Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

martes, 2 de febrero de 2010

E OS PODERES DO INFERNO NON A VENCERÁN. E III

España é diferente
   Agora Roma non adoita excomungar nin declarar herexes. Acolle maternal a lefebvranos e anglicanos ultraconservadores.
   Pero España é diferente. Alguén dispara sen licenza contra todo que se move, nunha cazaría de herexes.
   "Quitar a vida a un ser humano é contraditorio coa fe católica. Os católicos que apoien a lei (*)... están na herexía, viven en situación obxectiva de pecado, están en pecado mortal público e non poden ser admitidos á sagrada comuñón; situación que leva aparellada a excomuñón automática".
(*) Ley de Salud sexual y reproductiva y de la interrupción voluntaria del embarazo. Hai simplificacións envelenadas
  Estas son as ideas de monseñor Camino.
  Monseñor Rouco apoia as declaracións do voceiro porque, di, repiten a doutrina oficial da Igrexa.
  Pois parece que esta non é a doutrina oficial. Non deixa de ser ousado atreverse a dubidar da doutrina episcopal. Custa crer que as locomotoras motrices descarrilen tanto ou collan camiño errado.
Opcións posibles para os viaxeiros do convoi:
- Tirarse do tren en marcha.
- Desengancharse do convoi.
- Deixarse arrastrar ao precipicio.
- Tirar do freo de emerxencia por se se consegue evitar o accidente. Parece a máis prudente.
Esta doutrina episcopal recorda tamén o concepto de pecado:
- Privado, perdoado coa confesión.
- Público, castigado con escomuñón e perdoado con arrepentimento público.

Obxeccións
1. A excomuñón e a herexía requiren, segundo o Dereito Canónico, uns procedementos que non se cumpriron nesta excomuñón urbi et orbi: "Isto vale para todos os católicos", dixo Camino, o que equivale a privalos dun dereito adquirido no bautismo: común unión.
Como deixou ben probado Rafael, con estas afirmacións vulnéranse os cc. 96 e 1.398 do Código de D. C.
2. O Catecismo holandés, aprobado por Ratzinger, non condena a pena de morte, nin sequera nas últimas correccíóns.
A historia de Igrexa, tamén da española, desminte con exemplos a doutrina episcopal.
3. O aborto xa hai tempo que está permitido en España. A xerarquía decide agora tomar as prazas e rúas. Parecen motivacións alleas. Ningún partido se comprometeu a cambiar a lei, se gañase.
4. Exércese violencia contra as conciencias dos cristiáns de boa fe, de fe sinxela. Utilízase a manipulación psicolóxica.
5. Para que haxa pecado deben darse tres condicións subxectivas. O pecado obxectivo é unha entelequia, unha disquisición teolóxica. Pero pecado, como afastamento de Deus, sempre é subxectivo. Non é así?
6. Creo que a excomuñón tena que asinar e comunicar o bispo ordinario, para cada diocesano. Que é a excomuñón automática anunciada nos medios de comunicación? Trátase de dereitos e deberes dos bautizados, lóxico que se rixa por un código: tribunal que xulga, que oe, que pide retractación e que comunica persoalmente a condena, se procede.
O bispo de Burgos, cun sorriso clarificador, dixo que o de herexía lle parecía esaxerado.
7. Ofende ao conxunto da Igrexa porque hai católicos que saben que esta non é a doutrina oficial.
O bispo de Granada compara o aborto co xenocidio.
O arcebispo de Mérida-Badajoz carga contra os políticos que manifestaron intención de seguir participando na eucaristía.
-Outro bispo (Barcelona?) dixo, en cambio, que nestes temas había que empregar a cabeza e o corazón.
 Escribiu Torres Queiruga que algún bispo non superaría un exame serio de teoloxía. Algo saberá o Andrés!

Problema moral dos  ricos
Henrique de Castro dixo: "Nos países pobres non hai aborto, os bebés morren nos primeiros meses por falta de alimentos, de auga, de menciñas básicas".
Un colaborador de Ellacuría, despois do asasinato deste, dixo: "Defender os pobres (no Salvador) é moi perigoso". Non lle sorprendeu a súa morte violenta.
Bieito XVI fulminou a teoloxía da liberación.

