Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

martes, 9 de febrero de 2010

SEMPRE POSITIVO

Blogueiros que resisten
   "Os martes escribe no blog, aínda que non embarques". E seguindo este refrán non tan preguiceiro, saúdos para Fernando, Antonio e Rafael, os últimos de Filipinas. Pensando e actuando en positivo, poderiamos pasar da teoloxía práctica á grafoloxía práctica, pois a través do blog:
- Compartimos ideas, que son un valor.
- Beneficiámonos da opinión dos outros.
- Obrigámonos a pensar e a expoñer os temas que nos ocupan en cada momento.
- Renovamos amizades esquecidas na nebulosa de 40-50 anos. O reencontro con Antonio Puertas, Antonio Sánchez e Andrés L. Amboage, dos que non tiñamos noticia, son gratificantes.

   Somos quen de percorrer Galicia de sur a norte ou de norte a sur o terceiro domingo de setembro 45 mozos-vellos mal axudados e, nembargantes, somos tan poucos os que viaxamos pola autoestrada virtual e nos encontramos sen sair da casa. Acórdome dos que fixeron entrada e mutis polo foro, dos que prometeron entrar e non entraron e dos que practican ausencias notables.
   Madurar é dubidar e relativizar. Como todos pasamos dos 60, tampouco é para dramatizar. As circunstancias de cadaquén son privativas e mandan.

Acaparadores da mensaxe. Propietarios exclusivos?
   Considero positiva a lectura laica que fixo X. L. R. Zapatero do Deuteronomio, 24,14-15, no Almorzo de Oración de USA. Son moi acaídos os versículos para a actualidade xornalística, como os seguintes que non leu:
"Non torcerás o dereito do estranxeiro, nin do orfo, nin tomarás en prenda o vestido  da viúva. Acórdate de que fuches escravo no país de Ëxipto e de que Iahvé, o teu Deus, te rescatou de alí". Deuteron. 24,17-18.
Se cambiamos escravitude por emigración e Exipto por países americanos e europeos receptores de inmigrantes españois,  o texto conecta co noso pasado recente.  
A visita do Presidente e a lectura da Biblia sentou moi mal nalgúns sectores que se declaran defensores do catolicismo. Parecen os únicos usuarios lexítimos da Biblia,  como se a tivesen comprada en exclusiva.
   A cultura das civilizacións e o intento de reducir as abismais diferenzas entre o Primeiro e o Terceiro Mundo son valores moi cristiáns.
   Pensar en positivo é necesario, pero habería que facer chegar o descontento dos peóns aos enxeñeiros que dirixen a obra e algunha vez ofenden a intelixencia. Ignoro a fórmula e dubido.

Conexión Tubinga.
   Volvo sobre o libro finalista do premio Xerais de novela 2008. É a primeira novela de Alberto Canal, nado en Ourense en 1967.
O padre Amador (rector) prohibiu a lectura do libro Existe Deus?, de Hans Küng, no Seminario Divino Mestre de Ourense. É unha obra que pretende demostrar racionalmente a existencia de Deus.
Cales son os motivos da prohibición?
Tito Besteiro, un seminarista teólogo e admirador de Nietzsche, intenta desentrañar os motivos da prohibición, percorrendo o intrigante camiño que o levará á cidade alemá de Tubinga, onde perdura a historia do tradicional enfrontamento entre a igrexa tradicional de Ratzinger e a vangardista de Küng.
O castigo que sofre polo seu atrevemento ábreo á aventura do amor e axúdalle a superar a misoxinia que lle inculcaron. Pero, ao tempo, pono en situación de ter que decidir sobre o seu futuro.
Unha intriga teolóxica que encerra a historia dun rapaz que trata de buscar a súa identidade e o sentido da vida  nun ambiente de represión emocional e sexual.
Presentación  editorial

   Conexión Tubinga  xira arredor de:
- Personaxes reais, como Ratzinger, Küng, Nietzsche, Sartre, Erich Fromm, Hegel, Lefebvre, Clemente VI (Aviñón), Lutero, Rahner, Congar Schillebeeckx, Leonardo Boff, Tarancón, Marx, Freud, Kant ou Feuerbach.
- Personaxes de ficción, algúns son prototipos fáciles de identificar.
- Libros de Küng: Infalibe?, Existe Deus? e Iglesia.
- Acontecementos: Vaticano II, revolución de maio do 69, movemento hippy.
A acción desenvólvese no Seminario Maior de Ourense e na abadía de San Bernardo, quizais Oseira,  nos anos sesenta (Quinta en Filosofía e Teoloxía).
É un diálogo entre a teoloxía e a filosofía, entre a fé e a razón.
É un retrato psicolóxico fino de seminaristas teólogos, sacerdotes, monxes e bispos. Por estas paisaxes desfilan mozos indecisos que deben tomar decisións sobre o seu futuro, adultos que deciden sobre os subordinados. Persoas ambiciosas que buscan o seu ego. Persoas atormentadas polo seu pasado. Persoas hipócritas e seres honestos.
É un enfrontamento tenso entre a igrexa conservadora e a vangardista. Entre o fundamentalismo externo e a relixión humanizada.
Toca temas actuais, como o sacerdocio feminino, e tres mulleres, María, Hana e Davinia, ausentes as primeiras e presente Davinia, moven, sen pretendelo, a engrenaxe da trama novelesca.
É un libro que fai pensar, ademais de lembrar. Logo é lectura útil.

                                 Eduardo Seco

No hay comentarios:

Publicar un comentario