Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 13 de diciembre de 2009

ACORDANZAS II

A todos un saúdo. Son as cinco dunha tarde domingueira. Día de sol .Temperaturas frescas. O marcador meteorolóxico sinala oito graos. De noite xeará .Ó outono váiselle a vida. As arbores de folla caduca parecen galiñas na caída da pluma. Un dos mellores espectáculos cromáticos prodúcense nos soutos e carballeiras. As follas van pasando progresivamente das tonalidades do verde, amarelo, vermello ata rematar no marrón escuro que é cando, unha a unha, vanse deitando na terra. Cada folla sofre o seu propio proceso cun ritmo diferenciado. O conxunto delas produce ese resultado tan asombroso para pintores e retratistas da paisaxe.

Hai que deixar a prosa e poñer a funcionar a memoria. Hoxe corresponde lembrar os anos nos que, en plenitude xuvenil, estudamos Teoloxía. (Hoxe queixámonos dos alumnos da E.S.O. As clases con D. Antonio Rodríguez Villasante coidades que tiñan algunha similitude?Aquela degradación ,que xa viña de atrás,permitida e tolerada non vos da que pensar? Deixémolo aí.)

Mirando para atrás. Costa xa traballo. Intentarei situarme no ano de 1965. Foi ano santo. Nese ano pasamos a proba de lume. Os exercicios espirituais xesuíticos. Quince días de silencio maior. Metéronnos en Belvís en pleno verán. Dounos un xesuíta relativamente novo. Non debía de ter moita práctica neses mesteres. Repetíase moito sobre todo nas meditacións. Nas lerias (pláticas) resultaba mais interesante. Eu procuraba desconectar contando os minutos,horas e días que faltaban para rematar aquela tortura. Vida de trapista (trapenses). A tarde do día oitavo podíase falar. Pola noite o xesuíta organizou unha festa de confraternización permitindo cantar e bailar. Estaba de moda aquel verán a “Yenca”.Os únicos que a sabían bailar eran os da Coruña, sobre todo Felpete que exercía de mestre de cada un de nós.

Respecto a que profesores me marcaron mais nesa etapa da Teoloxía vou a sinalar tres. Puideron ser algún mais. Non sei si ese ano ou o seguinte saíra o Decreto Conciliar sobre a formación sacerdotal. Fixárase unha idade para o retiro dos profesores. Xa no curso 66-67 desapareceron as vellas glorias. Debutaron os graduados nas universidades estranxeiras que se estreaban con nós ,na docencia, cunha enorme ilusión.

Un dos profesores que mais me impactou foi, en 1º, Ríos Fernández. Mágoa que non teña gardado os apuntes. Era fácil seguirlle as explicacións. O día que adicou aos séculos de ferro impactoume profundamente. Nunca escoitara a ninguén falar con esa claridade do que pasara na Igrexa durante os séculos IX ao XI. Papas de 18 anos fillos de papas. A simonía habitual. A relaxación de moral e costumes en mosteiros chegaba ao inimaxinable. O libro de texto saltaba eses anos dicindo que eran coñecidos como os tempos de ferro ou chumbo. A Gregorio VII que puxo orde adicoulle moitas clases. Como foi un gran reformador,deixaba caer o porque de cada reforma e os problemas que tiña para impoñela. Morreu desterrado. O seu lema fora amar a xustiza e odiar a iniquidade ou algo así. Tardaron varios séculos en canonizalo. Xoán XXIII seguirá a mesma senda? Vai ter razón Vilariño en que os tempos da Igrexa cóntanse por séculos cando outras realidades fano por décadas.

As clases del parecíame que duraban cinco minutos e os bic (xa os había) gastábanse decontado tomando apuntes. Reservaba os minutos finais da clase para facer digresións sobre feitos de actualidade. Quedoume gravado o comentario que fixo sobre o minifundismo das autoridades galegas da época ,en canto a ideas de futuro, sobre o importante que sería ter un aeroporto en Santiago ben comunicado coa Coruña e Vigo en vez de tres. Naqueles anos creo que chegou a estar cerrado Alvedro ou con moi poucos voos. Todos queren ter a súa leira para plantar o ceboliño e as patacas e así,co illados que estamos, non nos queda mais que emigrar. Estes comentarios, naqueles anos, axudaban a pensar. Non sei se aos demais vos causou o mesmo impacto.