Ameazas tomadas a risa
   Este ataque da xerarquía coa artillaría máis mortífera (herexia, excomuñón) non tivo na sociedade actual os efectos que tería na época da Inquisición. Os bispos decatáronse e cambiaron de armamento
e de estratexia de ataque: "O aborto é un delito (civil) e hai que reformar o Código Penal".
  A Igrexa, que foi democrática e xirou ao absolutismo, quere dar leccións ás institucións democráticas que representan a sociedade.

Reserva espiritual de Occidente
   Nesta liña política ultraconservadora están os encontros das familias cristiás  que se veñen celebrando cada ano. Unha circunstancia que me sorprendeu moito na concentracción do 27 de nadal foi a asistencia de bispos / cardeais de Francia, Alemaña, Holanda, Austria, Portugal, Polonia,  Hungría, República Checa e Italia; grupos de cristians neocón  de países como Italia. Por que non se manifestan nos seus países respectivos?
Preténdese converter España na nova reserva espiritual de Occidente?
É a situación tan grave en España nestes temas morais?
  A exhibición pública como grupo de presión resta forza moral para defender a doutrina católica.
Algunhas afirmacións esaxeradas:
- O demógrafo Rouco prognosticou que sen familia cristiá Europa quedaría sen fillos.
- Nunha misa á que asistín pediuse para que as mulleres poidan ser nais.

     O fundador de Mensaxeiros da Paz sostén que a familia non corre ningún perigo nin está ameazada por ninguén, senón ben atendida polos poderes públicos.

Tempos de invernía
   A onda ultraconservadora estase apoderando da cúpula da Igrexa. Van desaparecendo teólogos como Schillebeeckx e outros foron silenciados. Pero a Igrexa somos todos. Hai moitos cristiáns que sofren esta invernía pero non teñen os recursos mediáticos e económicos da cúpula. Hai un foxo profundo entre a xerarquía e a maioría dos teólogos e dos movementos de cristiáns de base en moitos temas.

Medos da Igrexa
   Segundo Xoán Masiá, a Igrexa ten moitos medos. Medo á ciencia, á muller, aos medios de comunicación, á sexualidade e ao pluralismo.
Estes medos impídenlle dar pasos de revisión, sempre aprazada:
- Elección de bispos.
- Moral sexual.
- Celibato opcional do clero diocesano.
- Concordato entre a Igrexa e o Estado español (1953).
- Autofinanciación.
- Respecto á aconfesionalidade / laicidade do Estado.
- Respecto ás institucións sociais.
- Busca da xustiza, en vez de buscar apoios e privilexios.
Esta Igrexa, continúa Masiá, esquece o evanxeo de Xesús e opta polo poder que Xesús rexeitou.

Outra Igrexa exemplar
   A existencia doutra Igrexa, da que está cos pobres e discriminados, non lava a imaxe da descrita antes, máis ben a acusa porque evidencia o abismo entre unha e outra.

Están tristes
   Quizais obren así porque están tristes. "Todo o que está alegre obra ben e pensa ben", dicía o Pator de Hernás no século II. Quizais por iso traten as catástrofes como molestias e as molestias como catástrofes.

Causalidade ou casualidade?
   "A vida está feita de causalidades, pero tamén de casualidades". Cando acabara de escribir as tres entradas sobre a Igrexa, alguén me puxo nas mans (causalidade) un libro que acababa de ler por casualidade:
Conexión Tubinga. Alberto Canal. Edicións Xerais. 2008.
Unha novela de intriga teolóxica que pode transportarnos as anos de Teoloxía en San Martiño Pinario.
É o mellor colofón a estes artigos. Toca os mesmos temas e algunha sorpresa.
Recomendo a lectura. Eu lina dun tirón. Comentarei a novela devagar.
 
                Eduardo Seco

No hay comentarios:

Publicar un comentario