dentro. Terémolo con nós o tempo que dure. Se trae bo tempo será breve . Se ven malo será mais longo ca un día sen pan.

Ten un poema o precursor Curros Enríquez, no seu libriño de poemas titulado:”Aires da Terra “.Doulle moita sona Luis Emilio Battallán:
Ahí ven o maio
de frores cuberto ...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo galego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno! ...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan os meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

O LP que no 1975 sacou con esta canción, da que tomaba o nome, foi unha xoia de coleccionistas. Fixéranse como uns cincocentos e os que o conservamos témolo como un tesouro envexado polos melómanos. Hai dous ou tres anos, este médico que me parece que anda por Moraña, volveu a canción para reeditar:”Quen puidera namorala”poema de Álvaro Cunqueiro que tamén aparecía no único disco aludido que tiña ata o 2007. Recordaredes que aparece incorporado como banda sonora da película “Pradolongo”.

O poema de Curros é da época en que se escribe o “Catecismo do labrego” co seudónimo de Frei Marcos da Portela que era Valentín Lamas Carvajal. O século XIX, na historia de Galicia e de España, foron uns anos apaixonados e apaixonantes,cunhas loitas ideolóxicas, tremendas e cunha vida sociopolítica moi tensada de palabra e obra. Hoxe queixámonos pero as loitas ideolóxicas son dialécticas, verbalmente e por escrito pouco respectuosas , pero logo na vida real tratámonos de vostede e con un respecto no século XIX inexistente. Quen sabe moito e pasa por ser, no mundo académico, un dos mellores especialistas dese século é o admirado profesor Xosé Ramón Barreiro. Eu escoiteille algunhas conferencias ou prédicas como chama el e pasa o tempo sen decatarte.

Volvendo a Curros, autor do poema copiado e musicado, se queredes pasar unha hora entretida poñede en google: O proceso penal a Manuel Curros Enriquez (1880 -1881) e accederedes a un texto, publicado polo Consello da Cultura Galega e o Colexio de Avogados de Ourense, no que se recolle o contexto social e de loitas ideolóxicas nas que o bispado de Ourense toma partido activo e denuncia ante o Xulgado a Curros. Consegue que o condenen en primeira instancia e se incauten da súa obra que obtivera un gran éxito. Aparecen os alegados de defensa tanto en Ourense como na Audiencia Territorial de Galicia, con sede na Coruña que o absolve. Son uns textos xurídicos sen moitos tecnicismos e que se len con gusto. Tanto en Ourense como na Coruña ten unhas defensas espléndidas. Avogados con esa cultura clásica, incluso bíblica que manexan tan ben as regras dos siloxismos e o latín hoxe en dia xa poucos quedan. Na Coruña deféndeo o avogado celanovés Luciano Puga, pai de Manuel María Puga e Parga, moi coñecido por selo autor do libro de cociña, famoso Picadillo. Veredes como vos gustará lelos nunha tarde ou mañá que dispoñades dunha hora sen presas. Condénano porque os versos de Aires da miña terra contiñan aldraxes e burlas a Deus e ó Papa. Detrás como moitas veces hai un mundo de envexas e vinganzas. Miserias humanas. Rezaba así a denuncia:"Contiene dicho libro proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas y algunas que merecen otra censura"

E xa que vai de citas, se tamén queredes ler un bonito artigo, que hai dous anos publicou Manolo Rivas, poñendo tamén en google. Curros, Rouco e a nova Inquisición encontrarédelo sen que perdese actualidade o que daquela escribiu.
Onte puxeron na TVE a película “Las 13 rosas”.Agora. como non hai publicidade é unha gozada ver cine. Teño apuntado no caderno de peto o libro do periodista Carlos López Fonseca, titulado.” Trece Rosas Rojas” que con rigor histórico (Está en Temas de Hoy 2004) describe ese triste, como outros, episodio do que o ano pasado se falou moito porque a primeiros de Agosto cumpríase o 70 aniversario. A película é didáctica e pedagóxica. Produce anticorpos suficientes para sentirnos orgullosos, coas súas imperfeccións que as ten, de vivir baixo un réxime político democrático e odiar o fascismo e as ditaduras “in sécula seculorum.”Xa o amigo Eduardo algo nos ten deixado sobre este desgraciado aniversario das trece rosas.

En relación ao comentario que fai Andrés L sempre é de agradecer encontrar quen comparte algúns dos teus pensamentos .Ao ser uns acontecementos tan tristes, todos quereriamos que non existisen nunca. As razóns polas que todo o relacionado coa memoria se denigrou tanto, despois dun esquecemento voluntario en aras dunha convivencia pacífica son múltiples e algunha podería ser a que apuntas. De todos modos os mortos hai que darlles un lugar digno e as súas familias teñen que ser dignificadas. Tanta sensibilidade que temos,con razón, para as vítimas do terrorismo e estas non son menos dignas. Paréceme que todos nos imos humanizando e por iso me parece que están agromando uns novos tempos. Por hoxe mais nada. Que a sorte nos acompañe. Rafael

No hay comentarios:

Publicar un comentario