A San Andrés de Teixido
irá de morto
quen non foi de vivo.
Santo Andrés de Teixido (A Régoa) é un santuario mítico. A lenda explica que chegou André por mar ao lugar de Teixido, que desembarcou e que a barca se petrificou: penedo coñecido como a Barca do Santo.
Outra versión conta que chegaron Xesús e Pedro (irmán) a Teixido e atoparon a André deprimido, morriñento e envexoso de Santiago, por ser patrón dun lugar tan afastado que ninguén ía visitar. Xesús compadeceuse e prometeulle unha romaría que só desaparecería coa fin do mundo: a ela irán todos, de mortos se non foron de vivos; e quen vaia sete veces acadará a salvación eterna.
O morto pode ir transmigrado en cobra, lagartixa, sapo, lagarto ou paxaro, que se camiña cara ao norte, é sinal de que esa alma vai buscar a redención.
Outros defuntos reciben a axuda dos vivos: a Teixido chegan autobuses con asentos baleiros, reservados por algún familiar para a alma dalgún devanceiro.
San Andrés de Teixido é santuario :
- De morte: hai ofrendas de ataúdes.
- De saúde: mentres se tiraba unha pedra ao tellado rezábase:
San Andrés, unha pedriña,
para o ano que vén
voltar sanciña.
- De amor: mozas e mozos acoden para atopar compaña e buscan (mercan) a herba de namorar.
Este lugar máxico foi cristianizado, como tantos outros, pois era lugar de peregrinación para participar en ritos pagáns, precristiáns, relacionados coas pedras, coas árbores e coa auga.
A relixión dos druídas compartía co cristianismo a existencia dun Creador invisible e a inmortalidade da alma. Teixido puido ser, antes do cristianismo, unha especie de Meca pagá.
Santo André ten moitos puntos de conincidencia con ritos e cultos da relixiosidade celta:
- Santa Ana de Bretaña.
- San Patricio de Irlanda.
A ambos os dous santuarios van tamén de mortos os que non foron de vivos.
Algúns santos chegaron tamén a Irlanda en barcas de pedra.
A peregrinación a Teixido tiña un rigor penitencial impresionante: ir a pé, baixar a costa de xeonllos e pasar tres días de xexún. Isto evoca o Purgatorio de San Patricio en Irlanda, no que desde o século XII os irlandeses poden substituír con penitencia voluntaria en vida a penitencia forzosa despois da morte.
A barca de pedra tamén se repite na Virxe da Barca de Muxía.
Santo André é titular de 73 parroquias galegas. Os de Teixido celebran a festa o 8 de setembro.
Pasou o 25 de Santos, festa de santa Catarina, que tamén celebrabamos con solemnidade nos anos de Filosofía. Catarina era natural de Alexandría e a tradición asimilouna a Hipatia, célebre filósofa pagá, e fixo dela a Palas Atenea cristiá. Coa protagonista de Ágora volverei noutra entrada.
Cóntase que coa súa sabedoría Catarina venceu dialecticamente a 50 sabios de Alexandría, que se converteron ao cristianismo. Ela, sendo rapaza, fora convertida ao cristianismo por un ermitán.
Tamén se di que rexeitou casar co emperador Máximo II, polo que foi castigada e martirizada con saña. Foi librada de morrer de fame grazas a unha pomba que lle levaba comida á cela. Librada de morrer nunha roda dentada grazas a un raio que destrozou a roda e deixou cegos os verdugos.
Finalmente, morreu decapitada, pero da ferida manou leite en vez de sangue.
Santa Catarina é patroa dos filósofos, dos teólogos, do Tribunal da Rota e de numerosos gremios medievais que usaban a roda no oficio. Tamén da morte repentina.
É titular de tres parroquias. A reforma posterior ao Vaticano II eliminouna do calendario litúrxico universal.
A outra santa, Catarina de Siena (século XIV), celebra a festa o 29 de abril.
O 25 de novembro comezaba para os druídas o ruis, o mes do sabugueiro, o último dos 13 meses máis un día nos que dividían o ano. Era o inicio da fin, o período no que o Sol chegaba ao solsticio de inverno para volver a crecer até San Xoán. Este día desmesado encaixaba os días para que 13 meses de 28 días sumasen 364 días + 1 = 365. Era o Día sen nome. Coa cristianización pasou á véspera de Noiteboal.
Co calendario posterior o sentido deste día trasladouse ao tempo intermedio entre o último día do tempo ordinario e o comezo do advento.
O mes estaba baixo a protección do sabugueiro, sabuco, sabugo ou bieiteiro; as ramas do cal se bendicían o día de San Xoán.
O sabugueiro ten propiedades diuréticas, diaforéticas, laxantes e emolientes, que foron aproveitadas en Galicia para elaborar receitas medicinais.
O sabugueiro comparte propiedades máxicas entre os galegos, os rusos e os bohemios para rexeitar os malos espíritos. Quizais sexa o forte olor o que o converte en amuleto odorífico, en forma de bastón ou
introducido nas rendixas das casas a véspera de San Xoán.
Eduardo Seco, Ringo.