Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 28 de febrero de 2010

GANDUXANDO IDEAS

Saúdos
   Tras 10 días sen abrir o blog, tópome cunha fecunda produción; non sei se polos efectos benéficos das viandas mesiánicas, ou do arrecendo da flor de mimosa, que está anunciando a primavera, musa de prosistas e poetas, como Antonio e Andrés. Benvidas, pois, as celebracións e a estación que resucita vexetais e animais aletargados.
   Nestes días de turismo por terras catalás comprobei  que me entendín con eles perfectamente en castelán, que entre eles tamén se fala en castelán, especialmente en Tarragona. Celebran  misas en catalán e castelán;  asistín a unha en catalán e entendín practicamente todo.

Fiando ideas
   A lectura das entradas de Fernando, de Rafael, de Antonio e dos Andreses suxírenme uns comentarios que vou ganduxar axiña.
   Haberá que darlle un toque ao alcalde Boqueixón para que poña orde no Campo do 26. Como non hai mal que por ben non veña, o ruído musical levou a Fernando a refuxiarse na escrita e a agasallarnos coa entrada da filloa.

Botellón
Sobre o botellón subscribo as ideas de Andrés, "felizmente resucitado", en palabras do tocaio. Quizais non nos apurasemos a contestar porque xa somos máis avós ca pais. Os fillos xa son grandiños e non nos afecta tan directamente o tema.
   O fenómeno botellón parece universal, globalizado, como case todo, e estanse incorporando a el rapaces cada vez máis novos. Poucas veces se fala da responsabilidade dos pais, que lles dan cartos e permiso. Pero tampouco son os únicos responsables e moitas veces non saben como plantarse, ou non se atreven. Responsables somos todos un pouco, como dicía Andrés. Desde a educación individual de cada adolescente para tomar a opción de diversión ata o labor dos centros de estudo, pasando por iconos sociais que se exhiben como modelos nos medios, carreira fulgurante de famosillos analfabetos que de repente se converten en formadores de opinión en moitas tertulias, maneiras de gañar diñeiro fácil... Sempre penso que os educadores fracasamos cando vexo as concentracións  de fin de semana, cando observo destrozos no mobiliario urbano, ou espazos públicos sucios. A capacidade de influencia da escola é mínima fronte á potente maquinaria social antieducativa. Pero consolan os exemplos positivos, que tamén hai moitos.
   Nesta sociedade do benestar estamos tan  infantilizados que ata delegamos as obrigacións de pais-educadores en papá Estado (alcalde ou policía) como se os comportamentos non fosen decisións individuais. Inconscientemente estamos dando por válido que as persoas somos gregarias e actuamos como rabaños.  
   Mentres os pais, e o resto da sociedade, non  nos impliquemos, algúns adolescentes seguirán inmersos nese consumismo compulsivo etílico de fin de semana. É certo que non todos se emborrachan nin todos destrozan mobiliario urbano nin todos rematan en urxencias, pero sempre estamos tentados a xeneralizar inxustamente e a converter a parte no todo.

Exemplo que damos
   Tirando do fío, chegamos á exemplaridade que debemos aos máis pequenos, como explicaba Rafael. Creo que ás veces os máis novos son o noso espello, pero os adultos non nos recoñecemos e só vemos a imaxe deformada e idealizada de como eramos nós de mozos. Repasemos o que soa estes días nos medios:
- Un ex presidente fai un xesto de macarrilla ou de neno borde. O mesmo preguntaba hai uns meses: Quen es ti para dicirme se podo ou non podo beber unha copa de viño? Déixenme beber tranquilo!
- Un deputado, Nacho Uriarte, admirador do anterior e membro da comisión de seguridade vial, é cazado in fraganti cunhas copas de máis  nun accidente de tráfico.
- Esperanza, a que non é virtude teologal, chama f. de p. a un compañeiro de partido. Disculpouse asegurando que non se refería a Gallardón. A outro xa o pode insultar?
- O candidato á alcaldía de Pontevedra, compañeiro dos anteriores, usa a mesma orixe materna para referirse aos medios de comunicación.
-  Outra líderesa política intenta insultar ao presidente do Goberno e, de paso, insulta a todos os galegos. Converte un patronímico neutro nun insulto "no senso máis pexorativo do termo". Discúlpase o aparato do seu partido acusándonos de novo de intolerantes, de portadores de complexo de inferioridade, de faltos de sentido do humor e de perturbados nacionalistas. Quedas disculpada, querida Rosa murcha de xardín de outono!
- Na maioría das celebracións sociais corre o alcohol e está ben visto. Os máis pequenos miran. Copiarán despois?
- "Viva el vino!", dicía un ilustre pontevedrés, como colofón.
   Se os defensores dos principios sólidos, das conviccións profundas e dos valores universais actuamos así, algo de responsabilidade teremos na educación e comportamento dos mozos e mozas.
   A educación sería a clave, escola de pais e escola regrada. Os curas neste tema non me parecen tan culpables, a pesar de celebrar con viño o acontecemento litúrxico máis importante. As mensaxes negativas que perciben os mozos dilúen as contrarias.
"Abride escolas e han pechar os cárceres", escribía Concepción Arenal no século XIX.

