Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

domingo, 22 de noviembre de 2009

ACORDANZAS


Ola¡. A todos.

A tarde do Domingo ,a non ser que outras ocupacións importantes mo impidan, adícoas a manter estas comunicacións. Son unha maneira de ter relación entre nós. Como anunciei hoxe vai sobre aqueles profesores cos que convivimos en Belvís e dos que conservo un recordo agradábel.


Tardei como 15 ou 20 anos en volver a aquela casa enorme que foi para min ,de pequeno ,o Seminario Menor da Asunción. Volvín ou volvemos na década dos 80 para ter alí unha convivencia. As aulas parecéronme diminutas e retacas. Os corredores estreitos..As xanelas, teitos e galerías dos claustros achaparradas e minúsculas. Comenteino unha vez cunha profesora de Física e díxome que era normal. De pequenos temos temos un sentido do tempo e das dimensións moi distinto a cando somos maiores. Todo é proporcional. Un curso duraba unha eternidade. O primeiro curso que estivemos alí, cando marchei de vacacións, a meirande preocupación que tiña era se sabería andar en bicicleta ou tería que aprender de novo e se tería que aprender a nadar outra vez. A alegría que tiven foi inmensa porque o aprendido non o esquecera.


Indo ao grao. Da comunidade de pequenos o profesor que mellor recordo teño del foi o xa falecido D. Carlos Gil. Aos que falaban moito cos superiores chamabámolos “pelotilleros”:Para min era algo pexorativo e de aproveitados. Nunca me acercaba espontaneamente a eles. Penso que D. Carlos era consciente diso e falaba cos que menos os tratabamos. Comigo debeu de falar tres ou catro veces sobre se tiña morriña,que facía nos veráns,como se pescaba e sobre barcos e viaxes que había para ir do Cabo da Cruz a Vilagarcía. Todo isto nos recreos. Andaba sempre de bo humor e non lle tiñamos medo como a outros.


Na comunidade de maiores pasei una etapa á marxe dos superiores. Nunca fun ao despacho de ningún a non ser unha vez cada curso ao do padre espiritual. Non tiña notas moi boas nin moi malas tanto en conduta como académicas. Movíame polos beneméritus e valdeméritus e algún méritus. As matemáticas non me gustaban e aprobaba con trampas. Dos profesores do que mellor recordo teño e de D.Eugenio Rodeja. Tiña fama de ser duro, esixente e de suspender moito. No primeiro día de clase mandou saír ao encerado e ninguén daba pe con bola do que el lle mandaba facer. O segundo día puxo un exame. Sería hoxe o equivalente a unha avaliación inicial. O terceiro día dixo que non sabiamos nada. Eramos un desastre. Dounos 15 días para pedir a casa os libros dos cursos anteriores e que no 1º trimestre repasariamos o xa dado e no 2ª trimestre empezariamos a materia de 5º.


Nese trimestre aprendín a operar con decimais, con quebrados, potencias ,regras de tres, de interese e de compañía, despexar incógnitas de varios grados, resolver problemas que antes era impensable e sobre todo que me gustasen as matemáticas. Aquel ano aprendemos cálculo, álxebra a integrar e derivar, trigonometría e resolver problemas dunha complexidade enorme. Ese curso levei un valdeméritus por méritos propios. Despois dounos clase de Ciencias e tamén foi moi bo profesor. Habíalle moito respecto e algo de medo pero para min foi un gran profesor.


Desa etapa teño magníficos recordos dos compañeiros, de Fernando Ledo, Severino Calvo (d.e.p.),Iglesias Muras,Castro Bahamonde e algún mais que formabamos un chamado exercito do que era Xeneral indiscutible Fernando. Conforme gañabamos puntos e partidas de frontón acadabamos graduación militar que el nos confería .Eu non pasaba de tenente. Aspiraba a comandante pero nunca o conseguín. Gardo tamén bo recordo de Andrés Vilariño,compañeiro de pupitre .Téñome confesado ,de verdade ,de terlle envexa porque debuxaba moi ben uns monicreques que a min no me saían. O debuxo foi un déficit moi grande na nosa formación.


A próxima vez contareivos algo dos anos de filosofía xa en Sanmartiño Pinario. Noutra orde de cousas quero comentar a postura clara e valente que tivo o Consello da Cultura galega, no escrito que mandou ao Parlamento,polas polémicas irracionais sobre o idioma galego:”Alerta sobre a falsidade que supón a asociación do galego e a imposición do castelán e a liberdade Resulta unha groseira falsificación da realidade que carece de toda base na Historia remota e recente do noso país” Opina o Consello que a Administración debe ter un apoio especial co galego para superar a desvantaxe resultado do mal trato que recibiu no pasado.


No Consello da Cultura Galega están representadas as academias e fundacións mais importantes de Galicia e o Presidente de honra é o da Xunta. A ver se non andamos para atrás. E agora para terminar mandar uns recados:


A Fernando que non debe andar moi descamiñado porque a mesma sensación lle produciu a mais xente ver AGORA. Así que cando o común sentir vai nesa dirección pode ser criterio de verdade.


A Eduardo que moitas gracias polo resumo que nos fixeches do libro de Alonso Montero. Moi elocuente. Os documentos son un dos mais importantes medios de proba admitidos no dereito.


A Puertas que xa pensei que as musas non te visitaban. Vexo que si. Continua facéndonos partícipes das túas creacións líricas.


Vou por punto final pero antes unha pincelada de humor. Acabo de ler un libro recentemente saído do prelo. “O Contencioso de Sargadelos” de José Manuel del Caño en Edicións Linteo. Lese moi ben porque é unha gran entrevista que lle fai o autor a D. Isaac Díaz Pardo. Pregúntalle: Lembra algunha escena memorable de Laxeiro?
“Cando lle deron a beca da Deputación,parece que debía algún mes na fonda onde se hospedaba e o pousadeiro, ao ver que lle concederan miles de pesetas, díxolle: ¨Señor Laxeiro, agora poderame pagar”. E Laxeiro contestoulle: “Pero a quen lle deron a beca a vostede ou a min”.


Fíxovos rir?.Deica a próxima. Rafael






















No hay comentarios:

Publicar un comentario