Ao ano seguinte,mais ou menos,presentouse a unha oposición para cóengo e sacouna D. Ricardo. A antitese total. Eu intentei,moitos anos despois,a través dun profesor amigo,contactar con el e non fun capaz..Veraneaban xuntas as familias en Lorca, onde daba clases de grego. Faloulle de min varias veces pero díxolle que era incapaz de poñerme cara.

Outro dos profesores que tamén me impactou foi Rafael Silva Costoya. Tiña unha cultura bíblica impresionante. Que ben incardinaba os evanxeos na historia e nos movementos sociais e político relixiosos da época. Como desmitificaba interpretacións puerís da Biblia. Coñecía as ideas filosoficamente imperantes de cada tempo. Para min era un pozo de ciencia. Nada que ver con Precedo nin con D. Manuel Silva ou D. Ricardo.

Tamén foi un gran profesor Xosé Ramón Barreiro. Ademais de Dereito sabía moita Teoloxía. As clases de Marioloxía foron impresionantes. Misaba en galego nas ánimas,os domingos a unha. Non collía ningunha alma mais naquela Igrexa. Nunca tanta mocidade universitaria acudiu tan masivamente a aquelas misas. As homilias eran xoias.

Animounos a desempoar os libros do Santo Índice. Nel estaba Erasmo. Montaigne. Hume, Rousseau, Voltaire, Montesquieu,Boccachio, e moitos mais. Creo que foi no 66 cando desapareceu o Santo Índice de libros prohibidos. Na Biblioteca estaban nos andeis mas altos. Había que utilizar a esqueira para collelos. Se non te querías enzoufar tiñas que sacar un por un e sacudirlle o po fora e despois airear ben a roupa.

Xosé Ramón Barreiro ensinábanos a pensar. A ver a realidade con ollos de aguia e non de ra. Altura de miras. A non quedarnos coa casca da noz. A escudriñar o que hai debaixo. A analizar os problemas sociais descubrindo as causas radicais que os provocaban. Foi un autentico formador. Polo menos para mín. Facíanos saír do burato en que estabamos como os grilos, facéndonos cóxegas, para ver o que había arredor. Así o recordo. Logo na Universidade seguiu facendo un gran labor. Foi mestre de moitos investigadores da historia contemporánea. Na Real Academia tampouco o fixo mal.

É noite xa ben entrada e hai que rematar. Aos que cursastes Teoloxía isto provocaravos moitos recordos. Foron anos dunha vida emotiva e intelectual moi forte. Por hoxe nada mais.

Agora uns avisos:(Como din os cregos ao finalizar as cerimonias)

A Puertas :o conto é moi bonito. De pequeno os contos de cando os animais falaban eran os que mais me agradaban. Ademais non é nada extemporáneo. Mais ben é propio da época.

A Seco: Moi interesantes e documentadas as túas achegas. Se tes tempo segue seleccionando eses documentos que axudan a entender moito pensamento que anda por aí campando en moitos sitios como novidoso e é mais vello que a morte,

A Andrés L Amboage: que nos conte como descubriu a Rosalía.

A Senín: Que lle vaia preparando unha paréstica á súa amanuense ou escribana que agora en tempo de vacacións sempre hai mais xeito.

E a todos os demais dádenos unha alegría contándonos algo. Se vos apetece. Se non amigos como sempre. Atentos, na rede, a Teresa Forcades. Esa muller é un tesouro. Un día contareivos o que mais me impresionou dela. Vivamos como galegos. Maloserá¡ .Este anuncio é comercial pero ten un fondo subliminar. Deica a próxima. Rafael

No hay comentarios:

Publicar un comentario