Problemas do disco duro
Súmome ao grupo de amigos que se alegran pola arribada de Rafael a porto Fogar, despois da travesia polo océano de augas verdes con salpicaduras de escuma branca. Nas recuperacións é aplicable a filosofía da medalla da dor: hoxe molesta menos ca onte, pero máis ca mañá. Coidádevos!
Coa información achegada sobre o doutor Garimet reflíctense dúas verdades:
- As fronteiras máis perigosas son as mentais. As trincheiras das ideas son máis inexpugnables cás de arames de picos.
- Os que teñen problemas co galego son normalmente os galegos que o mamaron de pequenos. Problemas do disco duro.
Factoría de soños
A prensa do luns dá noticias sobre a fábrica de soños, onde Ágora consegue 7 Goyas; Celda 211, de produción galega, 8; e onde Luís Tosar fala en galego diante de xente tan emperifollada, só Andreu estaba emperi, sen subtítulos en castelán ou inglés.
Na cova dos soños vimos:
- A deputados galegos afincados en Santiago que cobran dietas mensuais por máis de 1.000 quilómetros que non fan.
-Os fondos da Lotería Nacional do 25 de xullo xa non serán para o Xacobeo.
- A algún cura de Ourense, Tui-Vigo e Santiago como presuntos colaboradores-encubridores da trama corrupta de restauración de bens eclesiásticos coa empresa Da Vinci.
Da diocese de Santiago aparece a transcrición dunha conversa telefónica de don Crisanto, non o de Santo Antonio de Louredo, senón o cura de Lérez.
- Hoxe, dentro de poucos minutos, asistiremos a pactos de Estado, como os que propón Forges na súa viñeta do País.
Supoño que son efectos especiais destes tempos de cine.
Lectura
A viaxe do elefante levoume as viaxes de Caín. José Saramago. Alfaguara. 2009.
Saramago entra nos primeiros libros da Biblia. Tras o asasinato de Abel, Caín foi expulsado do paraíso e condenado a viaxar dun presente a outro, tanto do pasado coma do futuro, para atoparse con Xob, con Noé na arca, con Moisés no Sinaí, con Isaac; para estar en Sodoma, na Torre de Babel...nunha especie de Pentateuco apócrifo.
Nun itinerario heterodoxo Caín percorre cidades decadentes e establos, palacios de tiranos e campos de batalla, guiado por protagonistas do Antigo Testamento.
Caín manifesta a capacidade de Saramago para facer nova unha historia coñecida. Este irónico e mordaz percorrido lévanos a unha guerra secular, e quizais involuntaria, entre o Creador e a súa criatura.
55 mentiras sobre a lingua galega.
O outro día citei aquí este libro colectivo de Laiovento, publicado en novembro de 2009. Hoxe podo engadir que é unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma. É un libro útil para desmontar falacias, mentiras, sofismas ou arbitrariedades que circulan sobre o galego.
Os sofismas están recollidos de nove ámbitos:
A. Mentiras sobre a historia das linguas. 5.
B. Mentiras sobre sociedade e identidade. 12.
C. Mentiras sobre ensino e dereitos. 17.
D. Falacias na Administración. 2.
E. Falacias no mundo do comercio e a empresa. 7.
F. Mentiras sobre os medios de comunicación. 2.
G. Mentiras sobre a normativa do galego. 4.
H. Mentiras sobre a utilidade do galego. 3.
I. Mentiras verbo da cultura. 3.
O limiar non ten desperdicio. É unha obra rigorosa pero sinxela (77 páxinas), amena, fácil de ler e barata (5 €). Se non a mercades, estou tentado a flaxelarvos por unha tempada cun látego-resumo de 55 cordas ou mentiras.
De volta
As entradas de Senín e Andrés GV confirman que Ramón segue nas súas dúbidas metódicas e que o grupo coruñés sabe coidarse, a pesar do parte de feridos na guerra das idades.
Eduardo Seco
No hay comentarios:
Publicar un comentario