Cortina de fume. Cobro de facturas
   O caso Garzón significa que a transición aínda non está consumada. Quedan moitos franquistas-falanxistas, asociacións herdeiras ideolóxicas do franquismo e políticos corruptos que deron cuns maxistrados/xuíces de ideas parecidas e desexosos de pasar factura. A intervención do instrutor do caso, sen entender  eu de dereito, parece cuestión de celos profesionais.  Esta simplificación é a conclusión á que estou chegando despois de ler e escoitar as noticias. O intento de linchamento de Garzón serviría para tapar a corrupción do caso Gürtel  e para tapar a negra historia do franquismo. Colaboradores necesarios, uns xuíces e maxistrados que matan dous paxaros dun tiro. Converxencia de intereses: cicloxénese explosiva, a tormenta perfecta para ocultar outros asuntos (primeiro grupo) e para amosar outras estrelas da xudicatura (segundo grupo).

Suma e sigue
   Poderá ser Garzón a penúltima vítima do franquismo?  Tirando da suma, seguimos coa Lei da Memoria Histórica. Chamoume a atención unha noticia do País de 24-01-10, recollida en Camuñas (Toledo).
O arcebispado de Toledo tamén abriu as fosas dos seus mortos para exhumar os restos de nove curas, vítimas dos republicanos, e candidatos á beatificación.
   O bispo auxiliar, Carmelo Morobia, visita a fosa e di: "Oxalá que isto nos sirva para non repetir nunca as barbaridades que fixemos na guerra".
  E defende a Lei da Memoria: "É de todos, claro que me parece ben que se abran fosas.Desgraciadamente, todos temos que pedir perdón pola guerra e todos temos dereito á Lei da Memoria".
   O médico forense Francisco Etxebarría conta que no País Vasco hai máis de 600 peticións de apertura de fosas e que só tres pertencen á represión republicana: "Vítimas hai nos dous bandos, pero un deles gañou a guerra. E por iso as únicas fosas esquecidas eran as dos republicanos, porque as outras xa se estudaron e protexeron durante o franquismo".
   "Nas fosas republicanas a investigación parte de cero, ou tes que esperar dous anos para conseguir o texto do consello de guerra", explican un investigador do CSIC e unha antropóloga.

Invento vello
   A memoria histórica non é un invento de 2007. O BOE proba a preocupación de Franco, desde 1936, por pedir un censo de desaparecidos, encargar a un grupo de expertos un protocolo de exhumación e preservar por lei as fosas comúns para que non se profanasen nin se construíse sobre elas. Isto éra válido só para as vítimas dun bando.
   O censo de desaparecidos ou falecidos ía acompañado de: "Muerto gloriosamente por Dios y por España". E mesmo atendeu "tan justas aspiraciones de los familiares de aquellos que tan gloriosamente cayeron víctimas de la barbarie roja", é dicir, recuperar os corpos das fosas comúns donde xacían.

Club de remendados
   Coñecía o club dos poetas mortos, pero non o dos remendados. Somos os superviventes da famosa e cruel guerra dos 65 anos. Felices os que podemos contalo. Adeu.
                              
                       Eduardo Seco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario