Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 14 de diciembre de 2009

XOGO DEFENSIVO

Volvo comentar Paréstica de outono, hoxe sobre lingua. Non serei metódico porque as respostas serían repetitivas e cansinas.

     1. A miña opininón non ten ningún valor.
     Procurei dar argumentos lingüísticos, sociolingüísticos e psicolingüísticos xeralmente aceptados.
Procurei evitar argumentos patrióticos, ideolóxicos, sentimentais e estéticos porque pertencen á esfera persoal, case indiscutible.

     2. Non sei responder dos actos e ditos dos demais.
     Forzar situacións, como Camilo Nogueira, puido contribuír a acadar dereitos para o galego na Unión Europea. As linguas minorizadas, como os grupos discriminados, non conseguen nada gratuitamente. Reivindicacións que parecían utópicas ou estrafalarias no seu momento forónse convertendo en dereitos adquiridos que hoxe nos parecen lóxicos. Poño por caso o voto feminino: se non houbese mulleres que daquela foron descualificadas cunha reste de adxetivos pexorativos, seguro que hoxe non tiñan ese dereito que nos parece irrenunciable. Outro tanto podería dicirse da abolición da escravitude ou dos dereitos adquiridos polas persoas negras. Estas loitas, e outras, ainda non remataron.

     3. O castelán non se marxina facilmente, por fortuna, como xa se comentou. As linguas non compiten, somos nós os que queremos enfrontalas.

     4. O idioma que corre perigo é o galego, como xa se comentou.
     Aos argumentos citados ata agora podemos engadir a Resolución da Unión Europea (Axencia Europea de Linguas Minorizadas -EBLUL-). É unha axencia creada polo Parlamento Europeo e funciona como organismo consultivo para o  Consello de Europa e a ONU.
A  EBLUL:
- Reprende ao Goberno galego polas "medidas adoptadas contra o galego desde o pasado mes de abril".
- Avisa que "de continuar coa súa política de desprotección", trasladará a situación aos diversos foros internacionais onde a EBLUL participa.

O texto "informa" á Administración galega de que estas medidas  supoñen unha vulneración:
- De tratados  internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado espñol.
- Da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas.

O documento:
- "Anima" ao Executivo galego a que "poña fin" á situación e a "desenvolver unha política de extensión social da lingua propia de Galicia".
- Considera de "especial gravidade" que a Xunta "non teña en conta o último ditame do Comité de Expertos do Consello de Europa", que alertaba da situación en canto a normalización do galego.
- Afirma que "resulta de especial gravidade" que a Xunta "non só non puxese en marcha ningunha das medidas recomendadas" na Carta Europea das Linguas Minorizadas", senón "que se desmantelaron algúns dos proxectos máis aplaudidos polo Consello de Europa, como  a antiga rede de galescolas, definida no texto como "a única rede de ensinanza que contemplaba con normalidade o uso do galego".
     
     5. Amigo Ramón, non podo absolver de hipotéticos fallos lingüísticos, nin se me ocorre corrixir a ninguén, pero se me declaras cómplice, quero recordar, sempre no plano teórico, que:
- As variedades lingüísticas enriquecen un idioma e deben conservarse. Todos os idiomas as teñen.  
- Cada lingua ten os seus rexistros, entre eles o coloquial e o culto.
- Para falar en confianza pódese utilizar o coloquial. Eu, cando falo con persoas da miña parroquia de orixe, seseo de xeito natural porque así se fala na Mahía.
- Para escribir adoita usarse o rexistro culto, que teñen as linguas de cultura.
- Se escribimos normativamente, estamos contribuíndo a fixar o galego estándar, que quedou "degradado" pola represión e a erradicar a idea de que o galego é unha lingua de segunda, para falar na casa.
Moitos humoristas galegos  aseguran o riso fácil do público cun galego mal falado; así disimulan a falta de inxenio.

     6. É certo que non estudamos galego na escola, pero tamén é certo que ninguén nolo prohibe estudar agora. Contra o lavado de cerebro que leva a un rapaz a confesar que non se esforzou o suficiente en falar castelán, deberiamos reaccionar, aínda que sexa con 50 anos de retraso. A experiencia de Belvís que contou Rafael é elocuente e deliciosamente torturadora.

     7. O dicionario de máis garantía é Dicionario Xerais da Lingua (actualizado), que ademais é etimolóxico.
Está a punto de saír unha nova edición de Gran Dicionario Xerais da Lingua. Dous volumes; 2.464 páxinas; 100.000 entradas; diferentes niveis de uso e fraseoloxía.

     8. Eu quero ser máis positivo e pensar que a realidade non é intrinsecamente perversa, nin moito menos.
    
     9. Se o plurilingüísmo é un castigo bíblico, podemos acollernos ás profecías de Camilo José Cela Nostradamus, para dentro de 1000 anos. Asignemos unha lingua para cada continente. Propoño:
- Europa: a ladrar coma os cans mascota!
- Asia: a bruar coma as vacas sagradas hindús!
- África: a rinchar coma os cabalos árabes!
- América: a falar coma os papagaios amazónicos!
- Oceanía: a saltar coma os canguros! Pero caladiños, porque cinco xa serían excesivas linguas.
Mentres non remate o milenio, podemos seguir como estamos. Despois xa falaremos.

     10. Bacharelito, se non é erro, parece pouco respectuoso para alumnos e profesores deste tramo educativo; algúns destes  poden ler o blog e irche á chepa.

     11. Máis pertinente ca preguntar por que hai tantas linguas no planeta, sería interrogar:
Por que razón profunda todos os humanos (Homo sapiens) crearon linguas a medida que desenvolvían a intelixencia e a capacidade de se relacionaren e de se comunicaren?
A resposta animaríanos a querer as linguas e a non discriminalas.

     12. Os topónimos deberiamos usalos en galego, " a única forma válida", como Ferrol ou Pontecesures. Cóntase que navegaba don Francisco no Azor polas augas do Atlántico galaico, viu unha localidade moi iluminada e preguntou ao capitán:
- Que pueblo es aquel que tanto brilla?
- Es El Ferrol de su Excelencia, excelencia, repondeu o capitán.

    13. Esta entrada é un exemplo de xogada á contra, defensiva, coma de avogado do demo.
Espero non volver caer na tentación,
mais líbrame, senor Ramón,
de tan retórica incitación.
Amén.
              Eduardo Seco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario