Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

martes, 18 de mayo de 2010

AVISOS E CONSIDERANDOS (R.G.R.)

Queridos amigos:O sábado quedáranme os avisos. Quero dicilos e non predicalos. Na zona de Negreira, na década dos 60, tense fomentado o cooperativismo implicándose algúns cregos a fondo .Cando se falaba da solidariedade e da unión dos socios,condición fundamental. para o bo fin da cooperativa e se referían a que o dixera o crego,algún paisano preguntaba. Pero iso o cura díxoo ou predicouno? As consecuencias xa vos imaxinades que para el eran distintas.

1º.-No día das letras ocórreseme un poema que no ano 57 ,en que nos comezamos a andaina académica e vocacional, compuxo o finado de Novoneira e que di así:

GALICIA será a miña xeración quen te salve?
Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?
Non a forza do noso amor non pode ser inutle¡

Moi bonito o que nos brindou Andrés. Tamén e de alma de poeta o comentario que fai. Parabéns.

Moito se leva feito e a obra non está rematada. No 1976 adicouse a D. Ramón Cabanillas, tamén estudara no seminario de Santiago uns catro anos e daquela, ao mellor xa o contei, os libros en galego collían no maleteiro dun Dyane 6 e os LP de música galega en dúas caixas. Hoxe a Libraría Couceiro,na Coruña, que soamente vende libro editado en galego cóntanse por milleiros os exemplares. Comentoume un día que,nalgún hai varias novidades e cada semana pasan de media ducia.

2º.- Onte, por forza maior, non puiden ir a Santiago como era o meu deber. Estiven presente por representación. Non me botarían de menos Terei que xustificar a falta no caso de que pasaren lista. Parece que como sempre a nosa lingua ten moitos amores. A lingua é a alma dun pobo e todas elas son un ben prezado.

3º.-O poema co que Eduardo quixo honrar a Uxío ten unha forza inmensa. Describe unha realidade da que hai que partir para modificala. E un canto a esperanza. Ten moitas lecturas. Gracias
Eduardo.

As boas noticias positivas que a Eduardo lle gustaría ver hai que mirar con vidros de aumento para constatalas. Máxime nestes días que nos volven as nubes do pesimismo a turbarmos as mentes. Pobre do pobre. Os mercados que ninguén ten o gusto de coñecelos persoalmente veñen a amolar sempre aos mesmos.

“Un padrenuestriño para que Deus nos libere da xustiza”(Album Nos Castelao).Por hoxe mais nada,A todos saúde e sorte. O restante que precisemos virá de seu .Rafael.


POST DATA. Cando ía colar o texto precedente advertín que este fin de semana chegara moito xénero.(Así chaman os de etnia xitana á chatarra) Xa Antonio Puertas parecía que andaba en malos tratos coas musas pero por fin prestáronse a inspiralo cun excelente poema. Que non decaia a produción de calidade. Cóntanos mais prosaicamente cando te interveñen desa cirurxía que esperas para poder prestarche calquera axuda que precises.

Lin o que escribiches baixo un estado de ánimo airado respecto ao Xuíz Garzón e moi condicionado por esa dolorosa experiencia da perda ou asasinato dun tío en Madrid por ser católico. Cada un ,como dicía José Ortega y Gasset ,é el e a súa circunstancia. Por ese entendo que estas cousas vividas moitos anos dolorosamente inflúan na percepción da realidade. Fas ben cando ao final dis que tes que escribir porque se non traizoarías a túa familia que loitou e sufriu nas propias carnes e que iso debe esquecerse porque ninguén quere que se repita.

Cando un obra conforme a súa conciencia obra rectamente tanto no ético como incluso no xurídico. Cando no 92 foron os xogos olímpicos moitos xuíces absolveron,na experiencia de xuízos rápidos, sobre todo a sudamericanos, do delito de suborno,por pretender que o axente de tráfico lle dixese o que lle tiñan que dar para retirar a multa. Os xuíces entenderon que ao acreditarse que obraban en conciencia porque nos seus países era un hábito consuetudinario,obrando de boa fe, sen caberlles na cabeza que iso fora algo malo, non podían consideralos delincuentes..

Dito isto Amtonio con todo cariño e respecto tamén me terás que recoñecer, aínda que non o compartas, que os que teñen os avós ou familiares enterrados en fosas os queiran levar para os camposantos como nos gusta a todos.

Despois do que tamén comentou Andrés de forma sensata e como xa vexo que nos agasallaches coma sempre coa túa bonita lírica unha aperta e para o 3º Sábado de Setembro, vaino reservando, para vérmonos na Barca, en Muxía, preto da Camariñas dos teus quereres.

A Andrés agradecerlle que sempre haxa alguén vixiando para que a convivencia non se deteriore e que os comentarios que se fan se presume, como o valor nos militares, que se fan con liberdade e confianza sen pedir escusas. En relación coa monotemática e que iso pode apartar aos demais de participar eu penso,paréceme, que non debería ser a causa. Tampouco o nego. De todos modos como o meu compromiso foi participar activamente,unha colaboración semanal, por un ano que pronto se cumpre debemos revisar se o podemos canalizar de outro modo para que mais compañeiros se sumen a este clube comunicativo. A próxima semana adicareina a dar algunhas ideas a ver si prenden. Farémoslle así a revisión anual a criatura para ver o que precisa para seguir medrando en familia ou a damos en adopción. Xa está ben que se acaba o papel.

Con relación a Severino gracias como sempre Andrés por avisarnos. Cando me chamaches para darme a noticia,vai facer un ano,escribira para a Voz Dixital o seguinte:

Finaron dous filántropos

A Coruña acaba de perder dúas persoas benfeitoras da humanidade. Un deles ,o Doutor Camilo Veiras Candal, a quen glosou ese xornal, na edición de onte, divulgando as calidades que embeleceron o seu exercicio profesional, como médico oncólogo, ao longo de 40 anos. O outro, o Doutor Severino Calvo Barros de corpo presente. A súa incineración será hoxe Venres as 11 da mañá. Adicou case 40 anos tamén ao exercicio da medicina na especialidade de cardioloxía. Foi Xefe de Sección da U.C.I. do CHUAC e ex-presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias. Ambos traballaron en pór remedio aos dous males meirandes que rematan coas nosas vidas: o cancro e as doenzas do corazón. Debémoslle recoñecemento e agradecemento polo ben que deixan feito a tantos enfermos que teñen salvado e aos familiares que tanto consolo e axuda deixan dado. Ao seu abeiro téñense formado xeracións de especialistas que continuarán o seu labor para ben de toda a sociedade no momento en que os precisarmos. Os que tivemos a inmensa fortuna de beneficiarnos do trato e amizade dalgún deles estarémoslles agradecidos o resto da nosa vida. Que o mellor os acompañe para sempre. Descansen en Paz.

No seu cabodano ao que penso asistir que sirva de lembranza cariñosa que ambos merecen. Eu a Camilo,era Director do Oncolóxico, non o trataba. Saúdos afectuosos para todos. Rafael

No hay comentarios:

Publicar un comentario