Estou de volta. No sentido primario da expresión, porque reaparezo neste medio despois de moito tempo sen poñer letra. E estou de volta, nesoutro sentido, de que xa non me chaman a atención situacións, accións e acontecementos que a algúns aínda os escandalizan ou desalentan ou confunden. Por iso non vos estrañedes de que non me sinta implicado nalgún dos moitos e variados temas que se comparten neste taboleiro. A título de exemplo, nestes días o noso carísimo Torres Queiruga publicou un artigo, a propósito de Haití, para axudar a comprender que as desgrazas nin as manda Deus nin pode el (aínda que "quixese") dedicarse a as atallar en conformidade coas nosas expectativas. A estas alturas da reflexión filosófica, científica e teolóxica resulta desalentador constatar que para moitas persoas a existencia da dor (o "mal") obxecta de pleno a existencia de Deus. Non creades que Andrés TQ deixa definitivamente esclarecido e resolto o problema, pero si aparta moita da ramallada que escurece a perspectiva. Vou incluír esa aportación de Andrés TQ e outra de Juan Antonio Estrada, xesuíta, como lecturas recomendables, que se apartan bastante dos camiños trillados e nos enfrontan coas nosas propias responsabilidades.
Hoxe, mirade que enredei lendo cara a atrás as aportacións de Seco, García Ramos (felizmente recuperado, anque aínda pendente de "retoques"), Senín, Puertas, Ledo. Síntome culpable de non frecuentar máis este taboleiro e por iso teño que acudir á boca pequena para pedir aos que son soamente lectores que dean o paso a escribidores. Que non fagan como fixen eu nestes meses pasados.
O día 12 pasado a ong católica Mans Unidas (son o consiliario do Comité da Coruña) facía público o seu Manifesto anual con motivo da súa LI Campaña. E nese día en moitas parroquias e grupos cristiáns faise unha acción/oración solidaria cos empobrecidos do mundo consistente na degustación dun par de culleradas de arroz branco e medio vaso de auga. Isto faise porque Mans Unidas promove o Xaxún Voluntario, isto é, que nos absteñamos de comer nese día e que o importe do aforro se ofreza para a Campaña contra a Fame. Así o bocado de arroz acaba tendo un sentido máis explícito e brillante.
Así que aí me tedes, entre a decisión de facer xaxún, con Mans Unidas, ou asistir ao xantar fraterno que convocou Vázquez Posse para os colegas da Coruña e que formalizou Pereira Castiñeiras. Xuntámonos para dar boa conta do lacón con grelos Juan Sanlés, Dans Couto, Felpete, Dios Vigo, Vázquez Pose, Suárez Cotelo, Pereira Castiñeiras, Sánchez Otero, Fernández Barros, Puertas Lema, Cotelo Felpete e mais eu. Doce en total, número simbólico da totalidade. Naquela mesa, e non soamente na nosa mente ou na imaxinación, estabamos todos os compañeiros. Alí compartimos algunhas novas: a operación cirúrxica de Garcia Ramos, a lesión de Rial Varela nunha perna (que parece ten menos importancia da que alí lle demos), e xusto ese día Gómez Verdía foi ingresado no Hospital da Coruña para ser sometido a un cateterismo e evitar así un inminente e perigoso infarto. Máis información: o noso compañeiro Lago González recibiu de mans do arcebispo a Unción dos Enfermos nun solemne acto na catedral, acompañado por un bo grupo de fregueses de Abalo e Dimo. Foi o día 11, Xornada (eclesial) Mundial do Enfermo, no contexto dunha peregrinación de enfermos de toda Galicia a Santiago, celebración organizada polas delegacións dicoesanas de Pastoral da Saúde. Carlos está moi mermado na súa mobilidade, anque segue activo e á fronte das dúas parroquias citadas.
Ben, por hoxe chega.
Andres GV
No hay comentarios:
Publicar un comentario