Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 28 de diciembre de 2009

DUODENARIO MÍSTICO

   Acabo de ler a entrada de hoxe de Rafael, que penso comentar coa de onte, moi interesantes as dúas para o blog de mudos. Dou paso antes á que tiña programada para hoxe, porque ten data de caducidade.

   O ciclo de Nadal, duodenario místico segundo algúns etnólogos, inclúe as festas de Nadal, San Silvestre, Aninovo e Reis. Festas que a Igrexa contrapuxo en tales datas a rituais pagáns de simbolismo mítico.

Noiteboa
   Esta data, xa antes do nacemento en Belén, tiña carácter benéfico para destruír o perigo das noites máis longas do ano (solsticio de inverno), nas que os donos das sombras tiñan máis facilidades para perpretar o mal. Calquera meigallo ou bruxaría quedaba neutralizado.

Nadal
   Parece imposible fixar con rigor histórico día, mes e ano para o nacemento de Xesús. Baralláronse 15 posibles anos e outros tantos días para cada un. Esta cirunstancia non resta importancia ao acontecemento máis benéfico para a humanidade.
A Vulgata ameaza con excomuñón a quen non crea na data do 25 ao pé da letra. Pero tampouco a podemos tomar como libro histórico, pois sitúa o nacemento no ano 4000 da vida do mundo, data que a ciencia refuta con contundencia.
Ata o século IV o nacemento celebrábase o 6 de xaneiro. A partir desta centuria a Igrexa fixou o 25 de decembro.
É curioso que o 25 de decembro nacese Mitra e Osiris, os deuses do Sol. Xesús é a luz dos pobos, lumen gentium. 

Día dos Santos Inocentes  
   O 28 é o día dos Santos Inocentes. Se Xesús nacese o ano 1 da nova era, Herodes I o Grande xa tería morto catro anos antes, polo que non podería preguntar aos Magos polo lugar do nacemento de Xesús para decretar despois a matanza dos inocentes.
Para practicar a arte da risa, en Galicia eran frecuentes as inocentadas, as bromas, as chacotas, os chascos ou as pegotas. Grazas ao bispo Moratinos, sabemos que o 28 se celebraba o día dos obispillos: un neno vestíase con roupas sagradas e imitaba os xestos solemnes dos bispos; incluso os sacerdotes participaban na burla  vingándose do superior. A igrexa, no século XVIII, erradicou o costume e as inocentadas foron máis laicas.

San Silvestre
   O 31 de decembro está no centro do ciclo benéfico máis potente do ano (Nadal - Epifanía). Ningún demo nin bruxa pode causar dano o día de san Silvestre, vencedor de dragóns iracundos e vacina segura contra os sortilexios nefastos: San Silvestre, meigas fóra! Para desorientar as bruxas e poñelas en ridículo: San Silvestre, que hoxe é martes!
O día acaba ás 12 da noite, no medio dun ciclo de 12 días. Modernamente cómense 12 uvas e 12 son os apóstolos, que forman outro duodenario benéfico, corrompido polo 13.
Neste momento comezan outros tres períodos máxicos de 12 en 12 días: son as sortes, resortes e contrasortes.
Sortes: os 12 primeiros días; informan do tempo meteorolóxico de cada un dos meses do novo ano.
Resortes: do 13 ao 24 de xaneiro; confirman ou rectifican o prognóstico anterior.
Contrasortes: do 25 de xaneiro ao 6 de febreiro; axudan a precisar as previsións meteorolóxicas.

Día de Reis
   Era costume precristiá en Occidente facer agasallos e a variante do aguinaldo, ao remate do ciclo benéfico.
A tradición dos Reis comeza na Igrexa a partir do século X. Quizais non fosen tres, nin fosen reis, nin fosen magos. A escenificación actual débese a razóns simbólicas: o poder terreal póstrase ante o poder divino, e faino mediante a expresión do bo agoiro, é dicir, do agasallo (ouro, incenso e mirra).
O agasallo xa se practicaba na antiga cultura exipcia.
O mundo romano incorporouno como un rito a Strenia, deusa da boa sorte. De Strenia deriva estrear, usar por primeira vez.
Tamén se conserva a palabra celta aguinand, que derivou en aguinaldo: agasallo que recibían os grupos que ían de casa en casa cantando os reis.

   O 24 cantábanse, asimesmo, panxoliñas ou nadaliñas.
   Os aninovos, manueles ou xaneiras reservábanse para a tarde/noite do 31, como esta popular que me serve de despedida e de expresión dos mellores agoiros para o 2010:

  Ano  novo, ano novo,
ano novo velaí vén;
veña polo noso ben,
polo de vosté tamén.

Estas portas son de liño
e aquí vive un bo veciño.
Teñen marcos de amieiro
e aquí vive un cabaleiro.

Deus lle dea tanto pan
como hai regos en San Xoán.
Deus lle dea tanto viño
como auga vai polo río.

Deus lle dea tantas ovellas
como no ceo hai estrellas.
Deus lle dea tantas vacas
como no curral hai lapas.

                 Eduardo Seco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario