Benvidos


Belvís

Belvís
Seminario Menor de la Asunción - Santiago

lunes, 23 de noviembre de 2009

Lección maxistral !!! O MAGOSTO

     Cae a tarde no souto. O sol atravesa tímido os clareiros dos castiñeiros que empezan a marelecer e se van espindo na primeira cita co outono. Baixo o claro-escuro de fachendosos exemplares, unha camposa verde clara, húmida e vizosa con cogomelos curiosos que, invitados polas chuvias outonizas, non queren perder a festa. No centro, uns cachotes de granito, resignados a conter o lume do magosto.
    
     O magosto é unha xuntanza festeira  para asar e comer castañas. Era celebración frecuente cando a castaña era protagonista na alimentación humana. Recuperouse ultimamente grazas a asociacións ou grupos de veciños e amigos, a centros educativos e a cantos queren compartir e recuperar esta tradición.
     Os días de Santos e San Martiño son datas claves nos magostos, pero pódense programar a gusto na segunda quincena de outubro ou na primeira de novembro. Só se necesita bo humor, leña, castañas e viño, que xa pode ser novo. Os más esixentes levan chourizos para tirar da bota  e lambetadas.

     M. Murguía quixo ver no magosto de Santos, véspera de Defuntos, un banquete funerario que simbolizaba a morte e a vida a través da castaña e do viño.
     Outros pensadores románticos asociaron as fogueiras con altares de sacrificio dunha festa pagá.

     Proba da importancia que a castaña e o castiñeiro tiveron en Galicia, consérvase unha rica literatura popular, expresada en ditos e refráns, adiviñas e cantigas, coma esta que relaciona faenas agrícolas:
Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas,
para comer coas mozas
catro castañas asadas.
     Se non pode ser no monte, tamén se argalla o magosto en parques ou prazas de vilas e cidades. Forma parte do ritual sentar arredor do lume, atizalo e aturuxar cada vez que estoupa unha castaña sen picar. Ao final, se hai xente miúda, empeza o xogo de tisnarse ou mesmo de guindarse castañas. Antano remataba o magosto con cantigas e bailes ao son do pandeiro ou da pandeireta.

Gastronomía
     A castaña, como alimento cotián que era, tamén se comía e come:
- Cocida en auga con sal, en leite; aromatizada, segundo comarcas e gustos, con  névedas ou fiúncho.
- Crúa, amolecida en leite ou en viño; pódese adozar con mel.
- Seca, chamada maia ou pilonga.
     Nas feiras e romarías non faltaban os rosarios de castañas: colares feitos con castañas cocidas coa pel e atravesadas por un fío.
     A cociña moderna recreou outras fórmulas para un produto tradicional e apareceron recitas como:
- Castañas anisadas.
- Castañas en xarope.
- Castañas en ourizo.
- Purés de castaña.
- Arcea con castañas.
- Perdiz con castañas.
- Parrulo con castañas.
- Crema de polo e castañas.
- Polo recheo de castañas.
- Lebre con castañas.
- Crema de castañas.
- Pastel de castañas.
- Tarta de castañas.
- Marrón glacé, moi ben acollido nos mercados internacionais.
     Ademais de galano para o padal, tamén se recomenda a castaña para combater as doenzas de ril, hipertensión, artrite e reuma.

A castaña  en Galicia
     A castaña cultívase en Galicia desde a época romana. Catón, Varrón e Plinio o Vello dan fe disto.
     A cultura romana estendeu polo vasto imperio o castiñeiro, especie forestal procedente de Turquía.
     No medievo os monxes anovaron montes e ensinaron a cultivar castiñeiros, quizais pola calidade da madeira e pola riqueza nutritiva do seu froito.
     Durante séculos, a castaña foi en Galicia alimento básico nunha economía de subsistencia. Unha cunca de leite con castañas e mel era  cea habitual; tampouco faltaba como gornición da carne.
     A pataca, traída de América e cultivada por primeira vez en Galicia no 1768, xeneralizouse no consumo humano a partir da guerra da Independencia. Substituíu á castaña como alimento tradicional e nalgures aínda as patacas se coñecen por castañas, castañas da terra ou castañas mariñas.
     A castaña galega expórtase a países de Europa e de América e Xapón.
     Cando os ourizos se abren por novembro, os castiñeiros varéanse con baloiras ou paus longos, separáranse as castañas dos ourizos (ourízanse) e lévanse ao sequeiro, construción con piso de táboas separadas e furadas, debaixo do que se prende o lume para que o fume seque e cure as castañas estendidas riba das táboas. Do sequeiro pasaban ao canizo, armazón de cestaría colocado sobre a lareira, para secar e afumar produtos agrícolas.
    Cando a produción era abundante, a ceifa das castañas tiña identidade no calendario agrícola. Actualmente é máis escasa, como consecuencia das agresións que sufriu o castiñeiro.

O castiñeiro
     Poucas árbores son tan entrañables para os galegos coma os castiñeiros: amais de alimento, proporcionaba madeira nobre para casas e mobles; esixe  poucos coidados porque se autoesterca coas follas caídas no outono.
     Tamén era o compañeiro inseparable que ofrecía sombra, abrigo e intimidade nas xuntanzas dos veciños ou nos xogos infantís, cando medraba en soutos abeirados ás aldeas.
     O castiñeiro galego corresponde ao tipo europeo (Castanea sativa), asentado desde Portugal ao Cáucaso, pasando por Canarias. Pode alcanzar dimensións espectaculares en Galicia polas favorables condicións da terra. Salientan os castiñeiros de Quintela (Lalín), cualificados pola FAO como os mellores exemplares de Europa.
     Os soutos reducíronse en Galicia a menos dun terzo dos que houbo noutros tempos. Un causante foi o mal da Tinta, que apareceu entre os séculos XIX e XX e arrasou un 85% dos castiñeiros das comarcas litorais. A corta abusiva, propiciada polos altos prezos da madeira e polo medo á peste, completou a desfeita.
     Cruz Gallástegui conseguiu por primeira vez en España, un híbrido de Castanea sativa e Castanea crenata (castiñeiro xaponés) resistente á Tinta.

Pasado, presente e futuro
     Para comerciar coas castañas naceron as castañeiras, un oficio urbano e temporeiro de inverno; eran mulleres que se instalaban en calquera curruncho frecuentado da cidade para vender castañas asadas alí mesmo nuns caldeiros habilitados como fornos.
     Modernamente, substitúese o caldeiro por unha minilocomotora, que permite ao castañeiro/a desprazarse á busca de posibles compradores.
     A castaña silvestre utilizábase como amuleto contra o mal de ollo e a envexa. Os máis crédulos levábanas no peto para se veren libres das almorrás.
     Parece que empezan a soprar mellores ventos para o castiñeiro. A Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra) investiga programas de reneneración do castiñeiro, que permiten recuperar soutos que foran invadidos por piñeiros.

Gustáronme as entradas de Antonio e Rafael. Vaime ser difícil continuar na liña de lembrar profesores positivos, pero intentareino.

                      Eduardo Seco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario